Saltar ao contido

Esquema corporal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O esquema corporal é un concepto empregado en varias disciplinas, incluíndo psicoloxía, neurociencia, filosofía, medicina deportiva e robótica. Pode referirse tamén a unha técnica de educación física ou a unha técnica de debuxo de persoas ou outros seres vivos.

Do latín schema, e este do grego σχῆμα, "figura", e do latín corpus, "corpo", en particular o tronco, e tamén "figura"; nalgunha acepción provén da adaptación do inglés postural schema e body schema.

Véxase tamén: Imaxe corporal e Propiocepción.

O modelo postural

[editar | editar a fonte]

O neurólogo Sir Henry Head definiuno orixinalmente como un modelo postural do corpo que organiza e modifica activamente as impresións producidas polos impulsos sensoriais entrantes de tal xeito que a sensación final da posición corporal ascende á conciencia cargada dunha relación con algo que pasou antes. Ao realizar un seguimento da posición dos membros, desempeña un papel importante no control da acción [1]. Implica aspectos tanto dos sistemas central (procesos cerebrais) como dos sistemas periféricos (sensoriais, propioceptivos). Así, un esquema corporal pode considerarse a colección de procesos que rexistra a postura das partes do corpo no espazo. O esquema actualízase durante o movemento do corpo. Este é normalmente un proceso non consciente e úsase principalmente para a organización espacial da acción. Polo tanto, é unha representación pragmática das propiedades espaciais do corpo, que inclúe a lonxitude dos membros e os segmentos dos membros, a súa disposición, a configuración dos segmentos no espazo e a forma da superficie do corpo. [2][3][4][5] O esquema corporal tamén xoga un papel importante na integración e uso de ferramentas por parte dos humanos.[6][7][8][9]

Unha clara diferenciación do esquema corporal da imaxe corporal foise desenvolvendo gradualmente. Ligado aos conceptos de corpo e espazo, en 1963 o antropólogo estadounidense Edward T. Hall definiu a proxémica (do inglés proxemics) como o espazo persoal dun individuo nun medio social, definíndoo como o conxunto das observacións e teorías referentes ao uso que as persoas fan do espazo en tanto que produto cultural específico.

Na educación física

[editar | editar a fonte]

O esquema corporal é a conciencia do corpo como medio de comunicación consigo mesmo e co ambiente. Piaget afirmaba que o neno ao nacer non diferencia o corpo do mundo exterior, e vai descubrindo por partes o seu corpo a través da acción, tomando conciencia progresiva da diferenciación e individualidade, dos demais e do mundo exterior

Un bo desenvolvemento do esquema corporal presupón unha boa evolución das habilidades motrices, das percepcións espaciais e temporais e da afectividade. O coñecemento adecuado do corpo inclúe a imaxe corporal e o concepto corporal, que se poden desenvolver con actividades que favorecen:

  • O coñecemento do corpo no seu conxunto;
  • O coñecemento do corpo segmentado;
  • O control de movementos globais e segmentados;
  • Equilibrio estático e dinámico;
  • A harmónica expresión corporal.

No debuxo

[editar | editar a fonte]
Esquema corporal aplicado á cabeza.
Pasos dos esquemas corporais.

O esquema corporal é unha idea que temos sobre o corpo humano, as súas diferentes partes e sobre os movementos que podemos ou non podemos facer con el. É unha imaxe mental que temos do noso corpo en relación co medio e a contorna, nunha situación estática. Úsase para suxerir a postura na que se presentará o corpo representado. Tamén se aplica á representación de animais.

O xeito máis común é debuxar primeiro as liñas de dirección do personaxe, é dicir, as liñas que definen a dirección do seu tronco, cabeza e pescozo e extremidades. As articulacións adoitan representarse mediante círculos que conectan as diferentes liñas de dirección, mentres que o tronco pode representarse por un trapecio ou dous triángulos e a cabeza por un óvalo.

Sobre este esquema debúxase a silueta externa do corpo sostida polas figuras xa debuxadas. Posteriormente, o esquema elimínase deixando só a silueta, pois esta técnica é orientativa e non adoita aparecer no resultado final. Emprégase como base para bandas deseñadas, audiovisuais (na fase de guión gráfico ou storyboard) e como apuntamentos rápidos para cadernos de campo.

  1. Head, H. (1920). Studies in Neurology. Vol 2. Londres: Oxford University Press. 
  2. Haggard, P.; D. Wolpert (2005). "Disorders of body schema". High-order motor disorders: from neuroanatomy and neurobiology to clinical neurology. Oxford University Press. pp. 261–271. ISBN 0-19-852576-1. 
  3. Holmes, N.; C. Spence (2004). "The body schema and the multisensory representation(s) of peripersonal space". Cognitive Processing 5 (2): 94–105. PMC 1350799. PMID 16467906. doi:10.1007/s10339-004-0013-3. 
  4. Macaluso, E.; A. Maravita (2010). "The representation of space near the body through touch and vision". Neuropsychologia 48 (3): 782–795. PMID 19837101. doi:10.1016/j.neuropsychologia.2009.10.010. 
  5. Maravita, A.; C. Spence; J. Driver (2003). "Multisensory integration and the body schema: close to hand and within reach". Current Biology 13 (13): R531–R539. PMID 12842033. doi:10.1016/S0960-9822(03)00449-4. 
  6. Berti, A.; F. Frassinetti (2000). "When far becomes near: Remapping of space by tool use". Journal of Cognitive Neuroscience 12 (3): 415–420. PMID 10931768. doi:10.1162/089892900562237. 
  7. Carlson, T.; et al. (2010). "Rapid Assimilation of External Objects Into the Body Schema". Psychological Science 21 (7): 1000–5. PMID 20483818. doi:10.1177/0956797610371962. 
  8. Johnson-Frey, S. (2004). "The neural bases of complex tool use in humans". Trends in Cognitive Sciences 8 (2): 71–78. PMID 15588811. doi:10.1016/j.tics.2003.12.002. 
  9. Maravita, A.; A. Iriki (2004). "Tools for the body (schema)". Trends in Cognitive Sciences 8 (2): 79–86. PMID 15588812. doi:10.1016/j.tics.2003.12.008. 

 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]