Saltar ao contido

Croméridos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Chromerida»)
Croméridos
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Chromalveolata
Superfilo: Alveolata
Filo: Chromerida
Moore et al., 2008

Chromerida (Croméridos) é un filo dentro dos protistas Alveolata,[1] que inclúe as especies fotosintéticas Chromera velia e Vitrella brassicaformis. O grupo foi descrito en 2008 por Moore et al. como formado por eucariotas unicelulares con parede e forma esférica, con flaxelo interno, cunha soa mitocondria e cun cloroplasto con clorofila a. Presentan alvéolos corticais e microporos. Os Chromerida teñen ultraestrutura típica de alveolados, están filoxeneticamente relacionados con Apicomplexa (pero presentan cloroplastos funcionais, a diferenza dos Apicomplexa que os teñen atrofiados)[2]. Unha característica xenética peculiar é que neles o codón UGA (normalmente mudo) codifica o aminoácido triptófano no xene psbA, o que tamén se dá nos apicoplastos dalgúns Apicomplexa.[1]

Chromera velia foi atopada en asociación cos corais pétreos australianos Plesiastrea versipora. Foi descrita inicialmente como forma inmóbil, pero despois publicáronse informes sobre formas flaxeladas e cunha estrutura con micronemas que lembra algo aos complexos apicais dos Apicomplexa.[3] O seu cloroplasto ten catro membranas, presenta clorofila a e carece de clorofila c.

A outra especie, Vitrella brassicaformis, foi tamén atopada en arrecifes de coral[4] da Gran Barreira australiana. Ten un ciclo vital máis complexo ca Chromera e unha cor máis verdosa polos diferentes pigmentos secundarios que teñen, aínda que ambas as dúas teñen clorofila a e carecen de c.

  1. 1,0 1,1 Moore RB; Oborník M; Janouskovec J; Chrudimský T; Vancová M; Green DH; Wright SW; Davies NW; Bolch CJ (2008). "A photosynthetic alveolate closely related to apicomplexan parasites". Nature 451 (7181): 959–963. PMID 18288187. doi:10.1038/nature06635. 
  2. Jan Janouškoveca, Aleš Horáka, Miroslav Oborníkb, Julius Lukešb, and Patrick J. Keelinga. A common red algal origin of the apicomplexan, dinoflagellate, and heterokont plastids. PNAS. vol. 107 no. 24 > Jan Janouškovec, 10949–10954. [1]
  3. Oborník M, Vancová M, Laia D, Janouškovec J, Keeling PJ, Lukeš J (2011). Morphology and Ultrastructure of Multiple Life Cycle Stages of the Photosynthetic Relative of Apicomplexa, Chromera velia. Protist, 162, 115–130. [2] Arquivado 02 de abril de 2015 en Wayback Machine.
  4. Jan Janouškovec, Aleš Horák, Katie L. Barott, Forest L. Rohwer, e Patrick J. Keeling. Global analysis of plastid diversity reveals apicomplexan related lineages in coral reefs. Current Biology Vol 22 No 13. [3] Arquivado 02 de abril de 2015 en Wayback Machine.