Saltar ao contido

Selección de rugby de Nova Zelandia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «All Blacks»)
Nova Zelandia
Escudo de camisola/Emblema da asociación
Alcume(s)All Blacks
EmblemaFento prateado
UniónNew Zealand Rugby Union
AdestradorIan Foster
CapitánSamuel Whitelock
Mais capsRichie McCaw (148)
Máximo anotadorDan Carter (1 598)
Máis ensaiosDoug Howlett (49)
Casa
Fóra
Ranking World Rugby
Actual2 (14 de novembro de 2021)
Máximo1 (2009−2019, 2021)
Mínimo3 (2003, 2019, 2020)
Estrea internacional
Australia Australia 3−22 Nova Zelandia Nova Zelandia
Sydney, Australia; 15 de agosto de 1903
Maior vitoria
Nova Zelandia Nova Zelandia 145−17 Xapón Xapón
Bloemfontein, Suráfrica; 4 de xuño de 1995
Maior derrota
Australia 28−7 Nova Zelandia Nova Zelandia
Sydney, Australia; 28 de agosto de 1999
Australia Australia 47−26 Nova Zelandia Nova Zelandia
Perth, Australia; 10 de agosto de 2019
Copa do Mundo
Participacións9 (primeira en 1987)
Mellor resultado1º (1987, 2011, 2015)

A Selección de rugby de Nova Zelandia, máis coñecida como os All Blacks, representa a Nova Zelandia en rugby. O rugby está considerado nestas illas un deporte nacional.[1] O equipo conseguiu gañar até o momento tres campionatos do mundo: o inaugural de 1987, así como os de 2011 e 2015.

Os All Blacks posúen un récord de vitorias do 77% en xogos internacionais, sendo o único equipo masculino internacional con máis vitorias que derrotas contra todos os seus opoñentes, incluído os British and Irish Lions (combinado de xogadores das distintas seleccións das Illas Británicas). Desde o seu debut internacional en 1903, os neozelandeses tan só perderon nalgunha ocasión contra seis dos diferentes dezanove rivais aos que se enfrontaron: Australia, Francia, Gales, Inglaterra, Irlanda e Suráfrica. Ademais, desde a introdución da Clasificación Mundial de World Rugby en 2003, Nova Zelandia ocupou o primeiro lugar máis tempo que o resto de seleccións combinadas.[2]

Nova Zelandia compite anualmente contra as seleccións da Arxentina, Australia e Suráfrica en The Rugby Championship, torneo antes coñecido como o Torneo das Tres Nacións. Os neozelandeses conseguiron proclamarse campións deste torneo en dezaseis ocasións das vinte e tres disputadas. Cómpre destacar que os neozelandeses completaron en catro ocasións durante a súa historia o Grand Slam Tour (1978, 2005, 2008 e 2010), por vencer ás catro seleccións das Illas Británicas, as Home Nations, nun mesmo ano. Entre outros recoñecementos do equipo destacan o ser nomeado Equipo do Ano de World Rugby dez veces desde a creación do premio en 2001 ou o Premio Príncipe de Asturias do deporte en 2017. A nivel de xogadores cómpre destacar que quince antigos all-blacks forman parte do Salón da Fama do Rugby Internacional.

O equipo competiu por primeira vez en 1884 contra o condado de Cumberland, en Nova Gales do Sur, e xogou o seu primeiro partido internacional en 1903 cunha vitoria fronte a selección australiana. Este encontro foi seguido por unha xira no hemisferio norte en 1905, durante a cal só perdeu fronte a Gales en Cardiff. Desde o ano 1905, os uniformes do equipo consisten nunha camisola e pantalóns negros. Antes do comezo dos partidos o equipo representa a tradicional haka (unha postura de baile maorí). Tradicionalmente a haka representada é a Ka Mate, aínda que desde 2005 tamén é utilizada ás veces Kapa o Pango, unha versión modificada da haka dos All Blacks de 1924.

