Saltar ao contido

Anímidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Anhimidae»)

A dos anímidos (Anhimidae) é unha familia de aves da orde das anseriformes.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A familia fou descrita en 1885 polo zoólogo noruegués, nacionalizado estadounidense, Leonhard Hess Stejneger.[1]

Xéneros e especies

[editar | editar a fonte]

A familia comprende dous xéneros con tres especies:[1]

Imaxe Xénero Especies actualmente viventes
Anhima Brisson, 1760
Chauna Illiger, 1811


Ademais, coñécese un xénero fósil, † Chaunoides Alvarenga, 1999, cunha única especie, † Chaunoides antiquus Alvarenga, 1999.[2]

Nota taxonómica

[editar | editar a fonte]

Pensouse que os anímidos estaban emparentados cos galiformes por mor de teren picos similares, pero están máis relacionados cos patos (familia dos anátidos),[3] e máis estreitamente, con Anseranas semipalmata (famila dos anseranátidos).[4]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

As tres especies encóntranse só en América do Sur, desde Colombia até o norte da Arxentina. Anhima cornuta estivo presente hai tempo na illa caribeña de Trinidad, pero hoxe está extinguida alí.[3]

Viven en zonas húmidas tropicais e subtropicais (pantanos, lagos, lagoas, marismas), sabanas abertas e prados, ou en chairas aluviais de bosques tropicais húmidos,[5] onde se alimentan de plantas acuáticas.[3]

Características

[editar | editar a fonte]

Son aves grandes e voluminosas (de 76 a 95 cm de lonxitude, de 3 a 4,4 kg de masa corporal e 170 cm ded envergadura alar), cunha cabeza pequena, patas longas e pés grandes que só están parcialmente palmados. Posúen grandes esporóns nas ás, que utilizan en pelexas de parella e disputas territoriais. A diferenza dos patos, teñen unha muda parcial, polo que poden voar durante todo o ano.[3]

Unha especie, Chauna torquata, considérase unha praga, xa que se alimenta de plantas cultivadas e compite coas aves de granxa.

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Nutrición

[editar | editar a fonte]

Os anímidos son herbívoros e se alimentan principalmente das follas, caules, flores e raíces da vexetación acuática. Os adultos tamén poden alimentarse de sementes, follas e caules doutras plantas, e tamén de insectos e outros artrópodos.[5]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Os anímidos considéranse monógamos estacionais. Os lugares onde aniñan e as parellas poden manterse durante anos ou talvez de por vida. A formación de vínculos de parella implican dúos vocais e acicalamento mutuo. Ambos os sexos constrúen o niño e defenden o territorio ao seu redor. A cópula ocorre en terra, co macho agarrando a caluga da femia co seu peteiro. A reprodución ocorre de outobre a decembro, pero algunhas poboacións poden reproducirse durante todo o ano. Os niños constrúense sobre ou cerca da auga, con material vexetal. O intervalo de posta de ovos é de aproximadamente dous días, e o tamaño da niñada varía de dous a sete ovos. Os ovos son de cor branca con manchas pálidas.[5]

  1. 1,0 1,1 Anhimidae Stejneger, 1885 na BioLib. Consultada o 19 de outubro de 2022.
  2. Chaunoides Alvarenga, 1999 na BioLib]. Consultada o 19 de outubro de 2022.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Todd 1991.
  4. Fowler, M. E. & Cubas, Z. S. (2001): Biology, medicine, and surgery of South American wild animals. Hoboken, Nova Jersey: Wiley-Blackwell. ISBN 978-0-4703-7676-8. p. 103.
  5. 5,0 5,1 5,2 Anhimidae na ADW,

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]