Saltar ao contido

Moaña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaMoaña
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 42°18′26″N 8°44′15″O / 42.3072, -8.7375
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
ProvinciaProvincia de Pontevedra Editar o valor en Wikidata
CapitalMoaña Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación19.315 (2023) Editar o valor en Wikidata (613,17 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie31,5 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porOcéano Atlántico Editar o valor en Wikidata
Altitude133 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Creación1836 Editar o valor en Wikidata
Organización política
• Alcaldesa Editar o valor en WikidataLeticia Santos Paz (2015–) Editar o valor en Wikidata
Eleccións municipais en Moaña Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal36950 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Código INE36029 Editar o valor en Wikidata

Páxina webconcellodemoana.org Editar o valor en Wikidata
Facebook: ConcellodeMoanha Twitter: concellomoana BNE: XX454959 Editar o valor en Wikidata

Moaña é un concello da provincia de Pontevedra, situado na península que dá nome á comarca do Morrazo. O seu xentilicio é moañés. É un concello pequeno (35,1 km²) que no 2016 tiña unha poboación de 19 458 habitantes, cunha alta densidade de poboación (554,35 hab./km²).

Xeografía

[editar | editar a fonte]

Ten unha extensión de 35,1 km², cunha densidade de poboación de 533,02 hab./km². É un dos cinco concellos encravados xeograficamente na península do Morrazo, que separa a ría de Vigo da de Pontevedra, xunto con Cangas, Marín, Bueu e Vilaboa. No seu terreo localízase a maior elevación do Morrazo, o monte Faro de Domaio, de 624 m de altitude. A súa costa acolle praias, como a de Domaio, a Borna, a Xunqueira ou a do Con (bandeira azul), que combinan o uso turístico coa produción de marisco e industrias relacionadas co mar. As súas augas utilízanse para a cría do mexillón e outras especies de bivalvos. Ten diferentes peiraos, tanto deportivos como pesqueiros, e unha actividade cultural relevante na que destaca o Festival Intercéltico do Morrazo, o Morrasound Rock Festival e o Festival de Jazz de Moaña, todos de carácter anual.

A historia de Moaña está estreitamente relacionada co mar. Xunto coa pequena explotación agrícola e gandeira (minifundista), a industria principal sempre foi a pesca e os seus derivados.

Os movementos sociais foron, e son, significativos nestas terras. Culturalmente hai bastante asociacionismo, destacando o Festival Intercéltico e o coidado da gaita de cana, típica de Moaña. Os movementos obreiros e sociais tiveron na primeira metade do século XX, cando a CNT conseguiu unha presenza moi significativa[1]. Testemuña diso é o edificio, hoxe dedicado a centro de día para a terceira idade, que en tempos da República foi a sede da Fraternidade Mariñeira de Moaña pertencente a este sindicato e usurpado pola Falanxe durante o golpe de estado.

A costa de Moaña esténdese desde o estreito de Rande, onde tivo lugar a famosa batalla na que se perdeu o maior transporte de ouro e outras riquezas procedentes de América a mans da Mariña Británica e holandesa, que venceron a Franco-Española, (aquí é onde a ficción di que se aprovisionaba de ouro o capitán Nemo), ata os confíns con Cangas. Nesta costa ábrense un senfín de praias, algunhas estreitas e outras moi anchas e pouco profundas. Todas elas gozan de augas tranquilas, ideais para o cultivo do berberecho (croque) e outros bivalvos. O mexillón ten un papel importante nos cultivos mariños, que van medrando en diversidade de especies explotadas.

Situación

[editar | editar a fonte]

O concello de Moaña sitúase na parte meridional da península do Morrazo, ó sueste da provincia de Pontevedra. O seu litoral é a ribeira dereita da ría de Vigo, quedando a cidade de Vigo xusto enfronte. No seu terreo atópase o punto máis estreito da ría, o estreito de Rande, por onde a autoestrada AP-9 a cruza mediante a ponte de Rande.

A poboación de Moaña esténdese de forma moi diseminada polas ladeiras meridionais do macizo do Gagán [2] (pronunciado Ghaghán), sendo a súa maior altura o monte Faro de Domaio. Aínda así hai catro núcleos de poboación (as parroquias de Domaio, Meira, Moaña e Tirán).

