Club Ourense Baloncesto
Club Ourense Baloncesto | |
Información xeral | |
---|---|
Liga | Primeira FEB |
Alcume | COB |
Fundación | 1979 |
Cores | Azul, amarelo |
Presidente | Eduardo Villar |
Director | Sergio Pérez |
Adestrador | Moncho López |
Vestimenta | Besten10 |
Localización | |
Cidade | Ourense, Galicia |
Pavillón | Pazo Paco Paz |
Capacidade | 5 000 |
Inauguración | 1988 |
Campionatos | |
C. Príncipe | 1 (2000) |
Copa Galicia | 7 (1992, 1994–1995, 1997, 1999, 2001, 2006) |
clubourensebaloncesto.com |
O Club Ourense Baloncesto, S.A.D. é un club de baloncesto profesional da cidade de Ourense (Galicia). Fundado en 1979 como Club Bosco-Salesianos, ascendeu por primeira vez á Liga ACB en 1989. Na actualidade xoga na Primeira FEB tras ascender desde a LEB Prata na temporada 2021−22. O equipo xoga os seus partidos como local no Pazo dos Deportes Paco Paz, pavillón que conta con capacidade para 5 000 espectadores. O actual presidente do club é Eduardo Villar, mentres que o director deportivo é Sergio Pérez e o adestrador Guillermo Arenas.
Historia
[editar | editar a fonte]O Club Bosco-Salesianos
[editar | editar a fonte]O Club Ourense Baloncesto foi fundado en 1979 como Club Bosco-Salesianos, debutando na Terceira División, categoría na que competir durante os seus primeiros tres anos de existencia que supuxeron a consolidación do club ourensán. O primeiro ascenso ascenso na historia do club chegou na tempada 1983−84, cando con catro anos de existencia o equipo conseguiu o ascenso á Segunda División cun cadro composto integramente por xogadores galegos, case todos ourensáns.[1]
A tempada 1984−85 supuxo, ademais do debut na Segunda División, a chegada de Caixa Ourense como patrocinador do equipo, unha relación que se prolongou durante seis tempadas. No seu debut na categoría o equipo conseguiu a permanencia, e na seguinte tempada chegou un novo ascenso. En maio de 1986 o COB disputou a fase de ascenso a Primeira División B en Badaxoz, que consistía en dous grupos de catro equipos cada un e nos que o campión conseguía o ascenso de categoría, o Ourense quedou encadrado con Guadalajara, Córdoba e Caja Navarra. A pesar da derrota inicial fronte a Caja Navarra, o equipo supero na prórroga ao Guadalajara no segundo partido da fase, e ao Córdoba no terceiro, situándose desde xeito no máis alto da clasificación do seu grupo. O día seguinte o equipo disputou a final da fase de ascenso fronte ao Andorra, campión do outro grupo e tamén ascendido, aínda que o COB perdeu por catro puntos.[1]
Nace o Club Ourense Baloncesto
[editar | editar a fonte]O 16 de maio de 1986 o Real Madrid acudiu á cidade das Burgas a disputar un partido no Pavillón Municipal dos Remedios que causou grande expectación e que acabou por marcar o futuro do club. Ese mesmo ano, o 10 de xullo, naceu o Club Ourense Baloncesto, que foi rexistrado co número 869 de clubs en Galicia. Menos dun ano despois, o 6 de xuño de 1987, o COB fusionouse co Salesianos, adquirindo o novo club os dereitos do último.[1]
