Sílicua
A sílicua[1] é un froito simple, seco e dehiscente (con valvas que abren trala súa maduración), caracterizado por ter unha cápsula formada por dous carpelos soldados que, unha vez madura, ábrese, deixando as sementes ó descuberto. As sementes aparecen enganchadas a unha especie de tabique central ou replo que permanece trala caída das valvas. Os froitos de moitas das brasicáceas como a mostaza, o ravo, a col silvestre ou a colza son exemplos de sílicuas; aínda que tamén hai outras familias achegadas ás brasicáceas que tamén teñen este tipo de froito, como as papaveráceas ou as fumariáceas.
As sílicuas teñen xeralmente forma alongada. As que son curtas, máis ou menos do mesmo ancho que largo (ou como moito, o dobre de longas que anchas), denomínanse silículas (este é o tipo de semente da Lunaria ou o da Lobularia maritima).
Formación
[editar | editar a fonte]Este tipo de froito deriva dun ovario unilocular (cunha única cavidade na que se aloxan os primordios seminais), formado pola unión de dous carpelos. As sementes ou grans están adheridas sobre dúas placentas parietais. Durante o proceso de maduración do froito fórmase un falso tabique (o septum) que une as dúas placentas e sepáraas en dúas cavidades ou celiñas'. No momento da dehiscencia, as paredes externas da sílicua ábrense, partindo dende abaixo cara a arriba, e formando dúas valvas que deixan ó descuberto o septum e as sementes que están soldadas a el.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para sílicua.