Os núcleos de poboación atópanse ó pé das principais rutas de comunicación durante o século XX: a estrada PO-551, que percorre toda a parte sur do Morrazo, e a PO-313 que une Moaña con Marín e Pontevedra.

Moaña limita ó norte cos concellos de Marín e Bueu; ó sur coa ría de Vigo; ó leste con Cangas, e ó oeste con Vilaboa.

Orografía

[editar | editar a fonte]

A orografía de toda a península do Morrazo é complicada. Unha pequena cadea montañosa fai de eixo da mesma, percorréndoa de leste a oeste e conformando as concas hidrográficas. Moaña sitúase na parte máis agreste desa cadea montañosa, coñecida como Serra de Domaio ou Serra do Morrazo.

A Serra de Domaio nace ó comezo da península e vai perdendo altura segundo se acerca ó final. Na parroquia moañesa de Domaio ten a súa maior altura, no monte coñecido como Monte Faro de Domaio, onde acada 624 metros sobre o nivel do mar. Converteuse nun centro de telecomunicacións, ó estar xusto fronte a Vigo e verse desde alí boa parte de Galicia. Xunto ó Monte Faro están o Paralaia e o Xaxán.

Entre as elevacións ábrense pequenos vales que son sucados por correntes moi irregulares e rápidas. Estes vales esconden recunchos e ecosistemas relevantes. A súa vexetación está formada pola fraga cadufifolia atlántica, que foi cedendo paso ás especies destinadas á explotación forestal, entre as que predomina o eucalipto.

O terreo é granítico, e deixa ver frecuentemente a pedra, que chega ata as costas, onde chega a formar pequenas rasas mareais. A península do Morrazo ten unha orografía complicada. Os montes do Morrazo percorren a península en dirección leste-oeste estendéndose desde a Costa da Vela ata Pontevedra. Esta distribución montañosa crea dúas concas diferentes, unha ó norte que revirte na ría de Pontevedra, e a outra ó sur que manda as súas augas á ría de Vigo. Todo o territorio de Moaña sitúase nesta última. Os desniveis son moi altos, desde o nivel do mar ata os 624 metros do monte Faro de Domaio. Isto fai que os ríos sexan curtos e de caudal moi irregular e estacionario.

O terreo é granítico e está cuberto por vexetación autóctona e plantacións forestais. A costa alterna acantilados con praias e zonas de dunas. En Moaña as praias son baixas e amplas na parte central do concello, e estreitas e abertas baixo os acantilados nos extremos.

Hidrografía

[editar | editar a fonte]

Hai un gran número de ríos e regatos que, nacendo nos montes, axiña chegan ó mar. Entre eles destacan os seguintes:

Río da Fraga
  • Río da Fraga ou dos Ladróns: nace en Gorgollóns, no Xaxán, e desemboca na praia da Xunqueira. É o máis longo e caudaloso do concello. Ten varias pozas e un salto de auga. Hai 31 muíños restaurados e integrados nun paseo, a ruta dos muíños, que percorre durante 6 km, parte das súas ribeiras cubertas por unha frondosa fraga atlántica moi ben conservada. Aínda 3 deses muíños están en activo.
  • Río do Inferno, nace preto da Paralaia, no lugar coñecido como Cruz de Foxo Noval. Non é moi caudaloso pero ten bastantes muíños, seguindo activos 3 dos 25 que chegou a haber. Tiveron que construírse con presas para poder ter suficiente auga para moer.
  • Río Miñouba, nace no monte Faro de Domaio e desemboca cerca da igrexa desta parroquia. É famoso polo atractivo paraxe da poza da Moura que atrae moitas visitas, ó igual que a súa catarata. Ten 11 muíños, dos que aínda moe un.
  • Río da Freixa, nace ós pés do barrio de San Lourenzo. É un río curto que ten pouco caudal. No seu percorrido hai 10 muíños, dos que ningún está en activo.
  • Río do Barraco ou do Atraco, nace no lugar de Río da Mó, nutríndose de moitos regatos ata que desemboca en Meira, na Porta do Sol. Pasa por A Carballeira de Bronlle, e no seu percorrido hai cinco muíños, dos que dous están en activo.
  • Regato da Xeira ou da Devesa da Seara: é un pequeno regato que alimentou sete muíños, aínda que xa non traballa ningún. Nace nos arredores de Xalde e desemboca en Seara, no río Do Inferno cerca da desembocadura deste.
  • Regato da Meixoada, nace en Figueirido, entre San Martiño e a Meixoada. O seu caudal é escaso e só ten nas súas ribeiras un único muíño, que xa non traballa. Desemboca en Cangas.