A tempada 1988-89 foi histórica para o club ourensán, que da man de Ángel Navarro e un equipo integrado por José Abelleira, Nacho Estany, Carlos Suárez, Javier Ibáñez, Toño García, Douglas Arnold, Nacho Suárez, Ricardo García, Jordi Dardé, Jordi Planell, Carlos Rodríguez, Suso García e Fran Crujeiras, conseguiu o primeiro ascenso da súa historia á máxima categoría do baloncesto español, a Liga ACB. Ese ano foi ademais o primeiro que o COB xogou os seus partidos como local no Pazo Paco Paz, daquela coñecido como Pazo Finca Sevilla. Na liga regular o equipo finalizou na cuarta posición cun rexistro de 19 vitorias e 11 derrotas. Na primeira rolda dos play-offs, disputada ao mellor de tres encontros, o Caixa Ourense enfrontouse ao Júver Murcia, ao que derrotou tras gañar o primeiro e o terceiro encontros disputados en Ourense. Na segunda rolda, na que se decidían os dous equipos que ascendían á máxima categoría, medíronse ao Caja Madrid de Alcalá de Henares, no que salientaba a figura de Toñín Llorente e que finalizara a liga regular na primeira posición, dispoñendo polo tanto do factor cancha a favor. O COB, que conseguira rachar o factor cancha dos madrileños, tivo a oportunidade de gañar a serie no cuarto partido nun Pazo ateigado con 6 500 persoas nas bancadas, mais o Caja Madrid empatou a serie coa súa vitoria (69-82) e levouna de novo a Alcalá de Henares para disputar o quinto e definitivo encontro. O 27 de maio de 1989, nun Pavillón Ruiz de Velasco con 5 000 persoas nas bancadas das cales 900 se desprazaran á localidade madrileña, o COB conseguiu o ascenso logo de dúas prórrogas ás que se chegou logo de finalizar o tempo regulamentario con empate (78-78), igualdade que persistiu na primeira prórroga, na que aas curtas vantaxes madrileñas foron neutralizadas polos ourensáns, que empataron o partido da man de Ibáñez. Na segunda prórroga, unha falta cometida a 15 segundos do final contra Toño García levaron ao xogador do COB á liña de tiros libres, o que supuxo poñer ao seu equipo en vantaxe (94-95), ata dous lanzamentos tentou o equipo madrileño mais sen éxito.[2][3][4]
Debut na ACB
[editar | editar a fonte]Na tempada 1989−90 chegou o ascenso á liga ACB. Co nome de Caixa Ourense iniciou o 6 de setembro de 1987 a súa primeira andaina como Club Ourense Baloncesto pola 1ª División B, a segunda división española de baloncesto, na cancha do Santa Coloma. Atrás quedaba a época na que, configurado como Club Bosco-Salesianos, lograra dun xeito meteórico a súa chegada á elite do baloncesto español dende a súa fundación no ano 1979. Unha vez disputadas as dez primeiras xornadas da competición, a directiva cesa como primeiro adestrador a Manuel Fernández Rey pasando a levar a dirección técnica do equipo o ata aquela xogador Ángel Navarro. Caixa Ourense conclúe a primeira fase da liga cun balance de 26 encontros disputados, 11 vitorias e 15 derrotas, totalizando 2239 puntos a favor (86,1 de media) e 2277 (87,5 de media) en contra, números que lle levan a disputar a B-2, e onde as cousas non marcharían moito mellor, finalizando con 14 encontros disputados, 3 vitorias e 11 derrotas con 1267 puntos a favor e 1344 en contra. Todo isto levouno directamente a xogar o seu primeiro play-off por evitar o descenso de categoría.
Nesta primeira e nova experiencia o rival foi o Lliria, club dunha pequena localidade valenciana, mais moi emerxente no panorama baloncestístico español daquela. O Caixa Ourense vence a eliminatoria en maio de 1988 por 3-1, logrando manter a categoría e asegurándose un ano máis entre os mellores equipos do baloncesto español na segunda división. Os xogadores estranxeiros que reforzaron ao Caixa Ourense durante esa tempada foron inicialmente Howard Wood e Yomi Sangodeyi. Este último sufriu en xaneiro de 1988 aos sete minutos do encontro que disputaba ante o Badaxoz unha importante rotura no tendón de Aquiles que lle deixou fóra da competición para todo o que restaba de tempada. No seu lugar chegou Douglas Arnold.
