Día Internacional dos Traballadores
O Día Internacional dos Traballadores ou Día Internacional do Traballo ou Primeiro de Maio, é a festa por antonomasia do movemento obreiro mundial.
Desde o seu establecemento na maioría de países (aínda que a consideración de día festivo foi en moitos casos tardía) por acordo do Congreso Obreiro Socialista da Segunda Internacional, celebrado en París en 1889, é unha xornada de loita reivindicativa e de homenaxe ós Mártires de Chicago, sindicalistas anarquistas, que foron axustizados nos Estados Unidos pola súa participación nas xornadas de loita pola consecución da xornada laboral de oito horas que tiveron a súa orixe na folga iniciada o 1 de maio de 1886 e o seu punto álxido tres días máis tarde, o 4 de maio, na Revolta de Haymarket en Chicago. As xornadas foron realizadas seguindo o éxito que tivera o movemento sindical no Canadá, cunha campaña semellante a partir do 1872 a favor do día laboral limitado e dos dereitos sindicais.
Nos Estados Unidos esta celebración é minoritaria[1]. Alí celebran o Labor Day o primeiro luns de setembro desde 1882, nunha parada realizada en Nova York e organizada pola Nobre Orde dos Cabaleiros do Traballo (Knights of Labor, en inglés). O presidente Grover Cleveland, propiciou a celebración en setembro por temor a que a data de maio reforzase o movemento socialista nos Estados Unidos.
Historia
[editar | editar a fonte]Os feitos que deron lugar a esta celebración están contextualizados nos comezos da Revolución Industrial nos Estados Unidos. A finais do século XIX Chicago era a segunda cidade dos Estados Unidos. Do oeste e do sueste chegaban cada ano por ferrocarril miles de gandeiros desocupados, creando as primeiras vilas pobres que albergarían traballadores por centos de miles. Ademais, estes centros urbanos acolleron a emigrantes vidos de todo o mundo ó longo do século XIX.
A reivindicación da xornada laboral de 8 horas
[editar | editar a fonte]Unha das reivindicacións básicas dos traballadores era a xornada de 8 horas, encadrada en facer valer a máxima oito horas para o traballo, oito horas para o sono e oito horas para a casa. Neste contexto producíronse varios movementos. En 1829 formouse un movemento para solicitar á lexislatura de Nova York a xornada de oito horas. Anteriormente existía unha lei que prohibía traballar máis de 18 horas, salvo caso de necesidade. Se non había tal necesidade, calquera funcionario dunha compañía de ferrocarril que obrigase a un maquinista ou fogueiro a traballar xornadas de 18 horas diarias debía pagar unha multa de 25 dólares.
A maioría dos obreiros estaban afiliados á Nobre Orde dos Cabaleiros do Traballo, pero tiña máis preponderancia a American Federation of Labor (Federación Estadounidense do Traballo), inicialmente socialista (algunhas fontes sinalan a súa orixe anarquista). No seu cuarto congreso, realizado o 17 de outubro de 1884, resolvera que desde o 1 de maio de 1886 a duración legal da xornada de traballo debería ser de oito horas. En caso de non obter resposta a este reclamo, iríase a unha folga. Recomendaba a todas as unións sindicais a tratar de facer promulgar leis con ese contido en todas as súas xurisdicións. Esta resolución espertou o interese de todas as organizacións, que vían que a xornada de oito horas posibilitaría obter maior cantidade de postos de traballo (menos desocupación). Eses dous anos acentuaron o sentimento de solidariedade e acrecentou a combatividade dos traballadores en xeral.
En 1886, o presidente dos Estados Unidos Andrew Johnson promulgou a chamada Lei Ingersoll, establecendo as 8 horas de traballo diarias. Ó pouco tempo, 19 estados sancionaron leis que permitían traballar xornadas máximas de 8 e 10 horas (aínda que sempre con cláusulas que permitían facer traballar ós obreiros entre 14 e 18 horas). As condicións de traballo eran semellantes, e as condicións en que se vivía seguían sendo insoportables.
Como a Lei Ingersoll non se cumpriu, as organizacións laborais e sindicais dos Estados Unidos mobilizáronse. A prensa cualificaba o movemento en demanda das oito horas de traballo como «indignante e irrespectuoso», «delirio de lunáticos pouco patriotas», e manifestando que era «o mesmo que pedir que se pague un salario sen cumprir ningunha hora de traballo».