Todo o límite sur do concello é costa. Desde o estreito de Rande ata o límite con Cangas hai unha sucesión de acantilados rochosos e praias. Os acantilados son baixos e ós seus pés ábrese unha pequena rasa mareal e algunha praia, como a de A Borna ou O Niño do Corvo. Nas enseadas fórmanse praias máis amplas, moi areosas e baixas que se cobren coa subida da marea e recrecen cando a auga se retira, deixando ver unha moi ampla extensión de area. Son singulares deste tipo de praias a da Xunqueira e a de Meira. Algunhas das praias contan con servizos para os usuarios, a do Con é bandeira azul e a da Xunqueira está amplamente urbanizada. Outras manteñen unhas condicións dignas cunha dotación mínima para o seu uso. As máis relevantes son:

Praia da Borna
  • Praia da Xunqueira: encóntrase no núcleo urbano de Moaña, aínda que pertence a terreos da parroquia de Meira. Amplamente equipada con aparcadoiros e preto da estrada. Está rodeada por unha alameda e instalacións deportivas. É un gran areal que queda ó descuberto coa marea baixa e se cobre coa marea alta sen que as augas collan profundidade.
  • Praia do Con: situada entre o porto de Moaña e a punta de Cortés. Con boa calidade de area de cor tostada e totalmente equipada. Adoita ser bandeira azul.
  • Praia de Canabal ou dos Alemáns: sitúase en Tirán e é moi tranquila. Cóntase que durante a segunda guerra mundial se refuxiaron alí uns soldados alemáns, procedendo de aí o seu segundo nome.
  • Praia de Domaio: a carón do porto desta parroquia.
  • Praia Río de Meira: na enseada que se forma entre a antiga illa de San Bartolomeu e a costa de Meira.
  • Praia do Niño Do Corvo: pequena praia situada ó pé de acantilado en Tirán. Accédese a pé.
  • Praia da Borna: situada en Meira a carón do barrio do Latón. É unha praia de area torrada e rocha na súa parte leste, que se abre baixo acantilado. O acceso realízase pola estrada que leva ó polígono industrial e ó barrio do Latón. Esténdese desde o pequeno porto pesqueiro, xusto ó lado duns estaleiros, ata Punta da Moura. Na súa parte final é frecuente o nudismo.
  • Praia Videira: de acceso peonil, sitúase en Tirán, cerca xa do límite con Cangas. Con area fina e torrada.

O clima de Moaña é oceánico, moi húmido, con precipitacións entre os 1.300 e os 1.500 mm. As temperaturas son suaves, veráns e invernos mornos, cunha media anual de 15 °C.

As condicións climatolóxicas están influenciadas polos ventos do sueste, protexida dos ventos fríos do norte.

Demografía

[editar | editar a fonte]

Segundo o IGE en 2014 tiña 19.365 habitantes.

Censo total 2014 19.458 habitantes
Menores de 15 anos 2.877 (14.78 %)
Entre 15 e 64 anos 12.793 (65.74%)
Maiores de 65 anos 3.788 (19,46%)

Composición

[editar | editar a fonte]

Moaña está composta por cinco parroquias: Domaio, Meira, San Martiño de Moaña, Moaña e Tirán. En ocasións a parroquia de "Moaña" recibe o nome de "San Martiño", o seu patrón.

Hai diferentes peiraos (Domaio, Meira, Moaña e O Con) e diferentes entidades e asociacións socio-económicas (mancomunidades de montes de Domaio, Meira e Moaña, asociacións de mariscadores ou mexilloneiros etc.), o que establece relacións de identidade que fixan a parroquia como referencia territorial.

Como no resto de Galicia, a poboación distribúese de forma moi dispersa, en casas unifamiliares rodeadas dun pequeno terreo destinado a horta ou xardín. En Moaña o 55% da poboación reside deste xeito, aínda que nos últimos tempos a construción de edificios de pisos foi mudando esta realidade.