Wood chegou con 28 anos a Ourense logo de ter concluído a súa formación universitaria na Universidade de Tennessee en 1981 e ser elixido ese mesmo ano na segunda rolda do Draft da NBA por Utah Jazz co número 27. Tras xogar algúns partidos con Utah pasou enseguida á CBA e posteriormente desembarcou en España no Cacaolat Granollers, para xogar tamén no Tizona Burgos e Pamesa Valencia. Yomi Sangodeyi era un destacado membro real dunha tribo nixeriana. Alcumado "O Príncipe" este pivote de 28 anos chegou a Ourense tras pasar pola SAM Houston State University ata 1984 ano no que foi seleccionado por New Jersey Nets no Draft de la NBA en terceira rolda co número 63. O seu pasado antes de chegar a Galiza presentaba un paso por Florencia na A-2 italiana, Tenerife e Navarra. O último en chegar foi Douglas Arnold en xaneiro de 1988 para substituír por lesión a Sangodeyi. Cando chegou este ala-pivote de 2,03 tiña 26 anos. Formado en Texas Christian University saíu en 1983 elixido en cuarta rolda do Draft da NBA por Utah Jazz no posto 76. Anteriormente xogara durante tres tempadas no Racing Paris da liga francesa e ata Ourense chegou sendo cortado en decembro na liga belga. Na tempada 1996−97 o Xacobeo Ourense finalizou a liga regular na 16ª posición con 10 vitorias e 24 derrotas, polo que tivo que disputar os play-offs pola permanencia fronte ao Murcia (17º clasificado na liga regular), ao que derrotou en catro partidos.[5]
Na Liga LEB
[editar | editar a fonte]Na tempada 1997−98 o equipo descende á LEB, na que permaneceu durante dous anos, ata que na tempada 1999−2000 acadou novamente o ascenso á ACB da man de Sergio Valdeolmillos. Ademais, esa tempada o club conseguiu o seu primeiro título oficial a nivel estatal logo de gañar a Copa do Príncipe en Granada ante o Tenerife.[6][7] Con todo, o soño de permanecer entre os mellores remata esa mesma tempada, na que descende novamente á LEB, dende a tempada 2000−01, o COB non xogou máis na ACB.
No verán de 2002, no medio da disputa entre a FIBA e a Euroliga, o Ourense foi invitado para competir na recentemente creada FIBA Champions Cup. Ante a negativa dos equipos da Liga ACB, a FIBA invitou a equipos da Liga LEB Ouro á súa nova competición continental, ofrecéndolles a León Caja España e Etosa Murcia, que rexeitaron a invitación, que foi ofrecida a Ourense e Unelco Tenerife, que si aceptaron. O equipo ourensán dirixido por Salva Maldonado e liderado por Lester Earl e Ben Ebong, tiña como obxectivo o ascenso á Liga ACB e vía na competición continental un xeito de madurar o equipo. Os das Burgas quedaron encadrados no grupo B da Conferencia Oeste, xunto co Strasbourg francés, Ovarense e Portugal Telecom porutugueses, Kapfenberg austríaco, e o Liège belga. Na primeira rolda o equipo finalizou na segunda posición do seu grupo por detrás do Strasbourg e cun rexistro de seis vitorias e catro derrotas. Na seguinte rolda, viuse as caras con equipos complicados como o Prokom Trefl Sopot polaco ou o Ventspils letón,[a] non sendo quen de pasar de rolda logo de colleitar dúas vitorias e catro derrotas. A participación na competición europea tampouco foi acompañada polos resultados que se esperaban no club na competición doméstica, na que finalizaron na novena posición, quedando eliminados dos play-offs de ascenso á Liga ACB.[8][9]
Os peores anos
[editar | editar a fonte]Logo de catro anos na categoría de prata do baloncesto español, o COB descendeu á LEB 2 na tempada 2004−05, permanecendo nesa categoría (ben baixo a denominación de LEB 2 ou de LEB Prata) ata a tempada 2008-09, na que acadou novamente o ascenso a LEB Ouro. O equipo ourensán, con problemas económicos e deportivos, finalizou ese ano na 17ª posición da táboa na tempada 2003−04, tendo que xogar o play-off pola permanencia fronte o Drac Inca, ao que derrotou nun axustado quinto e decisivo encontro ao equipo balear (91-93), conseguindo deste xeito a permanencia. O ano seguinte volveu finalizar a liga regular na zona do play-off pola permanencia, que xogou fronte ao UB La Palma. O COB perdeu a eliminatoria en catro partidos (3-1), o que certificaría o seu descenso á terceira categoría do baloncesto español.[10][11][12]
