Presidente de Finlandia
Presidente de Finlandia Suomen tasavallan presidentti Republiken Finlands president | |
---|---|
Estandarte presidencial | |
Residencia | Mäntyniemi, Helsinqui |
Sede | Palacio Presidencial, Helsinqui |
Ámbito | Finlandia |
Designado por | Sufraxio directo |
Duración | 6 anos, renovable unha vez |
Creación | 26 de xullo de 1919 |
Primeiro titular | Kaarlo Juho Ståhlberg |
Salario | 126 000 € anuais[1] |
Sitio web | presidentti.fi |
O Presidente da República de Finlandia (en finés: Suomen tasavallan presidentti, en sueco: Republiken Finlands president) é o Xefe de Estado de Finlandia. O posto foi creado en 1919. Ten unha duración de 6 anos e desde o ano 1994 ningún presidente pode ser electo para máis de dous mandatos consecutivos. Só poden ser presidentes cidadáns nados en Finlandia.
De 1919 a 1987 o presidente era elixido por un colexio electoral. As eleccións de 1988, porén, fixéronse con dous sistemas paralelos: se ningún candidato alcanzaba a maioría no voto directo o presidente sería elixido novamente mediante o sistema de colexio electoral. Tal complicación desapareceu nas eleccións seguintes, pois desde 1994 a elección do presidente realízase de modo directo e se ningún candidato alcanza a maioría, os dous candidatos máis populares van a unha segunda volta.
O actual presidente é Alexander Stubb, elixido en 2024.
Historia
[editar | editar a fonte]Despois da independencia e da Guerra civil finlandesa debateuse moito a cuestión de se Finlandia debía ser unha república ou unha monarquía constitucional e o resultado foi un compromiso: unha presidencia bastante forte ao estilo dunha monarquía, con grande competencias sobre os asuntos exteriores de Finlandia, o nomeamento do goberno e os cargos públicos. A Constitución cambiouse en 2000, para redistribuír parte deste poder ao Parlamento e ao goberno. A Constitución especifica que se deben seguir os principios do parlamentarismo. Dende as reformas o presidente xa non pode nomear ao primeiro ministro ou a ministros individuais de xeito independente. Por exemplo, este poder foi usado anteriormente para formar gobernos onde o partido con máis votos quedou excluído. En canto ao dereito a disolver o Parlamento, a consulta co primeiro ministro e os líderes dos grupos parlamentarios fíxose obrigatoria antes de que o Parlamento puidese disolverse e ordenar novas eleccións. Ademais, algúns poderes de nomeamento, como o nomeamento de gobernadores provinciais e xefes de departamento nos ministerios, foron transferidos ao goberno.
Xefes de Estado prerrepublicanos
[editar | editar a fonte]Dende a declaración da independencia de Finlandia o 6 de decembro de 1917 ata o final da guerra civil finlandesa en maio de 1918, Pehr Evind Svinhufvud foi o xefe de Estado da Finlandia Branca na súa condición de presidente do Senado. Entre maio de 1918 e xullo de 1919, Finlandia tivo dous rexentes (en finés: valtionhoitaja, en sueco: stathållare) e, por un tempo, un rei electo, aínda que este renunciou ao trono:
- Pehr Evind Svinhufvud, rexente (18 de maio de 1918 - 12 de decembro de 1918).
- O príncipe Frederico Carlos de Hesse-Kassel foi elixido rei de Finlandia o 7 de outubro de 1918, pero nunca asumiu o cargo e renunciou ao trono o 4 de decembro despois da derrota de Alemaña na primeira guerra mundial. Non tivo tempo suficiente para chegar a Finlandia antes de que o clima político cambiase despois da fin da guerra.
- Carl Gustaf Emil Mannerheim, rexente (12 de decembro de 1918 - 26 de xullo de 1919).
Título
[editar | editar a fonte]Oficialmente, o xefe de Estado de Finlandia chámase "presidente da República de Finlandia" (en finés: Suomen tasavallan presidentti, en sueco: Republiken Finlands president) abreviado máis a miúdo como "presidente da República" (tasavallan presidentti, republikens president). Os expresidentes conservan o título de "presidente".