A parroquia civil de Moaña divídese nas relixiosas de San Martiño e O Carme.

Moaña nace en 1874 como división administrativa. Ata este intre a súa historia estaba enmarcada na súa comarca, a Comarca do Morrazo. Moaña foi testemuña e protagonista de acontecementos históricos de grande importancia como foi a Batalla de Rande en outubro de 1702 no que os ingleses saquearon Domaio, Meira e Tirán. Cen anos despois, no 1809, os moañeses loitaron contra os franceses na Guerra da Independencia.

A prehistoria en Moaña tamén deixou pegada, atopándose restos de presenza humana dende hai uns 5000 anos [Cómpre referencia], xa que construíron monumentos funerarios como mámoas en pequenas chairas no alto das montañas, nos que soterraban os seus mortos con todo o preciso para unha mellor vida no máis alá. Atopáronse asentamentos deste período na Comarca do Morrazo, entre os que se atopan os de Regueiriño e Fontenla (os dous en Domaio) que supuxeron un fito moi importante no estudo da prehistoria galega; xa que, por primeira vez, localizábanse posibles poboados que permitían aproximarnos ao estilo de vida dos autores das mámoas. Adicábanse a unha agricultura primitiva de roza e queima do monte, á gandaría e á recolección de froitos silvestres. Destaca o uso de útiles de tradición neolítica en conxunto con cerámicas tecnicamente desenvolvidas como a campaniforme e a denominada Penha, de influencia portuguesa.

Petróglifos da Borna.

O xacemento do Regueiriño achouse un posible asentamento correspondente ó neolítico medio[3], e na Fontenla (Domaio) documentouse por primeira vez en Galicia a presenza de elementos da cultura do vaso campaniforme fóra de ambientes funerarios.

Da Idade de Bronce aparecen en Meira, Domaio e Tirán petróglifos (gravados rupestres) relevantes, como os de Montealegre, Borna, As Cidades, Pozo Garrido, A Escada, ou Os Remedios. Tamén acháronse ferramentas e armas de cobre e bronce.

Os castros, son outras das cousas que non faltan en Moaña, nos que destaca o de Montealegre en Domaio, pero tamén existen outros como o Castro das Cidades en Meira, o Castro en San Martiño e Os Remedios en Tirán. En todos eles aprécianse fortes indicios de romanización. Coas últimas obras do Corredor do Morrazo atopáronse outros achados que están pendentes de catalogar.

Lavadoiro e fonte de Berducedo.

O Imperio Romano tamén deixou a súa pegada, como así o demostran diversos achados. Así como tamén deixaron pegada os Suevos manifestándose co crecemento de vilas, nas que unha vez convertidas ao catolicismo, van consolidando unha estrutura relixiosa que se plasma en parroquias, sés episcopais e dioceses.

A Idade Media vén marcada por unha crise comercial e o perigo creado a partir do século X polas incursións normandas, que produciron un despoboamento da costa. Este descenso demográfico produciuse ata o século XII, cando o sistema defensivo organizado polo arcebispo Xelmírez garante a tranquilidade necesaria para a recuperación económica e estabilidade política, no que queda manifesto na igrexa de San Martiño e a igrexa de San Xoán de Tirán. Familias como os Meira, os Valadares ou os Soutomaior, a partir do século XIV controlan o concello. Destaca o episodio da destrución da torre de Meira dentro de Gran Guerra Irmandiña (1467-69).

A principios do século XVII prodúcese un crecemento económico, que trae consigo un aumento de poboación e económico polo cal aparecen os primeiros pazos como o Pazo do Rosal en 1640. Tamén se constrúe a igrexa de Santa Eulalia de Meira e se produce a remodelación e ampliación cun estilo barroco da igrexa de San Martiño. No século XVII a introdución do millo muda a economía de tal xeito que o 90% da superficie cultivada era para este vexetal, o que fixo xurdir un sen fin de muíños polos ríos e regatos da comarca. En todo ese tempo a pesca foi unha actividade fundamental na economía do concello, pero no século XVII a chegada dos conserveiros cataláns buscando sardiña xerou un crecemento demográfico e económico moi destacable. Estes inverten moitas das ganancias en edificacións, tanto civís (pazos) como relixiosas (igrexas).