Nova Zelandia contra Inglaterra

A tradición remóntase a 1905 cando unha selección nacional de xogadores neozelandeses realizou unha xira polas Illas Británicas primeiro, quee posteriormente estendeuse a Francia e América. Nesta xira enfrontouse contra o máis selecto dos clubs ingleses, galeses, escoceses e irlandeses de rugby, así como aos poderosos combinados nacionais. A xira durou máis de seis meses (setembro de 1905 - febreiro de 1906) e os denominados The Originals, disputaron 33 partidos, gañando 31, empatando 1 e perdendo un só partido, contra Gales. A impresión que deixaron na patria do rugby foi tan grande, que desde entón Nova Zelandia foi ininterrompidamente considerada como unha das máis grandes potencias do rugby. Durante esta xira, ademais, fraguouse o nome que a día de hoxe aínda recibe a selección de Nova Zelandia, os All Blacks (todos de negro). Contrariamente ao que se cre, é probábel que este nome non se deba á indumentaria que levaban os xogadores de Nova Zelandia, senón á peculiar forma de entender o rugby dos seus xogadores, na que todos parecían traseiros (All Backs), dispostos a xogar "á man". Esta característica do xogo, vixente aínda hoxe en día en Nova Zelandia, fai dos All Blacks un referente no rugby equivalente ao da selección do Brasil no fútbol. Co tempo, o nome se terxiversaríase e de All Backs pasaríase a All Blacks.

En Nova Zelandia, ninguén era consciente que un grupo de xogadores de rugby fora a Inglaterra a demostrar as súas habilidades. A medida que os mellores clubs ingleses ían sendo derrotados por resultados escandalosos e as noticias do que sucedía ían filtrándose pouco a pouco nos xornais, un sentimento de unión nacional ao redor daquel equipo foi forxándose, chegando a converter a aqueles Originals en auténticos heroes ao seu regreso.

Ademais, o único partido perdido por Nova Zelandia, ante Gales, iniciou unha das máis grandes rivalidades no rugby, posto que só 5 seleccións nacionais foron capaces de derrotar aos All Blacks nun estadio de rugby: Inglaterra, Francia, Suráfrica, Australia e a citada Gales.

A partir de 1932[3] e na honra de Lord Bledisloe, naquel momento gobernador xeral de Nova Zelandia, iniciouse unha competición entre Australia e Nova Zelandia, a chamada Bledisloe Cup. Até 1981 disputouse de forma irregular, sen un calendario pre-establecido. A partir de 1981 e até 1995 xogouse de forma anual a dobre partido. A partir de 1995, e co fin da exclusión de Suráfrica das competicións deportivas a nivel internacional, introduciuse o torneo Tri Nations, á imaxe do Torneo das Seis Nacións, pero incluíndo ás tres mellores seleccións nacionais do hemisferio sur: Australia, Nova Zelandia e Suráfrica. A Bledisloe Cup dirímese nos dous partidos entre Nova Zelandia e Australia do Torneo Tri Nations.

En 1987, celebrouse a primeira Copa do Mundo de Rugby, en Nova Zelandia e Australia. Os All Blacks, claros favoritos, adxudicáronse sen demasiada oposición a Copa do Mundo derrotando a Francia na final.

Os símbolos

[editar | editar a fonte]

Equipamento

[editar | editar a fonte]
Camisola de 1905

A camisola actual dos All Blacks é totalmente negra, co logo de Adidas e o fieito prateado da NZRU na fronte. Na xira por Australia de Nova Zelandia (a primeira xira fora das illas) o xersei que utilizaban era moi distinto ao actual, nesa época o equipo levaba unha camisola azul escuro cun fieito dourado á esquerda. En 1893 a Federación de Rugby de Nova Zelandia estipulou na súa reunión anual que o uniforme sería negra co fieito prateado e pantalóns brancos.