Elección
[editar | editar a fonte]Os candidatos a presidente poden ser nomeados por partidos rexistrados que obtiveran polo menos un escano nas eleccións parlamentarias anteriores. Un candidato tamén pode ser nomeado por 20.000 cidadáns con dereito a voto. Entre 1919 e 1988, o presidente foi elixido indirectamente por un colexio electoral composto por electores elixidos polos votantes nas eleccións presidenciais. Nas eleccións presidenciais de 1988, celebráronse eleccións directas e indirectas en paralelo: se ningún candidato obtiña unha maioría absoluta, o presidente era elixido por un colexio electoral formado nas mesmas eleccións. Desde 1994, o presidente é elixido por votación popular directa.
Se só fora nomeado un candidato, ese candidato será nomeado presidente sen eleccións. En caso contrario, a primeira quenda de votacións debe ter lugar o terceiro domingo de xaneiro do ano electoral. As eleccións celébranse a dúas voltas. Se un dos candidatos recibe máis da metade dos votos emitidos, ese candidato é elixido presidente. Se ningún candidato gaña a maioría absoluta na primeira volta, as dúas primeiras candidaturas volven someterse ás urnas na segunda volta tres semanas despois. O candidato con máis votos na segunda volta é proclamado presidente. En caso de empate, a elección resólvese por sorteo. O goberno confirma o resultado das eleccións e, se é necesario, realiza o sorteo. O presidente asume o cargo o primeiro día do mes seguinte ás eleccións (xa sexa o 1 de febreiro ou o 1 de marzo, dependendo de se houbese unha ou dúas voltas).
Houbo varias eleccións presidenciais excepcionais. O primeiro presidente, Kaarlo Juho Ståhlberg, foi elixido polo parlamento finlandés debido á norma de transición da constitución e tamén pola lei marcial. En 1940 e 1943, o colexio electoral de 1937 elixiu o presidente, xa que se considerou que non se podían organizar unhas eleccións populares debido á lei marcial (1940) e á Guerra de Continuación (1943). En 1944, unha lexislación especial estipulaba directamente que o mariscal Mannerheim fose elixido presidente durante seis anos despois de que Risto Ryti renunciase a metade de mandato. En 1946, a lexislación especial fixo que o Parlamento elixise un sucesor para o resto do mandato de Mannerheim (ata 1950), tras a súa renuncia. O Parlamento elixiu entón ao primeiro ministro Juho Kusti Paasikivi como presidente. En 1973, unha lexislación especial ampliou o mandato do presidente Urho Kekkonen por catro anos ata 1978, cando foi reelixido regularmente.
Toma de posesión
[editar | editar a fonte]O presidente electo, acompañado do presidente do parlamento e do presidente saínte, asume o cargo o primeiro día do mes seguinte ás eleccións facendo unha declaración solemne tanto en finés como en sueco nunha cerimonia na Casa do Parlamento. A declaración concrétase na sección 56 da Constitución:
- En finés: "Minä N.N., jonka Suomen kansa on valinnut Suomen tasavallan presidentiksi, vakuutan, että minä presidentintoimessani vilpittömästi ja uskollisesti noudatan tasavallan valtiosääntöä ja lakeja sekä kaikin voimin edistän Suomen kansan menestystä".
- En sueco: "Jag N.N., som av Finlands folk har valts till president för republiken Finland, försäkrar att jag i utövningen av presidentämbetet redligt och troget skall följa republikens konstitution och lagar samt efter all min förmåga främja det finska folkets välfärd".
- En galego: "Eu, NN, a quen o pobo de Finlandia elixiu presidente da República de Finlandia, afirmo que na execución do meu cargo como presidente observarei sincera e fielmente a Constitución e as leis da República e facer o posible para promover o benestar do pobo finlandés".
O mandato do presidente electo comeza no momento en que se fixo a afirmación solemne (sobre as 12:20 do día da toma de posesión). Despois da inauguración, o novo presidente, acompañado do seu antecesor, inspecciona a garda de honra fóra da Casa do Parlamento.