En 1702 tivo lugar a batalla de Rande, e as forzas inglesas e neerlandesas tomaron e saquearon Domaio, Meira e Tirán. Cen anos despois (1809) libráronse batallas nestas terras contra o invasor francés, dentro da guerra da independencia.

A configuración territorial administrativa actual do Concello de Moaña arrinca en 1813, pero este proceso queda abolido coa chegada do absolutismo de Fernando VII. O 30 de novembro de 1836 Moaña queda definitivamente establecido o novo Concello, que terá a súa sede en Meira, e que integraba catro parroquias: Santa Baia de Meira, San Pedro de Domaio, San Martiño de Moaña e San Xoán de Tirán. En 1874 cambiouse o nome do concello polo de Moaña, trasladándose a capitalidade do mesmo. Posteriormente creouse a parroquia da Virxe do Carme en 1955.

Vista xeral de Meira e Domaio.

Durante o século XX, Moaña vaise asentando cada vez máis xunto ao mar, que vai ser a súa principal fonte de ingresos. Pouco a pouco vai sufrindo unha transformación coa construción dun peirao, mellora das comunicacións etc. Tamén se ve marcada por varios acontecementos, entre eles: o sindicalismo da Segunda República española, época de maior dinamismo social, a posguerra, a emigración a América e a Europa, crise do petróleo do 73 que supuxo unha forte reconversión da economía da comarca.

Moaña vaise asentando cada vez máis xunto ao mar, coa creación do porto e a estrada comarcal, o que abriu definitivamente a súa economía ó mar. Na primeira metade do século XX hai un forte desenvolvemento do asociacionismo civil. Co nacemento das primeiras sociedades agrarias e organizacións sindicais, como a dos canteiros ou a dos mariñeiros, coa súa Alianza Mariñeira. Xa coa Segunda República produciuse un incremento da organización obreira, o que comportou a creación de novos sindicatos de pescadores como Solidariedade Mariñeira, relacionada coa CNT. Florece en Meira a industria de fiandeiras que realiza diferentes labores de cordelería que ocuparía tódolos anos centrais do século XX, centrando a súa maior puxanza nas décadas dos anos 30 e 40, onde chegou a haber máis de 700 traballadores. A crise chegou nos anos 60, coa entrada dos produtos sintéticos. Esta industria, que ocupaba moita man de obra feminina, deu lugar a un movemento sindical que tiña á asociación Sociedad de Hiladoras y Oficios Varios, La Defensora como máxima expresión. Tras varias mobilizacións, que acabaron cunha folga, conseguiron a xornada de oito horas. Os seus líderes, Enelina Esterón González e Juan Ugenio Gallo San José, foron represaliados despois da guerra civil, guerra que provocou unha forte emigración a América e a Europa.

Na segunda metade do século XX produciuse un desenvolvemento da economía cun crecemento da actividade pesqueira, a construción naval e a industria de transformación de produtos do mar, á vez que se comeza o cultivo do mexillón e do berberecho, todo iso pese á crise do petróleo do 73 que supuxo unha forte reconversión da economía da comarca. Aproveitando o tirón turístico de Cangas, Moaña comeza a explotar os seus recursos neste campo, creando complexos turísticos como o da Fraga ou o campo de golf de Domaio, á vez que logra acondicionar praias con Bandeira Azul.

O século XXI trae a Moaña unha mellora substancial das comunicacións, tan importante como foi a autoestrada e a ponte de Rande na década de 1970 (libre de peaxe para o tráfico Moaña-Vigo desde o 1 de xuño de 2006), coa vía rápida do Morrazo e o desenvolvemento de peiraos deportivos, en Domaio e Moaña centro.

Economía

[editar | editar a fonte]
Pequeno estaleiro de ribeira en Domaio.

A economía de Moaña sempre estivo ligada ó mar. Esta relación abarcou, e abarca, a tódolos sectores económicos. As actividades propias do sector primario complétanse co industrial e servizos, que teñen a súa base nas actividades marítimas, ben na propia poboación ou nas veciñas, destacando a cidade de Vigo, a máis importante de Galicia, e o próximo complexo urbano que forman Marín e Pontevedra.