O xersei dos neozelandeses é aínda hoxe en día considerado o xersei de rugby máis recoñecíbel[4]. Recentemente volveuse tradicional o levar unha papoula bordada na manga nos seus partidos contra a selección francesa durante as xiras de fin de ano, para honrar aos soldados mortos que morreron nos campos de batalla en Europa. En declaración do capitán Richie McCaw:

We want to honour the overseas service of New Zealanders. It is an important part of our history as a country and a team (Queremos honrar o servizo no exterior dos neozelandeses. É unha parte importante da nosa historia como país e como equipo)[5]

Adidas actualmente paga á Federación de rugby de Nova Zelandia 200 millóns de dólares por 9 anos, coa esperanza de que os All Blacks gañen arredor do 75% dos seus partidos[6]. Nike tamén tivo a intención de patrocinar a Nova Zelandia, mais fixouse en Tiger Woods en troques[7].

O equipamento suplente foi tradicionalmente branco con pantalóns negros porén, actualmente a camisola é de cor prateado con pantalóns negros.

God defend New Zealand (en galego Deus defenda Nova Zelandia) é o himno nacional de Nova Zelandia, compartindo rol con God Save the Queen. A letra foi composta orixinariamente por Thomas Bracken en 1870. John Woods realizou a música en 1876e o himno foi declarado oficial en 1940.

Nova Zelandia escenifica Ka Mate antes dun partido contra Francia en novembro de 2006

Os All Blacks realizan a haka (baile maorí) antes de cada partido internacional. A haka está fortemente relacionada co rugby neozelandés dende unha viaxe en 1984 a Nova Gales do Sur. Os nativos de Nova Zelandia que fixeron a xira británica no ano 1889 usaron a Ake Ake Kia Kaha e en 1903 en Australia usaron unha haka burlona: Tupoto koe, Kangaru!. En 1905 comezaron a tradición de utilizar Ka Mate e en 1914 esta tradición estabeleceuse definitivamente coma parte do rugby neozelandés. En 1924 os All Blacks usaron unha haka especialmente composta Kia Whaka-ngawari, mais despois volveron á tradicional Ka Mate[8].

En agosto de 2005, antes do partido do Tri Nations entre Nova Zelandia e Suráfrica no estadio de Carisbrook en Dunedin, os All Blacks representaron unha nova haka Kapa o Pango, especialmente composta por Derek Lardelli e "...deseñada para reflectir a bagaxe multi-cultural da Nova Zelandia actual — en particular a influencia das culturas polinesias"[9]. Kapa o Pango representase en ocasión especiais, non sendo unha tentativa de substituír Ka Mate. Esta haka remata co que se interpretou coma un xesto de "corte de pescozo", o que foi unha fonte controversia e que deu lugar a acusacións de que Kapa o Pango alenta a violencia, enviando unha mensaxe equivocada ao seus fans[10][11]. Porén, de acordo con Derek Lardelli, o xesto representa "o debuxo da enerxía vital no corazón e os pulmóns"[12].

En novembro de 2006, no Millennium Stadium de Cardiff, Nova Zelandia representou a haka no vestiario antes do partido no canto de no terreo de xogo inmediatamente antes do saque inicial, logo dun desacordo coa Federación Galesa de Rugby (WRU), que quería que Gales cantase o seu himno nacional, Hen Wlad Fy Nhadau, despois da haka[13].

A representación da popular Haka Ka Mate é a seguinte:

"Ka Mate"
Líder: Ringa pakia! Apoiade as mans nas coxas!
Uma tiraha! Sacade peito!
Turi whatia! Dobrade os xeonllos!
Hope whai ake! Deixade que siga a cadeira!
Waewae takahia kia kino! Batede os pés tan forte como poidades!
Líder: Ka mate, ka mate Mórrome, mórrome,
Equipo: Ka ora' Ka ora' Eu vivo, eu vivo,
Líder: Ka mate, ka mate Morro, morro
Equipo: Ka ora' Ka ora' Eu vivo, eu vivo,
Todos: Tēnei te tangata pūhuruhuru Este é o home peludo
Nāna i tiki mai whakawhiti te rā ...que fixo que o sol brillase de novo por min
Upane... Upane Subide a escala, subide a escala
Upane Kaupane" Arriba até o final
Whiti te rā,! O sol brilla!
He! He!