Na súa primeira tempada na LEB 2 o equipo finalizou na cuarta posición,[11] e na tempada 2006−07 o Club Ourense Baloncesto conseguiu o seu segundo título estatal, desta volta a Copa LEB-2, logo de derrotar ao Ciudad de La Laguna por 90-80 no Multiúsos Fontes do Sar de Santiago de Compostela ante unhas 1 500 persoas.[13] Na liga, o COB quedou próximo a lograr o ansiado ascenso que o devolvera á segunda categoría. Con todo, dúas malas tempadas levaron ao club ourensán ao bordo da disolución.[11]
Na tempada 2010−11 o equipo ourensán descendeu novamente á terceira categoría do baloncesto español, a LEB Prata, logo de tan só dúas tempadas na LEB Ouro nas que o club, por primeira vez en anos, acadou unha relativa estabilidade económica que o levou a conseguir pagar as nóminas puntualmente. O adestrador Paco García non conseguiu crear un cadro competitivo na que foi a súa segunda tempada nin dirixir o grupo, polo que foi cesado e substituído por Rafa Sanz, con quen o equipo conseguiu unha certa mellora, que acabou sendo insuficiente para manter a categoría logo de finalizar colista na competición con tan só nove vitorias.[14][15]
Durante os primeiros meses na LEB Prata o club conseguiu manter a masa social e coidar o aspecto económico, chegando a reducir a débeda que tiña o club. Malia o relativo mal inicio do equipo dirigido polo exadestrador do Breogán Rubén Domínguez, que encadeou tres derrotas nas dez primeiras xornadas de competición,[14] o equipo conseguiu o ascenso logo de finalizar na segunda posición a liga regular por detrás do River Andorra, e superar na final dos play-offs ao CB Prat Joventut (3-1).[16]
O 2 de xuño de 2015, con Gonzalo de Vitoria no banco, o COB acadou por terceira vez na súa historia o ascenso á liga ACB despois de 14 anos, logo de vencer a eliminatoria fronte ao Club Baloncesto Breogán no quinto e definitivo partido da serie (91-65), sendo a primeira que o conseguía como local logo de recuperar o factor cancha. Con todo, non lle foi permitido xogar nesta liga, negándoselle a súa entrada na ACB ata a seguinte temporada,[17][7] na que a Asemblea da liga ACB decidiu ratificar un acordo para a inscrición do COB nas competicións da temporada 2016-17[18].
Na tempada 2020−21 o COB descendeu por terceira vez na súa historia á cuarta categoría do baloncesto español logo dun mal inicio no que o equipo non realizou un bo xogo, o que o levou a finalizar a primeira volta da primeira fase de competición na penúltima posición, o que puxo en perigo a permanencia xa en decembro.[19] Na segunda fase o COB viuse relegado ao grupo que disputaba a permanencia, debutando cunha vitoria fronte ao Força Lleida,[20] con todo, os bos resultados non acompañaron aos ourensáns, que se xogaron a tempada nunha derradeira xornada na que dependían de si mesmos e na que mesmo tiñan opcións para disputar os play-offs de ascenso á Liga ACB, mais a derrota 77-78 no Pazo ante o Real Murcia Baloncesto condenou ao equipo galego ao descenso de categoría.[21][11] Logo do descenso deportivo, o COB iniciou nos despachos o intento por manter a categoría, ao que se uniu o Força Lleida, que descendera xunto cos galegos á terceira categoría. Ourensáns e cataláns propuxeron a modificación do formato da LEB Ouro, experimentaría unha ampliación ata os 24 equipos.[22][11] Tras a finalización da temporada, o COB é adquirido polo Grupo Hereda.
Pavillón
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Pazo Provincial dos Deportes Paco Paz.
Nos seus primeiros anos de existencia, o equipo xogou os seus partidos como local no Pavillón Municipal dos Remedios da capital ourensá.[1] Este pavillón, situado na Avenida Pardo de Cela a carón do Río Miño, foi o 1 de xuño de 1969 co partido de baloncesto correspondente á Final da Copa entre o Real Madrid e o Joventut de Badalona con vitoria do equipo catalán por 82−81. Alén de eventos deportivos, neste pavillón realízanse outros actos culturais como concertos musicais.[23]
Na temporada 1988−89 o Club Ourense Baloncesto trasladouse desde Os Remedios ao Pavillón Finca Sevilla.[24] O pavillón, que segue a utilizar na actualidade, foi inaugurado en setembro dese mesmo ano tras ser construído en tempo récord con vistas á organización de diferentes eventos de masas, entre eles un posíbel ascenso do COB á Liga ACB.[25] O pavillón, posteriormente denominando Pazo Provincial dos Deportes Paco Paz, depende da Deputación Provincial de Ourense.[26] Conta cunha pista de parquet cunhas dimensión de 57,50 x 32 metros,[27] e pode acoller nas súas bancadas a 5 500 persoas.[28] Despois da construción do Pazo, construíuse nas proximidades o complexo de Expourense.
