Pobos do Mar
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Coñécese como Pobos do Mar a unha serie de pobos da Idade de Bronce que, a raíz da caída da cultura troiana, sobre o 1200 a.C. e da micénica, a finais do século XIII a.C. e, polo tanto, no comezo da Idade Escura, migran para Oriente Próximo.
Parece que se trata dun conxunto amplo e variado de poboacións que se fixeron ao mar buscando novas terras (migracións) ou simplemente intentando sobrevivir (a través da pirataría, as migracións continuas e mesmo a conquista de pequenas cabezas de ponte). As razóns polas que se foron ao mar deben buscarse nun proceso non demasiado longo que vai a partir da guerra de Troia á destrución da cultura micénica. Os aqueos gañaron a guerra contra o seu rival económico, pero a súa forza quedou minguada e, mentres as poboacións da esfera de influencia troiana da Anatolia occidental e a Paflagonia empezaron a migrar, eles sucumbiron a novas ondadas migratorias provenientes do norte. Grecia foi asolada e só Atenas conseguiu sobrevivir.
Ao mesmo tempo, toda Asia Menor foi arrasada: Ugarit, Tarso, Hattusa. Todas sucumbiron aos que ían chegando, os hititas foron destruídos e mesmo Exipto sobreviviu a duras penas. Isto debeuse en parte a poboacións como os dorios e, en parte, aos propios pobos do mar. Como se dixo a miúdo o máis probábel é que fosen os restos das poboacións que fuxían das guerras e os invasores ou, simplemente, da pobreza. Eran todos ou fixéronse, pobos mariñeiros e navegaron polo Mediterráneo de leste a oeste e para o Norte, fundando cidades e reinos, aliándose con outros pobos ou sendo por eles absorbidos. Entre os Pobos do Mar máis coñecidos historicamente atópanse os Peleset, que finalmente se asentaron na Franxa de Gaza e deron o nome a Palestina.
Etnias
[editar | editar a fonte]Os Pobos do Mar que se coñecen historicamente poderían resumirse así:
- Os Shardana, cuxo nome pode relacionarse co de Sardeña (Sardinia, Sardegna) e algúns autores len no texto fenicio dunha estela de Nora a locución be-shardan. Na cultura sarda dos nuraga megalíticos, as figuriñas broncíneas que representan a guerreiros aseméllanse notabelmente aos gravados de Medinet Habu e a outros restos chipriotas.
- Os Lukka, que aparecen en textos amarnenses. Vivían das súas potentes frotas, custeando Chipre e o sur de Anatolia e realizando accións de pirataría. Parece que os hititas os consideraron como un verdadeiro Estado litoral.
- Os Ekwesh ou Akawasha poderían ser os ahhiyawa dos hititas e é verosímil que se trate dos aqueos micénicos, gregos, acaso xa establecidos no occidente anatolio (a Mileto grega podería ser a Millawanda/Millawata dos textos hititas) e, que é a teoría máis aceptada.
- Os Teresh ou Tursha, algún autor pon en relación o seu nome co hebreo Tarshish e co hispánico Tartessos.
- Os Shekelesh relacionáronse con Sicilia e os sículos. Este pobo chegaría á illa tras seren rexeitados en Exipto por Ramsés III nunha das maiores batallas navais da historia.
- Os Peleset son con case total seguridade os filisteos ou palestinos. Aínda que non aparecen na documentación de Hatti, a Biblia sitúaos procedentes de Kaftor, que podería ser Creta. Presentan trazos micénicos, aínda que outros autores prefiren situar a súa orixe na Siria setentrional ou no Cáucaso.
- Os Tjeker lembran o nome de Teucro, lendario fundador de Salamina en Chipre, epónimo dos teucros (na Tróade). Similares aos peleset, talvez procedían de Anatolia e foron mencionados polos hititas. Ao parecer foron a rama mariñeira dun grupo no que os peleset serían do interior.
- Os Denyen poderían ser os anatolios danuna mencionados en El-Amarna. A semellanza co nome dánaos relaciónaos cos aqueos, xa que é outro nome dos gregos micénicos. É posíbel que se aliaran cos peleset e os tjeker, compartindo con eles terras e asentamentos. Probabelmente fundíronse cos hebreos e, neste caso, serían as compoñentes do tribo de Dan, que vivía do mar.
- Os Weshesh, poderían estar vinculados a Wilusha (Ilión – Troia en hitita), polo que se suxire que sexan os restos dos pobos troianos.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cline, Eric (2021). 1177 B.C.: The Year Civilization Collapsed: Revised and Updated. Princeton University Press. ISBN 9780691208015.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Os Pobos do Mar (en español)