A convocatoria de folga
[editar | editar a fonte]A Nobre Orde dos Cabaleiros do Traballo (a principal organización de traballadores dos Estados Unidos naquel momento) remitiu unha circular a todas as organizacións adheridas onde manifestaba: «Ningún traballador adherido a esta central debe facer folga o 1° de maio xa que non demos ningunha orde respecto diso». Este comunicado foi rexeitado de plano por todos os traballadores dos Estados Unidos e o Canadá, quen repudiaron ós dirixentes da Nobre Orde por traidores ao movemento obreiro.
Na prensa do día anterior á folga, o 29 de abril de 1886, podíase ler: «Ademais das oito horas, os traballadores van esixir todo o que poidan suxerir os máis tolos anarcosocialistas». O New York Times dicía: «As folgas para obrigar ao cumprimento das oito horas poden facer moito para paralizar a nosa industria, diminuír o comercio e frear a renacente prosperidade da nosa nación, pero non lograrán o seu obxectivo». O Filadelfia Telegram dicía: «O elemento laboral foi picado por unha especie de tarántula universal e volveuse tolo de remate: pensa precisamente nestes momentos en iniciar unha folga polo logro do sistema de oito horas». O Indianápolis Journal dicía: «Os desfiles na rúa, as bandeiras vermellas, as fogosas arengas de rufiáns e demagogos que viven dos impostos de homes honestos pero enganados, as folgas e ameazas de violencia, sinalan a iniciación do movemento».
O día 1 de maio, a folga
[editar | editar a fonte]O 1° de maio de 1886, 200.000 traballadores iniciaron a folga mentres que outros 200.000 obtiñan esa conquista coa simple ameaza de paro.
En Chicago, onde as condicións dos traballadores eran moito peores que noutras cidades do país, as mobilizacións seguiron os días 2 e 3 de maio. A única fábrica que traballaba era a fábrica de maquinaria agrícola McCormik que estaba en folga desde o 16 de febreiro porque querían descontar ós obreiros unha cantidade para a construción dunha igrexa. A produción mantíñase a base de crebafolgas. O día 2 a policía disolvera violentamente unha manifestación de máis de 50.000 persoas e o día 3 celebrábase unha concentración en fronte das súas portas. Cando estaba na tribuna o anarquista August Spies soou a sirena de saída dunha quenda de crebafolgas. Os concentrados lanzáronse sobre os scabs (amarelos) comezando unha pelexa campal. Unha compañía de policías, sen aviso ningún, procedeu a disparar a queimarroupa sobre a xente producindo 6 mortos e varias decenas de feridos.
O redactor do Diario dos traballadores Fischer correu ao seu xornal onde redactou unha proclama (que logo se utilizaría como principal proba acusatoria no xuízo que o levou á forca) imprimindo 25.000 panfletos. A proclama dicía:
Traballadores: a guerra de clases comezou. Onte, fronte á fábrica McCormik, fusilouse ós obreiros. ¡O seu sangue pide vinganza!
¿Quen poderá dubidar xa que os chacais que nos gobernan están ávidos de sangue traballador? Pero os traballadores non son un rabaño de años. ¡Ó terror branco respondamos co terror vermello! É preferible a morte que a miseria.
Se se fusila ós traballadores, respondamos de tal xeito que os amos o recorden por moito tempo.
É a necesidade o que nos fai gritar: ¡Ás armas!
Onte, as mulleres e os fillos dos pobres choraban aos seus maridos e aos seus pais fusilados, en tanto que nos palacios dos ricos enchíanse vasos de viño custosos e bebíase á saúde dos bandidos da orde...
¡Secade as vosas bágoas, os que sufrides!
¡Tede coraxe, escravos! ¡Levantádevos!.
A proclama finalizaba convocando un acto de protesta para o día seguinte, o catro, ás catro da tarde, na praza Haymarket. Conseguiuse un permiso do alcalde Harrison para facer un acto ás 19.30 no parque Haymarket. Os feitos que alí sucederon son coñecidos como Revolta de Haymarket.
A revolta de Haymarket
[editar | editar a fonte]Concentráronse na praza de Haymarket máis de 20.000 persoas que foron reprimidas por 180 policías uniformados. Un artefacto explosivo estalou entre os policías producindo un morto e varios feridos. A policía abriu fogo contra a multitude matando e ferindo a un número descoñecido de obreiros.
Declarouse o estado de sitio e o toque de queda detendo a centenares de traballadores que foron mallados e torturados, acusados do asasinato do policía.