Sectores produtivos

[editar | editar a fonte]

O sector primario ocupa a un 24,4% da poboación activa (datos de 2006). A actividade principal do sector primario é a pesca e o marisqueo. A agricultura e a gandería son residuais e dedicadas ó autoconsumo, sendo os excedentes das producións comercializados nos mercados da comarca, pero sen maior relevancia que contribuír á economía familiar como fonte secundaria. Das 3.327 hectáreas cultivables do concello, están cultivadas 3.067, nas que se producen, principalmente, patacas, hortalizas e forraxe para o gando.

A explotación forestal tamén ten algunha relevancia. Hai tres comunidades de montes no concello, coincidindo coas tres parroquias máis extensas en masa forestal:

  • Comunidade de Montes de Moaña.
  • Comunidade de Montes de Meira.
  • Comunidade de Montes de Domaio.

As especies explotadas son o eucalipto e o piñeiro pinaster, ambas froito da reforestación comercial. As autóctonas, que case non son explotadas, son o carballo e o castiñeiro.

A pesca e o marisqueo son as actividades máis importantes dentro deste sector económico, ocupando un 23% do total da poboación activa. Danse tódolos tipos de pesca: altura, baixura, marisqueo a pé, marisqueo a flote e cultivo en batea ou en viveiro flotante.

A pesca de altura non ten a súa sede nos portos do concello, senón que radica en Vigo, aínda que neles traballan moitos moañeses e mesmo pertenzan ós mesmos.

A pesca de baixura realízase con pequenas embarcacións dentro da ría, habendo capturas de nécora, polbo ou camarón dentro do marisco, e de pescada, faneca, congro ou barbada dentro do peixe, utilizándose masas e trasmallos. Comercialízase nas lonxas de Vigo e Moaña.

O marisqueo a pé, nas praias de Meira e Moaña, é unha actividade realizada maioritariamente por mulleres. Recóllese berberecho, ameixa fina, ameixa lesma, navalla, bígaro e reló. Antigamente era un sector moi pouco profesionalizado; pero actualmente está regularizado como actividade profesional xestionada pola Asociación de Mariscadoras de Moaña. O marisqueo a flote céntrase nas especies de ameixa lesma, ameixa loira e o burro.

O cultivo en viveiros flotantes céntrase na cría de mexillón en batea. Hai tres asociacións de bateeiros, que agrupan a unhas 100 empresas. Téñense feito ensaios de engorde de polbo en bateas. En Domaio creouse en 2004 a empresa Loitamar, Sociedad Cooperativa Galega, que está dedicada á produción de rodaballo de alta calidade mediante a utilización de nutrientes contidos nas propias augas da ría na que se sitúan os viveiros.

O sector secundario é o que máis man de obra ocupa, preto do 39% da poboación activa. Nel o subsector industrial dá ocupación a un 26%, e o restante 12% adícase á construción. As empresas máis importantes están relacionadas co mar: por un lado as dedicadas á construción e reparación naval, desde pequenos estaleiros de ribeira ata importantes empresas de construción naval como Rodman Polyships. Por outro lado están as dedicadas á manipulación do pescado e marisco, depuradoras e conserveiras, das que existen catro no concello.

Unha boa parte da poboación activa presta os seus servizos en empresas navais e de construción de automóbiles de Vigo. Hai algunhas empresas de alimentación, confección téxtil e madeireira.

Cómpre recordar a histórica empresa de manufactura de cordas e cabos destinados ao mar que existiu en Meira na década de 1960.

No referente á construción hai pequenas empresas dedicadas á realización de obras na comarca.

Vista parcial do porto de Meira

O sector terciario ocupa un 37% da poboación activa. Está conformado por dous subsectores principais, o comercio e a hostalería. A proximidade de Vigo, Pontevedra e Cangas fai que os servizos máis especializados se cubran desde esas cidades, deixando a Moaña os máis básicos, como en sanidade, educación e mesmo no comercio.

A hostalería ten como apoio principal ó turismo, que vai aumentando gradualmente ó potenciarse o concello e creado certa infraestrutura, como un campo de golf e 3 portos deportivos (en Domaio, Meira e Moaña), á vez que se impulsou o turismo rural completado cunha interesante rede de paseos e camiños que dan a coñecer o contorno, tanto mariñeiro, como do interior.