Sesións presidenciais de goberno
[editar | editar a fonte]O presidente exerce os seus poderes gobernamentais "en consello" co goberno finlandés, ao modo da curia regis real. A sesión presidencial (presidentin esittely) celébrase normalmente unha vez por semana. Establécese un quórum de cinco ministros e o Chanceler de Xustiza tamén está presente. Na sesión, os respectivos ministros presentan o tema e unha proposta de decisión. Con base á proposta, o presidente toma a súa decisión. O presidente poderá non aceptar a proposta e devolvela ao goberno para a súa reconsideración. Non hai votación e normalmente non hai discursos á parte das mencionadas propostas. Excepto as aprobacións de novas leis e nomeamentos, o goberno pode presentar o tema ao parlamento, que tomará a decisión final sobre este asunto a proposta do goberno.[2]
Dereitos e poderes
[editar | editar a fonte]As funcións e competencias do presidente están directamente definidas na Constitución. Ademais das especificadas alí, o presidente tamén cumpre as funcións asignadas ao presidente noutras leis. Segundo a Constitución de Finlandia, o poder executivo está atribuído ao presidente e ao goberno, que deben gozar da confianza do parlamento. Este principio reflíctese noutras disposicións da constitución sobre as funcións e competencias do presidente sobre lexislación, decretos e nomeamento de cargos públicos. A tradición dita que o presidente ao asumir o cargo renuncia a calquera afiliación de partido durante o tempo que dure o seu mandato, para que poida permanecer por riba da política.
Orixinalmente o presidente tiña un poder executivo bastante amplo, especialmente no ámbito da política exterior.[3] As modificacións constitucionais promulgadas en 1999 reduciron un pouco os poderes do presidente, e agora este comparte a autoridade executiva co primeiro ministro. Non obstante, os presidentes aínda se consideran un elemento de estabilidade, xa que é case imposible para un partido gañar unha maioría absoluta no Parlamento.[3]
Convocatoria de eleccións anticipadas
[editar | editar a fonte]Por proposta do primeiro ministro, o presidente pode, despois de consultar cos grupos parlamentarios e mentres o parlamento estea en sesión, ordenar a celebración de eleccións parlamentarias anticipadas. O novo Parlamento é elixido para un mandato normal de catro anos. O propio Parlamento pode decidir cando finalizar a súa sesión antes do día das eleccións. De 1919 a 1991 o poder do presidente para ordenar eleccións anticipadas non estaba limitado e podía facelo sempre que o considerase necesario. Os presidentes ordenaron eleccións parlamentarias anticipadas en sete ocasións. O presidente declara aberta cada sesión anual do parlamento e pecha a última sesión anual. Isto faise cun discurso en cada cerimonia de apertura e peche.
Nomear e cesar ministros
[editar | editar a fonte]O primeiro ministro e outros membros do goberno son nomeados e cesados polo presidente da República. Despois das eleccións parlamentarias ou en calquera outra situación onde o goberno renunciou, o presidente, tendo en conta o resultado das consultas entre os grupos parlamentarios e escoitado o punto de vista do presidente do Parlamento, presenta un candidato a primeiro ministro ao parlamento. Se o Parlamento o confirma coa maioría dos votos emitidos, o presidente procederá a nomear ao primeiro ministro e a outros ministros. O presidente está constitucionalmente obrigado a destituír a un goberno ou a calquera ministro no caso de que ese goberno perdese a confianza do Parlamento.
Poderes de nomeamento
[editar | editar a fonte]O presidente nomea os seguintes cargos:
- Gobernador e outros membros do consello do Banco de Finlandia
- Chanceler e Vicechanceler de Xustiza
- Fiscal e vicefiscal xeral
- Embaixadores e xefes de misións diplomáticas no estranxeiro
- Executivo da Kela (Institución de Seguridade Social)
- Secretario xeral e moderadores da oficina do presidente da República
A maioría do proceso de nomeamento realízase no respectivo ministerio: A Oficina do Presidente non tramita os preparativos nin as presentacións do nomeamento. Con todo, algúns presidentes teñen usado estes poderes publicamente, incluso contra a recomendación interna da Oficina.
