Saltar ao contido

Neoplatonismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O neoplatonismo é un sistema filosófico que naceu en Alexandría no século III, e que foi ensinado en diferentes escolas até o século VI. É a última manifestación do platonismo antigo, e constitúe unha síntese de elementos moi distintos, con achegas das doutrinas filosóficas de Pitágoras, Aristóteles, Zenón e, sobre todo, Platón, unidas ás aspiracións místicas de orixe hindú e xudeu.[1]

Desenvolvemento histórico

[editar | editar a fonte]

O fundador da doutrina parece que foi Amonio Saccas. Plotino, o representante máis importante desta corrente ceu once anos xunto a Amonio antes de profesar a súa doutrina en Roma, a partir de 244. O seu discípulo Porfirio redactou as súas leccións e as publicou, reunidas en seis Enéadas, tomando a dirección da escola a fins do século III. Iámblico, que fora o editor de Porfirio en Roma, fundou a escola de Siria e ensinou en Apamea. Un dos seus discípulos, Edesio de Capadocia, fundou a escola de Pérgamo.

A tradición filosófica neoplatónica mantívose nos séculos IV e V. Foi ensinada a partir do 400 na escola de Atenas, por Plutarco de Atenas, un dos cuxos sucesores foi Proclo.

A escola de Atenas foi clausurada en 529 por un edicto de Xustiniano I. Tras diso, o Diádoco Damascio e Simplicio de Cilicia refuxiáronse en Persia. A escola de Alexandría, que despois da morte de Hipatia (415), se afastara do neoplatonismo e que, no século VI, chegara incluso a ser un foco de resistencia ás doutrinas neoplatónicas, subsistiu. É sinalábel como neoplatónico Sinesio de Cirene, do que quedaron como fontes indirectas da figura da súa mestra Hipatia as cartas dirixidas a ela, así como outros manuscritos.[2]

Concepción filosófica

[editar | editar a fonte]

Segundo os neoplatónicos, o principio de todo o existente é a unidade absoluta, o Un, chamada realidade suprema ou gran vacuidade, da que xorden todas as demais realidades por emanación. O primeiro ser emanado do Un é o Logos, chamado tamén Verbo, ou Intelixencia, que contén as ideas das cousas posíbeis. Despois, a Intelixencia enxendra a Alma como idea, principio do movemento e da materia. O Un, a Intelixencia e a Alma son as tres hipóstases da Trindade neoplatónica.

A doutrina central de Plotino é a súa teoría da existencia de tres hipóstases ou realidades primordiais: o Un, o Nous e a Alma. En realidade, o principio básico é sempre o Un, mentres que as outras dúas hipóstases e o resto de realidades son derivadas.

O Un da teoría de Plotino é indescritíbel, xa que é a unidade, o máis grande, até tal punto que ás veces denomínao o propio autor como Deus, único, infinito. Plotino antes de querer corrixir, prefire gardar silencio que dicir algo. Unha actitude claramente mística. Como principio e última realidade, esta absoluta transcendencia fai que non existan termos para referila. Trátase entón da Unidade que funda a existencia de todas as cousas. É ese o centro de toda a súa doutrina. O Un está máis alá do Ser e, polo tanto, non hai ningunha definición que describa positivamente ao Un e opta pola vía negativa. Elude a súa comprensión porque a considera imposíbel segundo a modalidade humana de coñecer.

A seguinte realidade o hipóstase é o nous. Non hai unha tradución adecuada, pero algúns autores identifícano con espírito, mentres que outros prefiren falar de intelixencia, pero esta vez non cun sentido místico senón intelectual. A explicación do "nous" por Plotino parte da semellanza entre o Sol e a Luz. O Un sería como o Sol e a Luz como o nous. A función do nous como luz é a de que o Un poida verse a si mesmo, pero como é imaxe do Un, é a porta pola que nós podemos ver ao Un. Plotino afirma que o nous é observábel simplemente aplicando as nosas mentes en dirección oposta aos nosos sentidos.

Este concepto está tomado da noción de dialéctica de A República onde nun proceso similar dise que conduce á visión da forma do Ben, non do Ben mesmo.

O "nous" pódese, e moi probabelmente débese, entender como "a intelixencia pura". O "nous" procede de "o un" non a vontade porque "o un" é tan "máis que perfecto" que non pode ter vontade, está moito máis alá; e todo o que procede de "o un" é unha especie de "escoarse", de "derramarse", no acto de facerse a si mesmo que é "o un"; por tanto a analoxía do Sol e a luz deben entenderse como unha mera imaxe para dar unha idea de como "emana a luz" do Sol; resulta máis ilustrativo pensar "o despregamento dun círculo a partir do seu centro".

A terceira realidade ou hipóstase é a Alma, a cal é de natureza dupla. Nun extremo está ligada ao nous e tira del. No outro extremo asóciase co mundo dos sentidos, do cal é creadora (ou, mellor, plasmadora). Por tanto Plotino considera á Natureza como o resultado dunha procesión que vai "cara a abaixo" desde a alma.

Para adquirir a Gnose (coñecemento) o ser enxendrado esfórzase en ascender cara á perfección da que emana. Todo vén do Ben e tende cara ao Ben. Para que a Alma se una ao primeiro principio é preciso que supere o pensamento e que, polo éxtase, se confunda con Deus e perda toda consciencia de si mesma. Plotino estaba convencido de ter chegado, dúas ou tres veces na súa vida, a esta unión íntima coa máis alta hipóstase.

Declive e influencia histórica posterior

[editar | editar a fonte]

O neoplatonismo, con Porfirio e Iámblico, loitou contra o cristianismo, e atribuíu cada vez máis importancia aos procedementos prácticos destinados a provocar a éxtase. Influíu na patrística cristiá (Pseudo Dionisio Areopaxita, Agostiño de Hipona) e tamén, a través dela, no pensamento medieval e na escolástica, até chegar ao Renacemento (Marsilio Ficino, Giovanni Pico della Mirandola).

  1. Gran Enciclopedia Larousse. Vol. 16, páxs. 7728-7729. Barcelona: Planeta (1991). ISBN 84-320-7386-5
  2. Antes do 395 Sinesio residiu durante tres ou catro anos en Alexandría. Alí coñeceu a Hipatia, filósofa neoplatónica e filla do matemático Teón, converténdose no seu alumno e discípulo. As cartas de Sinesio son unha das poucas fontes das que dispoñemos para acceder á figura de Hipatia, á que Sinesio se dirixe con afecto como a súa "nai, irmá e mestra, benefactora miña en todo, e todo o que para min ten valor en ditos e feitos" (Carta 16).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]