Nome
[editar | editar a fonte]O Club Ourense Baloncesto naceu co nome Club Bosco-Salesianos en 1978 e dous anos despois chegou o seu primeiro acordo importante de patrocinio coa empresa Aspol polo que o equipo pasou a denominarse "Bosco Aspol", aínda que un ano despois o sponsor do club pasou a ser "Fajauto Electromecánica". Na tempada 1983-84 chegou un novo patrocinador, a empresa propiedade do primeiro socio de honra do club Manuel Vázquez “Arnoya”, Ouro Ribeiro, coa que conseguiu o ascenso á Segunda División, no que sería o primeiro da súa historia.[1]
Na tempada 1984-85 comezou o patrocinio de Caixa Ourense, que se prolongou durante seis anos nos que a entidade financeira foi o patrocinador principal do COB, que pasou a ser coñecido polo nome da entidade "Caixa Ourense".[1] Seguidamente, na tempada 1991-92, xa co equipo na Liga ACB e logo da marcha de Caixa Ourense, o equipo pasou a estar patrocinado pola cooperativa avícola ourensá Coren, que levou a outras mudanzas no club como a substitución da pita do monte como mascota pola galiña de Coren, ou mesmo nos cánticos da afección. Baixo o patrocinio de Caixa Ourense e Coren o club viviu os seus mellores anos.[1][29]
Na tempada 1995-96 o Xacobeo 99 pasou a patrocinar o club, que adoptou o nome de "Xacobeo 99 Ourense".[30]
Na tempada 2009-10 o club chegou a un acordo coa empresa ourensá Aguas de Sousas polo que pasou a denominarse "Aguas de Sousas Ourense".[31]
Na tempada 2020-21 o Club Ourense Baloncesto adoptou o nome de Ibereólica Ourense logo dun acordo de patrocinio coa empresa de enerxías renovables Ibereólica, que lle deu nome ao equipo e uniuse a Estrella Galicia, que na tempada anterior chegara a un acordo de patrocinio de tres tempadas co club ourensán.[32]
Mascota
[editar | editar a fonte]Ao longo da súa historia o COB tivo distintas mascotas, dende unha pita do monte á galiña que adoptou cando a entidade pasou a ser patrocinada pola cooperativa avícola Coren. Na actualidade a mascota do club é "O Lobo", un lobo que leva a imaxe do club a diferentes eventos como presentacións en escolas, e que tivo unha boa acollida entre o público infantil.[33][34]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Ano | Nivel | Liga | Pos. | V–D | Copa do Rei | Outras copas | Competicións europeas | |||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
1979–80 | 4 | 3ª División | ||||||||
1980–81 | 4 | 3ª División | 6º | |||||||
1981–82 | 4 | 3ª División | 6º | |||||||
1982–83 | 4 | 3ª División | 6º | |||||||
1983–84 | 4 | 3ª División | 1º | |||||||
1984–85 | 3 | 2ª División | 4º | |||||||
1985–86 | 3 | 2ª División | 2º | |||||||
1986–87 | 2 | 1ª División B | 17º | 16–18 | ||||||
1987–88 | 2 | 1ª División B | 18º | 17–27 | ||||||
1988–89 | 2 | 1ª División B | 1º | 24–14 | ||||||
1989–90 | 1 | ACB | 21º | 16–28 | Primeira rolda | |||||
1990–91 | 1 | ACB | 11º | 18–22 | Primeira rolda | |||||
1991–92 | 1 | ACB | 21º | 13–27 | Primeira rolda | |||||
1992–93 | 1 | ACB | 8º | 17–18 | Segunda rolda | |||||
1993–94 | 1 | ACB | 8º | 15–19 | Cuartos de final | |||||
1994–95 | 1 | ACB | 15º | 17–21 | Segunda rolda | |||||
1995–96 | 1 | ACB | 17º | 16–26 | ||||||
1996–97 | 1 | ACB | 16º | 13–25 | ||||||
1997–98 | 1 | ACB | 18º | 9–29 | ||||||