Estadios representativos dos All Blacks

[editar | editar a fonte]
Westpac Stadium

Ao contrario que os outros equipo nacionais, os All Blacks carecen dun estadio principal para os seus partidos na casa, xogan arredor de tódolos grandes estadios de Nova Zelandia, o que permite á federación non facer privilexión dunhas provincias sobre outras.

En 2005 e 2006, os All Blacks xogaron en Eden Park (Auckland), North Harbour Stadium (Albany, preto de Auckland), Westpac Stadium (Wellington), AMI Stadium (Christchurch), Waikato Stadium (Hamilton) e Carisbrook (Dunedin).

Os All Blacks xogan habitualmente nas cidades citadas, excepto en 1996 onde xogaron no McLean Park de Napier.

Rexistros

[editar | editar a fonte]

Participacións de Nova Zelandia na Copa do Mundo.

Edición Organizador Posto
1987 Nova Zelandia e Australia Australia Campión
1991 Inglaterra Inglaterra[14] Terceiro
1995 Suráfrica Segundo
1999 Gales Gales[15] Cuarto
2003 Australia Australia Terceiro
2007 Francia Francia[16] 1/4 finalista
2011 Nova Zelandia Campión
2015 Inglaterra Inglaterra[17] Campión
2019 Xapón Terceiro
 
Arxentina

Australia

Nova Zelandia

Suráfrica
Torneos 10 26 26 25
Vitorias 0 4 18 4
Partidos xogados 52 124 124 120
Gañados 6 53 93 50
Empatados 3 6 2 5
Perdidos 43 65 29 65

Rexistro de partidos

[editar | editar a fonte]

Nova Zelandia ten un rexistro de máis partidos gañados que perdidos contra toda selección coa que xogou, e coa excepción Selección de rugby de Suráfrica gañou contra todos dúas de cada tres veces polo menos. Os All Blacks gañaron 330 dos seus 443 partidos xogados, facendo unha porcentaxe de 74,49% de éxito (véxase a táboa). Por todos estes motivos Nova Zelandia é o equipo con máis éxito do rugby e do mundo do deporte.

A súa diferenza de puntos conseguidos en partidos total de tódolos tempos é 11252 puntos a favor por 5497 en contra (en novembro de 2008). Esta listaxe de partidos xogados está actualizada a 30 de novembro de 2008[18].

Líderes do IRB Ranking
Selección de rugby de Nova ZelandiaSelección de rugby de SudáfricaSelección de rugby de Nova ZelandiaSelección de rugby de SudáfricaSelección de rugby de Nova ZelandiaSelección de rugby de InglaterraSelección de rugby de Nova ZelandiaSelección de rugby de Inglaterra
Opoñente Xogados Gañados Perdidos Empatados % de vitorias
Anglo-Galeses 3 2 0 1 66.7%
Arxentina 13 12 0 1 92.3%
Australia 132 88 39 5 66.7%
British and Irish Lions 34 26 6 2 76.5%
Canadá 4 4 0 0 100%
Escocia 27 25 0 2 92.6%
Estados Unidos 2 2 0 0 100%
Fidxi 4 4 0 0 100%
Francia 46 34 11 1 73.9%
Gales 24 21 3 0 87.5%
Gran Bretaña 1 1 0 0 100%
Inglaterra 32 25 6 1 77.4%
Irlanda 22 21 0 1 95.5%
Italia 9 9 0 0 100%
Pacific Islanders 1 1 0 0 100%
Portugal 1 1 0 0 100%
Romanía 2 2 0 0 100%
Samoa 5 5 0 0 100%
Suráfrica 75 42 30 3 56.0%
Tonga 3 3 0 0 100%
World XV 3 2 1 0 66.7%
Xapón 1 1 0 0 100%
Total 443 331 96 17 74.49%

Rexistros de xogadores

[editar | editar a fonte]

Máis partidos coa selección

[editar | editar a fonte]
Tana Umaga

A seguinte listaxe recolle os rexistros máis notábeis de partidos xogados coa selección neozelandesa[19]. A lista inclúe xogadores dos últimos 25 anos, é preciso sinalar que unha clasificación por número de selección non depende só da calidade do xogador senón só do número de partido disputados internacionalmente. Co nacemento da copa do mundo en 1987 a periodicidade dos partidos variou de xeito destacábel. En letra grosa xogadores que seguen en activo na selección de Nova Zelandia.