Estes feitos represivos foron apoiados por unha campaña de prensa con citas como:
Que mellores sospeitosos que a plana maior dos anarquistas. ¡Á forca os brutos asasinos, rufiáns vermellos comunistas, monstros sanguinarios, fabricantes de bombas, chusma que non son outra cousa que os restos de Europa que buscou as nosas costas para abusar da nosa hospitalidade e desafiar á autoridade da nosa nación, e que en todos estes anos non fixeron outra cousa que proclamar doutrinas sediciosas e perigosas!
A Prensa reclamaba un xuízo sumario por parte da Corte Suprema, responsabilizando a oito anarquistas e a todas as figuras prominentes do movemento obreiro.
O 21 de xuño de 1886, iniciouse a causa contra 31 responsables (que logo quedaron nos 8 anteditos). As irregularidades no xuízo foron moitas, violándose todas as normas procesais de forma e de fondo, tanto que chegou a ser cualificado de xuízo farsa. Os xulgados foron declarados culpables. Tres deles foron condenados a prisión e cinco á forca:
- Condenados a prisión
- Samuel Fielden, inglés, 39 anos, pastor metodista e obreiro téxtil, condenado a cadea perpetua.
- Oscar Neebe, estadounidense, 36 anos, vendedor, condenado a 15 anos de traballos forzados.
- Michael Swabb, alemán, 33 anos, tipógrafo, condenado a cadea perpetua.
- Condenados a morte na forca
O 11 de novembro de 1887 consumouse a execución de:
- Georg Engel, alemán, 50 anos, tipógrafo.
- Adolf Fischer, alemán, 30 anos, xornalista.
- Albert Parsons, estadounidense, 39 anos, xornalista, esposo da mexicana Lucy González Parsons. Aínda que se probou que non estivo presente no lugar, entregouse para estar cos seus compañeiros e foi xulgado de igual xeito.
- Hessois Auguste Spies, alemán, 31 anos, xornalista.
- Louis Linng, alemán, 22 anos, carpinteiro. Para non ser executado suicidouse na súa propia cela.
Relato da execución por José Martí, correspondente en Chicago do xornal La Nación de Buenos Aires (Arxentina):
...saen das súas celas. Danse a man, sorrín. Lenlles a sentenza, suxéitanlles as mans por detrás con esposas, cínguenlles os brazos ao corpo cunha faixa de coiro e póñenlles unha mortalla branca como a túnica dos catecúmenos cristiáns. Abaixo está a concorrencia, sentada en ringleira de cadeiras diante do cadafalso como nun teatro... Firmeza no rostro de Fischer, pregaria no de Spies, orgullo no do Parsons, Engel fai un chiste en relación coa súa caperucha, Spies grita: "A voz que ides sufocar será máis poderosa no futuro que cantas palabras puidese eu dicir agora». Báixanlles as caperuchas, logo un aceno, un ruído, a trampa cede, os catro corpos caen e balancéanse nunha danza espantable...
O Crime de Chicago custou a vida de moitos traballadores e dirixentes sindicais; non existe un número exacto, pero foron miles os despedidos, detidos, procesados, feridos de bala ou torturados. A maioría eran inmigrantes: italianos, españois, alemáns, rusos, irlandeses, xudeus, polacos e eslavos.
Consecución da xornada laboral de oito horas
[editar | editar a fonte]A finais de maio de 1886, varios sectores patronais accederon a outorgar a xornada de 8 horas a varios centenares de miles de obreiros. O éxito foi tal, que a Federación de Gremios e Unións Organizadas expresou o seu xúbilo con estas palabras: «Xamais na historia deste país houbo un levantamento tan xeral entre as masas industriais. O desexo dunha diminución da xornada de traballo impulsou a millóns de traballadores a afiliarse ás organizacións existentes, cando ata agora permaneceran indiferentes á axitación sindical».
Na actualidade
[editar | editar a fonte]Ó longo do século XX, os progresos laborais fóronse acrecentando con leis para os traballadores, para outorgarlles dereitos de respecto, retribución e amparo social, a excepción da última década do século, na que eses progresos retrocederon baixo a influencia do neoliberalismo.
Na actualidade, case todos os países democráticos rememoran o 1º de maio como a orixe do movemento obreiro moderno.
En 1954, o papa católico Pío XII apoiou tacitamente esta xornada de memoria colectiva ó declarala como festividade de San Xosé Obreiro. Ultimamente vénse denominando a este día como Día Internacional do Traballo.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Día Internacional dos Traballadores, Santiago de Compostela
-
Día Internacional dos Traballadores, Traballo de calidade na nosa nación
-
Día Internacional dos Traballadores, En defensa do ensino galego
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Robert E. Weir (2013). Workers in America: A Historical Encyclopedia 1. ABC-CLIO. p. 467.