1998–99 | 2 | LEB | 7º | 18–17 | Copa Príncipe | CF | ||||
1999–00 | 2 | LEB | 2º | 26–13 | Copa Príncipe | 1º | ||||
2000–01 | 1 | ACB | 18º | 9–25 | ||||||
2001–02 | 2 | LEB | 3º | 28–10 | Copa Príncipe | SF | ||||
2002–03 | 2 | LEB | 9º | 14–16 | 3 FIBA EuroCup Challenge | FG | 8–8 | |||
2003–04 | 2 | LEB | 16º | 17–22 | ||||||
2004–05 | 2 | LEB | 17º | 12–26 | ||||||
2005–06 | 3 | LEB 2 | 4º | 22–16 | ||||||
2006–07 | 3 | LEB 2 | 3º | 25–16 | Copa LEB 2 | 1º | ||||
2007–08 | 3 | LEB Prata | 14º | 12–22 | ||||||
2008–09 | 3 | LEB Prata | 10º | 15–15 | ||||||
2009–10 | 2 | LEB Ouro | 15º | 13–21 | ||||||
2010–11 | 2 | LEB Ouro | 18º | 9–25 | ||||||
2011–12 | 3 | LEB Prata | 2º | 25–11 | ||||||
2012–13 | 2 | LEB Ouro | 13º | 11–20 | ||||||
2013–14 | 2 | LEB Ouro | 12º | 8–18 | ||||||
2014–15 | 2 | LEB Ouro | 2º | 28–10 | ||||||
2015–16 | 2 | LEB Ouro | 8º | 17–18 | ||||||
2016–17 | 2 | LEB Ouro | 9º | 19–19 | ||||||
2017–18 | 2 | LEB Ouro | 14º | 13–21 | ||||||
2018–19 | 2 | LEB Ouro | 5º | 23–15 | ||||||
2019–20 | 2 | LEB Ouro | 10º | 10–14 | ||||||
2020–21 | 2 | LEB Ouro | 16º | 11–15 | ||||||
2021–22 | 3 | LEB Prata | 3º | 23–9 |
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Campións (1): 2000
- Campións (1): 2007
- Campións (7): 1992, 1994, 1995, 1997, 1999, 2001, 2006[35]
- Subcampións (12): 1989, 1990, 1993, 1996, 1998, 2000, 2002, 2003, 2010, 2011, 2012, 2019
Xogadores
[editar | editar a fonte]Cadro actual
[editar | editar a fonte]Ibereólica Renovables Ourense 2020-2021 (LEB Ouro) | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Xogadores | Adestradores | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|
Notas
[editar | editar a fonte]- Referencias
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "Historia. LOS PRIMEROS AÑOS" (en castelán). Club Ourense Baloncesto. Consultado o 8 de agosto de 2019.
- ↑ "Historia II" (en castelán). Club Ourense Baloncesto. Consultado o 5 de xullo de 2021.
- ↑ "Historia de los ascensos a ACB (1988-89): La gesta de Caixa Ourense y el éxito de Caja San Fernando" (en castelán). lucentumblogging.com. Consultado o 5 de xullo de 2021.
- ↑ Rodríguez, Jacobo (6 de xuño de 2016). "El día que Ourense llegó a la ACB". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 5 de xullo de 2021.
- ↑ "Liga ACB 1996-97" (en castelán). linguasport.com. Consultado o 10 de agosto de 2019.
- ↑ "Historia Copa Príncipe: Sedes, campeones, resultados, MVPs..." (en castelán). Federación Española de Baloncesto. Consultado o 8 de agosto de 2019.
- ↑ 7,0 7,1 "Tercer ascenso del COB a la ACB". La Región (en castelán). 3 de xuño de 2015. Consultado o 10 de agosto de 2019.
- ↑ 8,0 8,1 "Cuando la Champions Cup hizo hueco a la LEB Oro" (en castelán). zonadebasquet.com. 31 de agosto de 2018.
- ↑ "Qualifying Round. Group C" (en inglés). FIBA Europa. Consultado o 28 de xuño de 2021.
- ↑ "El Drac Inca cae ante el Ourense (91-93) y sella su descenso". ultimahora.es (en castelán). 8 de maio de 2004. Consultado o 10 de xullo de 2021.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 "El COB se agarra a la vía de los despachos tras el descenso a Plata". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de maio de 2021. Consultado o 9 de xullo de 2021.