Infraestruturas

[editar | editar a fonte]

Infraestruturas de transporte

[editar | editar a fonte]
Plano da vila de Moaña.

As comunicacións por estrada están baseadas en tres vías:

  • A Vía Rápida do Morrazo (VR-4.1), que desde a saída de Domaio da AP-9 percorre toda a península pola súa parte central con varias ligazóns a diferentes estradas locais;
  • A estrada provincial PO-551, que une Moaña con Cangas
  • A PO-313, que une a vila con Marín e, desde alí, por autovía, coa próxima Pontevedra, capital da provincia. Mediante a ponte de Rande, que salva os 1.500 m do estreito homónimo, comunica Moaña con Vigo, todo o sur de Galicia, a meseta e Portugal. Hai un servizo de autobuses interurbanos que unen Moaña coas poboacións veciñas.

Por vía marítima Moaña está ligada a Vigo por unha liña de barcos de pasaxeiros que saen do peirao do concello á estación marítima de Vigo.

Moaña está a 26 km de Pontevedra, 16 km de Vigo e 82 km de Santiago de Compostela.

Monumentos

[editar | editar a fonte]
Mámoa de Chan da Arquiña.

Entre os diversos monumentos de Moaña destacan:

  • Mámoa de Chan da Arquiña: preto do cumio do Monte do Faro de Domaio hai un espazo de lecer no que se encontra este importante monumento megalítico de máis de 5.000 anos de antigüidade. Consta dunha cámara poligonal de 11 pedras verticais e dun corredor, composto doutras 5 pedras verticais. Ten orientación leste. Nas escavacións encontráronse os restos dun cortexo fúnebre completo, composto de diferentes útiles e ferramentas de pedra e fragmentos de cerámica.
  • Petróglifos de Moaña (en Montealegre, a Borna, As Cidades, Pozo Garrido, A Escada e Os Remedios): gravados prehistóricos na rocha.
  • Igrexa parroquial de San Martiño: do século XII, un bo exemplo do románico galego. Ten unha planta en cruz latina rematada por unha torre cadrada situada á esquerda da entrada do templo. No século XVIII sufriu unhas reformas que a ampliaron e lle deron o toque barroco que hoxe ten. Cómpre destacar o pórtico co seu tímpano e os canzorros que rodean o templo.
  • Igrexa parroquial de San Xoán de Tirán: pequena igrexa románica tardía de transición ó gótico, do século XIII. Ten o camposanto pegado á mesma, e no seu adro está enterrado José María Castroviejo.
  • Igrexa parroquial Santa Eulalia de Meira: barroca.
  • Pazo O Rosal: interesante exemplar de arquitectura civil que data da segunda metade do século XVIII, con engadidos na primeira parte do século XIX. O pazo está constituído polo edificio principal, de planta rectangular, con planta baixa e un piso. Ten un pombal circular, un hórreo de sete vans e unha capela cos restos mortais do contralmirante Casto Méndez Núñez.

Hai ademais unha serie de itinerarios naturais que permiten visitar interesantes conxuntos paisaxístico-naturais, como o que se forma no río dos Ladróns ou da Fraga, onde hai un conxunto importante de muíños hidráulicos, algún deles aínda exercendo na actualidade.

Política e goberno

[editar | editar a fonte]
Casa do concello de Moaña

Nas eleccións municipais de 2011, foi escollido como alcalde do concello de Moaña José Fervenza Costas, do Partido Popular.

Nas municipais de 2015 Leticia Santos Paz encabezou a candidatura do BNG á alcaldía de Moaña, obtendo 6 concelleiros, e foi elixida alcaldesa co apoio dos 3 concelleiros do PSdeG-PSOE.