  1. Richie McCaw - 142
  2. Keven Mealamu - 126
  3. Tony Woodcock - 115
  4. Daniel Carter - 106
  5. Mils Muliaina - 100

Máis ensaios

[editar | editar a fonte]
Joe Rokocoko

Doug Howlett é o xogador que conseguiu máis ensaios coa selección de Nova Zelandia[19], o xogador, hoxe retirado, ocupa o terceiro posto na clasificación de número ensaios da historia coas súas seleccións nacionais (empatado con inglés Rory Underwood). Christian Cullen ocupa o quinto posto nesta mesma clasificación. Porén, cómpre destacar a Joe Rokocoko, que pese a súa xuventude (xogador nacido en 1983) xa ocupa o cuarto posto histórico dos All Blacks e o oitavo mundial.

  1. Doug Howlett - 49
  2. Christian Cullen - 46
  3. Joe Rokocoko - 46
  4. Jeff Wilson - 44
  5. Jonah Lomu - 37
Andrew Mehrtens

A marca de puntos marcados posúea Andrew Mehrtens con 967 puntos[19]. Este xogador, xa retirado, ocupa o cuarto posto na lista histórica internacional de puntos coa súa selección. Nesta clasificación tamén, ao igual que a Joe Rokocoko en ensaios, hai que nomear a Daniel Carter, que nacido en 1982, ocupa o segundo posto nesta clasificación, moi preto do primeiro posto, e o oitavo na clasificación mundial, con moitas posibilidades de continuar aumentando a cantidade de puntos.

  1. Daniel Carter - 1516
  2. Andrew Mehrtens - 967
  3. Grant Fox - 645
  4. Carlos Spencer - 291
  5. Aaron Cruden - 280
  1. "Sport, Fitness and Leisure". New Zealand Official Yearbook. Statistics New Zealand. 2000. Arquivado dende o orixinal o 07 de xuño de 2011. Consultado o 21 July 2008. Traditionally New Zealanders have excelled in rugby union, which is regarded as the national sport, and track and field athletics. 
  2. "Rugby World Rankings". World Rugby. Arquivado dende o orixinal o 11 de maio de 2016. Consultado o 4 de decembro de 2014. 
  3. Non hai acordo neste punto, neozelandeses e australianos discuten sobre a orixe da Bledisloe Cup, sendo a data reclamada por neozelandeses 1932 e 1931 a dos australianos.
  4. All Blacks Rugby Jersey Arquivado 13 de febreiro de 2009 en Wayback Machine. (en inglés)
  5. All Blacks to honour fallen soldiers Arquivado 07 de xaneiro de 2008 en Wayback Machine. (en inglés)
  6. God defend the All Black brand[Ligazón morta](en inglés)
  7. Member of the Club Arquivado 04 de decembro de 2010 en Wayback Machine. (en inglés)
  8. All Blacks' Haka (en inglés)
  9. New haka the cutting edge of sport Arquivado 29 de setembro de 2007 en Wayback Machine. (en inglés)
  10. Cut-throat haka does All Blacks no favours Arquivado 05 de xuño de 2008 en Wayback Machine. (en inglés)
  11. All Blacks coach slams haka criticism (en inglés)
  12. New haka gets public approval (en inglés)
  13. So just who is to blame for no Millennium haka? (en inglés)
  14. coa asistencia de Gales, Escocia, Irlanda e Francia
  15. coa asistencia de Escocia, Inglaterra, Irlanda e Francia
  16. coa asistencia de Gales e Escocia
  17. coa asistencia de Gales
  18. "All Blacks Test Match Record since first test match.". allblacks.com. Consultado o 2008-11-23.  (en inglés)
  19. 19,0 19,1 19,2 SuperRugby Arquivado 06 de marzo de 2009 en Wayback Machine. (en inglés)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]