Alberto Sánchez Pérez
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de abril de 1895 Toledo, España |
Morte | 12 de outubro de 1962 (67 anos) Moscova, Rusia |
Lugar de sepultura | Vvedenskoye (en) |
Actividade | |
Ocupación | escultor, pintor |
Xénero artístico | Retrato |
Alberto Sánchez Pérez, nado en Toledo en 1895 e morto en Moscova, en 1962, foi un pintor e escultor español que seguiu os estilos cubista e surrealista.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu en Toledo en 1895, fillo dun panadeiro. En 1927 fundou con Benjamín Palencia a chamada Escola de Vallecas, que buscaba a súa inspiración en Castela. Deseñou os decorados da compañía teatral La Barraca, de Federico García Lorca. A partir de 1938 exiliuse a Moscova, a onde foi enviado polo Goberno da República para dar clases de debuxo ós meniños españois enviados a Rusia.
Despois de anos de inactividade artística, colaborou co ruso Grigori Kózintsev nos decorados da película Don Quijote (1957), cunha recreación espléndida dos pobos de A Mancha en plena Ucraína. Morreu en Moscova no ano 1962.
En 2002 foi homenaxeado no museo de Santa Cruz de Toledo, cunha exposición monográfica.
Obra
[editar | editar a fonte]Unha das súas obras máis coñecidas é a escultura chamada El pueblo español tiene un camino que conduce a una estrella, de doce metros de altura, construída en 1937 para a Exposición Internacional de París e que protagonizou, xunto ó Guernica de Picasso, o pavillón da República Española. A escultura destruíuse cando se desmantelou a Exposición, pero fíxose unha reprodución que hoxe está colocada ante a fachada principal do Museo Raíña Sofía, que conserva tamén as dúas maquetas que presentou para a Exposición de París. Existe outra copia, a escala reducida, na Praza de Barrionuevo, de Toledo.
Nos anos 1931-1932, Alberto Sánchez deseñou unha maqueta para o que tiña que ser unha grande escultura que pensaba colocar no outeiro de Almodóvar, en Vallecas (nos arredores de Madrid), como un símbolo da liberdade. A maqueta, en xeso, perdeuse durante a Guerra Civil, xunto a moitas outras obras do artista, e só se conservan algunhas fotografías que lle fixera o arquitecto Enrique Segarra. En 1957 recuperou ese proxecto e creou unha nova versión do monumento, pero tampouco conseguiu converter a maqueta en realidade:
"La historia es prosaica. Tenía una hernia discal que le impedía cargar peso y en uno de los traslados de casas la dejó detrás".Alcaén Sánchez Sancha, fillo do escultor [1]
A maqueta, dividida en pezas soltas, quedou perdida entre caixas e maletas ata que a descubriu o fillo no fallado da súa casa de Moscova, despois da morte do escultor. Nesta ocasión puido ser reconstruída en bronce polo fundidor Eduardo Capa, e foi exposta ó público nunha exposición que na súa honra celebrou en 2010 a Comunidade de Madrid no Centro de Arte Dous de Maio, baixo o título "Monumento a los pájaros. Hito y mito".
"Es el único escultor del rayo, el único que graba el color de la madrugada, el único que ha hecho un monumento a los pájaros y una estatua al bramido".Miguel Hernández [2]
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Alberto Sánchez Pérez |
- Colección de Alberto Sánchez Arquivado 04 de novembro de 2011 en Wayback Machine. no Raíña Sofía
- "El sueño alado de Alberto Sánchez remonta el vuelo. Una exposición recupera la escultura inédita 'Monumento a los pájaros'", en El País, 23.03.2010 (en castelán)
- "Madrid recupera el Monumento a los pájaros de Alberto Sánchez", en Revista del Arte.com, 22.03.2010 (en castelán)
- Vídeo sobre a exposición Monumento a los pájaros. Hito y mito, min 7:22 (en castelán)