Ademais, o presidente nomea ou dá comisión a:
- Oficiais das Forzas Armadas Finlandesas e da Garda Fronteiriza Finlandesa
- Xuíces permanentes, entre eles os presidentes e membros doTribunal Supremo e do Tribunal Administrativo Supremo, presidentes e membros dos tribunais de apelación e dos tribunais administrativos de apelación
Relacións internacionais
[editar | editar a fonte]O presidente dirixe a política exterior de Finlandia en cooperación co Consello de Estado. As disposicións dos tratados e outras obrigas internacionais que afectan a lexislación nacional son aplicadas por medio do parlamento. En caso contrario, as obrigas internacionais son aplicadas por un decreto presidencial. O presidente toma decisións sobre a guerra e a paz coa asentimento do parlamento.
Lexislación
[editar | editar a fonte]O presidente debe asinar e aprobar todos os proxectos de lei adoptados polo Parlamento antes de que se convertan en lei. O presidente debe decidir sobre a ratificación no prazo de tres meses desde a recepción do proxecto de lei e pode solicitar unha opinión do Tribunal Suprema ou do Tribunal de Administración Supremo antes de dar o seu consentimento. Se o presidente rexeita a proposta ou non decide o asunto a tempo, o Parlamento debe reconsiderar a proposición de lei e pode reeditalo coa maioría dos votos emitidos. A proposta entrará entón en vigor sen ratificar. Se o Parlamento non consegue emendar a proposición de lei, enténdese que caducou. Os vetos presidenciais xeralmente teñen éxito ao evitar que os proxectos de lei se convertan en lei.
Indultos
[editar | editar a fonte]En casos individuais, o presidente ten o poder de conceder o indulto de calquera pena de prisión, multa ou falta. Unha amnistía xeral require da aprobación do parlamento.
O poder do indulto converteuse no instrumento para limitar a cadea perpetua a 12 anos ou máis, xa que os sucesivos presidentes acabaron indultando a todos os condenados a perpetua. No outono de 2006, o poder de indultar a condenados con cadea perpetua foi trasladada á Corte de Apelacións de Helsinqui, rematando así o peculiar acordo onde o presidente exercía o poder xudicial. Con todo, mantense o poder presidencial de outorgar indultos. O seu uso diminuíu co actual presidente, Sauli Niinistö, que exerceu o poder en escasas ocasións.[4]
Comandante en xefe das Forzas Armadas
[editar | editar a fonte]O presidente da República é o comandante en xefe das Forzas Armadas de Finlandia, pero pode delegar esta posición noutro cidadán finlandés. A delegación do cargo de comandante en xefe é unha excepción ao principio de que o presidente non pode delegar funcións noutros. A última vez que se produciu foi na segunda guerra mundial (ao mariscal de campo Carl Gustaf Emil Mannerheim). O presidente encarga aos oficiais e decide sobre a mobilización das Forzas Armadas. Se o Parlamento non está en sesión cando se toma a decisión de mobilización, deberá convocarse inmediatamente. Como comandante en xefe, o presidente ten o poder de emitir ordes militares sobre directrices xerais para a defensa militar, cambios significativos na preparación militar e os principios segundo os que se aplique a defensa militar.
O presidente toma as decisións sobre as ordes militares xunto co primeiro ministro e o ministro de Defensa. Tamén decide os nomeamentos militares xunto co ministro de Defensa.
Poderes de emerxencia
[editar | editar a fonte]Segundo a Lei de Preparación, en circunstancias excepcionais, o presidente pode emitir un decreto que autorice ao goberno a exercer poderes de emerxencia de ata un ano. O decreto debe ser presentado ao Parlamento para a súa aprobación. Se os poderes dispoñibles baixo a Lei de Preparación resultan inadecuados en caso de emerxencia, poderanse asumir poderes adicionais segundo a Lei de Estado de Defensa. O presidente poderá declarar un estado de defensa mediante decreto durante un máximo de tres meses inicialmente. Se é necesario, pódese ampliar por un ano como máximo. Tamén se pode declarar estado de defensa nunha rexión do país. O decreto debe ser sometido ao parlamento para a súa aprobación.