Lista de alcaldes de Moaña dende 1902:

  1. José Piñeiro Calvar (1902-1909)
  2. Emilio Barros Valea (1909-1913)
  3. José Parada Costas (1913-1914)
  4. Manuel Pereira Molanes (1914-1919)
  5. Vicente García Riobó (1920-1922)
  6. Adolfo Cordeiro (1922-1923)
  7. José González Rosales (1923)
  8. Ernesto Carballo García (1923-1924)
  9. José Simil Silva (1924-1926)
  10. Manuel Pereira Molanes (1926-1929)
  11. José Carvajal Quiroga (1929-1930)
  12. Ernesto Carballo García (1930-1931)
  13. José Romero Piñeiro (1931-1936)
  14. José Fandiño Pidre (1936) *Fusilado polos golpistas en decembro de 1936
  15. José Carvajal Quiroga (1936)
  16. Jesús Seoane López (1936-1940)
  17. José Pérez Rodríguez (1940-1944)
  18. José Rivas Carrera (1944-1948)
  19. Manuel Entenza Trigo (1948-1951)
  20. Manuel Piñeiro Otero (1951-1954)
  21. José Maya Estévez (1954)
  22. Benito Ferradás Piedras (1954-1962)
  23. Ovidio Trigo Costa (1962-1966)
  24. Sebastián Juncal Currás (1966-1977)
  25. José Cruz Miranda (1977-1978)
  26. Mario Labraña Velázquez (1978)
  27. Manuel Blanco Varela (1978-1979)
  28. José Cruz Miranda (1979)
  29. Xabier Abalo Costa (1979-1987) [BNG]
  30. Cándido Pena Viéitez (1987-1995) [PSOE]
  31. Xabier Abalo Costa (1995-1999) [BNG] *=27
  32. Xavier Barreiro Tenorio (1999-2003) [PP]
  33. Xosé Manuel Millán Otero (2003-2011) [BNG]
  34. José Fervenza Costas (2011-2015) [PP]
  35. Leticia Santos Paz (2015-2027) [BNG]

Nas festas hai que distinguir entre as oficiais do municipio e as das parroquias. Tamén hai diferentes actos festivos relevantes.

Oficiais locais.

As festas oficiais do concello celébranse o 16 de xullo en honra á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros.

Moaña naceu ó redor da parroquia de San Martiño por iso o santo patrón é San Martiño e na súa honra celébrase festa o 11 de novembro.

Festas das parroquias.
  • Domaio:
San Pedro, día 29 de xuño.
Romería a Chan de Arquiña, o primeiro domingo de xullo.
San Bieito, día 11 de xullo.
Festa do cazador, día 1 de agosto.
San Lorenzo, día 10 de agosto.
  • Meira:
Santa Euralia, o 10 de decembro.
Romería de Bronlle, 15 de agosto.
Virxe da Peregrina, o segundo domingo de agosto no Latón.
San Bartolomeu, día 24 de agosto.
  • Tirán:
San Xoán, día 24 de xuño.
Virxe dos Remedios, o luns e martes de Pascua.

Procesión do Día do Carme

Hai diferentes celebracións gastronómicas e culturais coma O Naseiro en Meira por San Bartolomeu, ou Día do Mexillón en agosto, mais a máis arraigada de todas é o entroido, coa característica de que se realizan unha semana despois da data oficial.

[editar | editar a fonte]
  • Para peixe fresco Vigo,/ para chocos, Redondela, / para camaróns Moaña,/ para marisco Cedeira.

O deporte por excelencia de Moaña so as regatas de traíñas, conta con 2 equipos na categoría máis alta: S.D. Samertolameu e S.D. Tirán. No fútbol destaca o CD Moaña (onde comezaron a xogar Iago Aspas e Jonathan Aspas) e na base o Moañesa C.F. No atletismo destaca o Club Atletismo Samertolomeu.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Galería de imaxes de Moaña.

Parroquias

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Moaña

Domaio (San Pedro) | Meira (Santa Eulalia) | Moaña (San Martiño) | Moaña (Virxe do Carme) | Tirán (San Xoán)

Lugares de Moaña

[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Moaña vexa: Lugares de Moaña.

  1. "VOLVER DO MAR II Fraternidad Marinera de Moaña". Non des a esquecemento. Consultado o 22/04/2017. 
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2014. Consultado o 21 de abril de 2017. 
  3. Prieto Martínez, María Pilar (2010). "La cerámica de O Regueiriño (Moaña, Pontevedra): nueva luz sobre el Neolítico en Galicia". Gallaecia (29): 63–82. ISSN 0211-8653. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]