Saltar ao contido

Choia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Choia de bico vermello

Adulto da subespecie P. p. barbarus en La Palma, Illas Canarias
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Corvidae
Xénero: Pyrrhocorax
Especie: P. pyrrhocorax
Nome binomial
Pyrrhocorax pyrrhocorax
(Linnaeus, 1758)
Distribución aproximada
Distribución aproximada

Distribución aproximada

A choia de bico vermello[2] (do francés antigo choue)[3] (Pyrrhocorax pyrrhocorax) é un paxaro da familia dos corvos (Corvidae). É unha especie moi próxima á choia de bico amarelo (Pyrrhocorax graculus), coa que foi cruzada en catividade no parque zoolóxico de Innsbruck (Austria), dando lugar a híbridos fértiles.

Descrición

[editar | editar a fonte]

As choias son aves completamente negras ou negras azuladas brillantes. O bico, que é longo e curvado, e as patas son vermellos. Miden entre 37–41 cm de lonxitude e pesan uns 250 gramos. De punta a punta das ás miden entre 68 e 80 cm. Os exemplares novos teñen o bico máis curto cós adultos e de cor amarelo.

Son grandes voadoras,que parecen frotar sobre os acantilados, mentres desctriben curvas. Desprázanse polo chan en carreiras curtas e rápidas, pero tamén poden camiñar amodo. Son moi sociables e voan en bandos grandes. A súa chamada típica é moi diferente da da especie irmá, a choia de bico amarelo.

Choias voando en Kullu,distrito de Manali, India

Subespecies

[editar | editar a fonte]
  • P. pyrrhocorax pyrrhocorax
  • P. pyrrhocorax erythrorhamphos
  • P. pyrrhocorax baileyi
  • P. pyrrhocorax barbarus
  • P. pyrrhocorax docilis
  • P. pyrrhocorax brachypus
  • P. pyrrhocorax himalayanus
  • P. pyrrhocorax centralis

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

Están espalladas por zonas de montañas e acantilados costeiros de Europa, Asia e algunhas zonas de África. En Europa teñen unha distribución descontinua: aparecen no oeste de Inglaterra, Irlanda, Islandia, España (incluídas as Canarias coa subespecie endémica Pyrrhocorax pyrrhocorax barbarus de La Palma), Portugal e Francia. En Centroeuropa desapeceron case completamente, agás por algunhas parellas reprodutoras en Unterengadin no cantón suízo dos Grisións. A concorrencia da choia de bico amarelo foi probablemente a causa do seu retroceso na zona dos Alpes, como a do corvo pequeno a puido ser en Inglaterra. Na Península Ibérica hai poboacións abundantes e ben distribuídas en España e en Portugal as poboacións máis numerosas atópanse nas queivancas do Douro e nas costas do suroeste do Alentexo. Viven ademais nos Urais, no Cáucaso, no Himalaia (ata os 6000 m de altitude) e en Bután. En África viven nos montes Atlas e hai unha poboación illada en Etiopía.

Distribución en Galiza

[editar | editar a fonte]

A choia é unha ave pouco común en Galiza, presentando unha distribución periférica polo territorio galego. No norte atópase distribuída polas costas das provincias da Coruña e Lugo, polo leste distribúese polas zonas montañosas das provincias de Lugo e Ourense. Na provincia de Pontevedra distribuése tan só polas zonas de cantís litorais, incluídos os arquipélagos das Cíes e Ons. Na actualidade as poboacións galegas da Choia atópanse en regresión.

Alimentación

[editar | editar a fonte]

O bico longo das choias está adaptado para capturar insectos adultos ou larvas e vermes. Sacam das degretas das rochas arañas, eirugas, caracois e outros animais pequenos. ó contrario cá choia de bico amarelo, poucas veces comen nos vertedeiros de lixo.

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Pyrrhocorax pyrrhocorax

As choias viven e crían en colonias, máis delas con séculos de existencia, formado parellas xa antes de alcanzaren a madureza reprodutora, que lles chega ós dous ou tres anos de vida. Fan os niños, en xeral voluminosos e compostos de raíces e talos de uces e outras plantas, en lugares inaccesibles coma covas ou furados das rochas ou paredes dos acantilados. En España crían nalgunhas canteiras. Os niños son feitos polos dous membros da parella, pero é o macho quen fai a parte meirande da estrutura. Inclúen unha molida de pelos e la. Poñen, entre abril (nas zonas marítimas) e xuño, de 3 a 6 ovos da cor da crema con manchas máis ou menos mestas de ton castaños ou agrisados. A incubación, que fan só as femias, dura entre 21 e 23 días. Neste período os machos ocúpanse de alimentar á súa compañeira en intervalos dunha media hora. Os polos pasan entre 37 e 40 días no niño.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. BirdLife International (2012). "Pyrrhocorax pyrrhocorax". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05. 
  3. Definición de choia no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Guía das aves de Galicia, Baía Edicións (2004)
  • Laiolo, Paola; Rolando, Antonio; Delestrade, Anne & De Sanctis, Augusto (2004): Vocalizations and morphology: interpreting the divergence among populations of Chough Pyrrhocorax pyrrhocorax and Alpine Chough P. graculus. Bird Study 51(3): 248–255. HTML abstract Arquivado 21 de novembro de 2008 en Wayback Machine.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]