- ↑ "LEB/ ADECCO LEB ORO / ADECCO ORO" (PDF) (en castelán). Federación Española de Baloncesto. Consultado o 10 de xullo de 2021.
- ↑ "Ourense, campeón de la Copa LEB-2 al ganar al Ciudad de La Laguna" (en castelán). ACB.com. 3 de febreiro de 2007. Arquivado dende o orixinal o 25 de agosto de 2013. Consultado o 8 de agosto de 2019.
- ↑ 14,0 14,1 "Mucho ruido y pocas canastas sube y baja". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de decembro de 2011. Consultado o 3 de xullo de 2021.
- ↑ "Resultados y Clasificaciones. ADECCO ORO 2010/2011" (en castelán). Federación Española de Baloncesto. Consultado o 3 de xullo de 2021.
- ↑ "Resultados y Clasificaciones ADECCO PLATA 2011/2012. Play-offs" (en castelán). Federación Española de Baloncesto. Consultado o 3 de xullo de 2021.
- ↑ ACB.com. "Comunicado oficial de la asamblea de la ACB". Arquivado dende o orixinal o 05 de outubro de 2015. Consultado o 28 de setembro de 2015.
- ↑ ACB.com. "La Asamblea ratifica el acuerdo con el Ourense para la temporada 16-17". Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2015. Consultado o 28 de setembro de 2015.
- ↑ Ron, Jorge (20 de decembro de 2020). "El COB vuelve hundido de Melilla". La Región (en castelán). Consultado o 9 de xullo de 2021.
- ↑ "Victoria vital del COB en el Pazo ante el Lleida". La Región (en castelán). 21 de marzo de 2021. Consultado o 9 de xullo de 2021.
- ↑ "DIRECTO Así te hemos contado la derrota del COB ante el Murcia". La Región (en castelán). 18 de maio de 2021. Consultado o 9 de xullo de 2021.
- ↑ "Una LEB Oro a la italiana". La Región (en castelán). 5 de xuño de 2021. Consultado o 9 de xullo de 2021.
- ↑ "Complexo Polideportivo dos Remedios". deportesourense.com. Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2021. Consultado o 19 de setembro de 2021.
- ↑ "Histori II. 1988/89: Una temporada inolvidable" (en castelán). Club Ourense Baloncesto. Consultado o 8 de agosto de 2019.
- ↑ "De centro para todo a gran gimnasio". La Región. 18 de abril de 2013.
- ↑ "Pazo dos Deportes Paco Paz". Deputación de Ourense. Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2017. Consultado o 8 de agosto de 2019.
- ↑ "Pavillón principal". Pazo Paco Paz. Arquivado dende o orixinal o 08 de agosto de 2019. Consultado o 8 de agosto de 2019.
- ↑ "Pazo dos deportes Paco Paz" (en castelán). galiceando.com. Consultado o 8 de agosto de 2019.
- ↑ "Historia II" (en castelán). Club Ourense Baloncesto. Consultado o 11 de xullo de 2021.
- ↑ "ACB". Mundo Deportivo (en castelán). 7 de agosto de 1995. p. 41. Consultado o 11 de xullo de 2021. Aparecen as denominacións de "Coren" en "La nómina de extranjeros ACB" e "Xacobeo 99" en "abundan los 'cuatros' de calidad.
- ↑ "Aguas de Sousas Ourense" (en castelán). Club Ourense Baloncesto. 15 de setembro de 2009. Consultado o 2 de setembro de 2021.
- ↑ Cachalvite, Andrés H. (20 de agosto de 2020). "Ibereólica dará nombre e impulso al ambicioso proyecto del Club Ourense Baloncesto". La Región (en castelán). Consultado o 10 de xullo de 2021.
- ↑ Rodríguez, Maite (2 de decembro de 2011). "«Los niños se identifican con la mascota O Lobo»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2 de setembro de 2021.
- ↑ "El Rio Ourense Termal visita el CHUO junto a la UD Ourense y obsequia a los más jóvenes" (en castelán). Club Ourense Baloncesto. 6 de xaneiro de 2018. Consultado o 2 de setembro de 2021.
- ↑ "Copa Galicia Sénior Masculina 2018". Federación Galega de Baloncesto. Arquivado dende o orixinal o 08 de agosto de 2019. Consultado o 8 de agosto de 2019.