Condecoracións
[editar | editar a fonte]O presidente, como Gran Mestre, concede condecoracións e medallas pertencentes á Orde da Rosa Branca de Finlandia, á Orde do León de Finlandia e á Orde da Cruz da Liberdade a cidadáns finlandeses e estranxeiros. Así mesmo, outorga títulos honoríficos.
Discursos
[editar | editar a fonte]O presidente pronuncia varios importantes discursos e declaracións públicas cada ano. O máis salientable é o discurso anual de aninovo o 1 de xaneiro e o discurso deapertura de cada sesión anual do parlamento.
Salario
[editar | editar a fonte]O presidente recibe un salario anual de 126.000 euros. O salario e outras prestacións están exentos de todos os impostos. Anteriormente a 2013 o salario era de 160.000 euros pero reduciuse por iniciativa de Sauli Niinistö.[5]
Residencias oficiais
[editar | editar a fonte]O presidente utiliza tres propiedades con fins residenciais e hospitalarios: o Palacio Presidencial e Mäntyniemi, ambos en Helsinqui e Kultaranta en Naantali, na costa oeste, preto de Turku.
Incapacidade e sucesión
[editar | editar a fonte]O presidente de Finlandia non ten vicepresidente. Se o presidente non puidera desempeñar as súas funcións de forma temporal, o primeiro ministro ou o viceprimeiro ministro pasa a ser presidente en funcións ata que cese a incapacidade do presidente. Se o presidente morre no cargo ou se o goberno declara que o presidente é permanentemente incapaz de desempeñar as funcións do cargo, debe elixirse un novo presidente canto antes. Se o presidente, o primeiro ministro e o viceprimeiro ministro non están dispoñibles temporalmente, o ministro máis lonxevo do goberno, en anos de servizo, convértese no presidente en funcións. O parlamento pode anular estas normas mediante unha emenda constitucional de emerxencia aprobada por unha maioría de polo menos 5/6, e fíxoo en varias ocasións.
Destitución
[editar | editar a fonte]Se o Chanceler de Xustiza, o defensor do Parlamento ou o goberno consideran que o presidente é culpable de traizón, alta traizón ou dun crime contra a humanidade, o asunto será comunicado ao parlamento. Se as tres cuartas partes dos votos emitidos no Parlamento deciden que se deben presentar cargos, o fiscal xeral debe procesar ao presidente no Tribunal Superior de Xustiza e o presidente absterse do cargo durante a duración do procedemento.
Lista de Presidentes de Finlandia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Lista de presidentes de Finlandia.
- Kaarlo Juho Ståhlberg (1919-1925).
- Lauri Kristian Relander (1925-1931).
- Pehr Evind Svinhufvud (1931-1937).
- Kyösti Kallio (1937-1940).
- Risto Ryti (1940-1944).
- Carl Gustaf Emil Mannerheim (1944-1946).
- Juho Kusti Paasikivi (1946-1956).
- Urho Kekkonen (1956-1982).
- Mauno Koivisto (1982-1994).
- Martti Ahtisaari (1994-2000).
- Tarja Halonen (2000-2012).
- Sauli Niinistö (2012-2024).
- Alexander Stubb (2024-).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Palkkio ja eläke" (en finés). Consultado o 15 de maio de 2020.
- ↑ "presidentin esittely" (en finés). Consultado o 15 de maio de 2020.
- ↑ 3,0 3,1 "Finlandia". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 15 de maio de 2020.
- ↑ "Presidentti Niinistöltä ei tippunut rikollisille armoa: 17 anomusta, pyöreät 0 armahdusta - Myös jalkajousimurhaaja anoi armoa" (en finés). 27 de agosto de 2018. Consultado o 27 de maio de 2020.
- ↑ "Palkkio ja eläke" (en finés). Consultado o 27 de maio de 2020.