Saltar ao contido

Eduard Streltsov

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Streltsov
Información persoal
Nome Eduard Anatolevich Streltsov
Nacemento 21 de xullo de 1937
Lugar de nacemento Perovo
Falecemento 22 de xullo de 1990
Lugar de falecemento Moscova
Altura 182 centímetros
Posición Dianteiro
Carreira xuvenil
1950–1953 Fraser
1953–1954 Torpedo Moscova
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1954–1958 Torpedo Moscova 89 (48)
1965–1970 Torpedo Moscova 133 (51)
Total 222 (99)
Selección nacional
1955–1968 Unión Soviética 38 (25)
Na rede
FIFA: 58488 UEFA: 37961 Find a Grave: 74906051 Editar o valor en Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Eduard Anatolevich Streltsov (en ruso: Эдуард Анатольевич Стрельцов), nado en Moscova o 21 de xullo de 1937 e finado na mesma cidade o 22 de xullo de 1990, foi un futbolista soviético, que xogaba de dianteiro. Desenvolveu toda a súa carreira no Torpedo Moscova e foi 38 veces internacional coa selección soviética. Considerado un dos mellores xogadores soviéticos de todos os tempos, é o segundo máximo goleador da historia do Torpedo e o cuarto da selección da URSS.[1][2]

Nacido e criado no leste de Moscova, Streltsov uniuse a Torpedo aos 16 anos e fixo o seu debut internacional dous anos despois. Formou parte da selección soviética que gañou a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de 1956 en Melbourne, e quedou sétimo nas votacións ao Balón de Ouro de 1957. Ao ano seguinte, a súa prometedora carreira viuse truncada por unha acusación de agresión sexual pouco antes da Copa do Mundo de 1958. Foi procesado e condenado a doce anos de prisión e traballos forzados.

Foi posto en liberdade despois de cumprir aproximadamente a metade da súa condena, e en 1965 retomou a súa carreira futbolística co Torpedo Moscova. Na tempada do seu regreso, o club gañou a liga soviética, ao que sumou a Copa Soviética de 1968. Streltsov foi convocado de novo pola selección soviética en 1966, e en 1967 e 1968 foi nomeado Futbolista Soviético do Ano. No momento da súa retirada en 1970, estaba considerado un pioneiro en innovacións como o pase de tacón traseiro, que se coñece en Rusia como "pase de Streltsov". Morreu en Moscova en 1990 por mor dun cancro de garganta. Seis anos despois, o Torpedo renomeou o seu campo como "Estadio Eduard Streltsov" na súa honra. Nas aforas do estadio que leva o seu nome levantáronse estatuas na súa honra, así como no Complexo Olímpico Luzhniki de Moscova.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Eduard Anatolyevich Streltsov naceu en Perovo, un distrito oriental de Moscova, o 21 de xullo de 1937, sendo fillo de Anatolii Streltsov, un carpinteiro na fábrica de instrumentos de corte Fraser, e de Sofía Frolovna, que traballaba nunha gardería infantil.[3] Durante a Segunda guerra mundial, seu pai serviu no Exército Vermello como soldado de primeira liña e oficial de intelixencia, coñeceu a unha muller e non regresou á casa tralo conflito, senón que optou por establecerse en Kíiv cunha nova familia.[3] Deste xeito Sofía tivo que criar ao seu fillo pola súa conta, traballando ela na fábrica de Fraser, na que tamén acabou entrando Eduard despois de sacar o graduado escolar.[3]

Afeccionado ao fútbol dende moi pequeno e seareiro do Spartak Moscova, aos 13 anos converteuse no xogador máis novo do equipo da factoría. Tres anos máis tarde, en 1953, organizouse un partido amigable entre a fábrica e un equipo xuvenil do Torpedo Moscova. Streltsov impresionou ao adestrador do Torpedo, Vasilii Provornov, que o fichou para o seu club.[3]

Na tempada 1954, con 16 anos de idade, debutou co primeiro equipo do Torpedo, disputando todos os partidos de liga e marcando catro goles.[4] O equipo só puido ser noveno, despois de acabar terceiro o ano anterior.[5] Na súa segunda tempada, Streltsov foi o máximo goleador da liga, marcando 15 goles en 22 partidos e contribuíndo ao cuarto posto do seu equipo.[4][5][6] Na tempada 1956 anotou 12 goles en liga.[4] As súas destacadas actuacións co Torpedo, así como o seu rendemento na selección soviética, fixeron que fose nomeado á primeira edición do Balón de Ouro.[7]

Na seguinte campaña repetiu a cifra de 12 goles en 15 partidos na liga soviética. O Torpedo, tradicionalmente eclipsado por clubs como o CSKA, o Dinamo ou o Spartak, rematou como subcampión por primeira vez na súa historia.[5] Ao final desa tempada, Streltsov quedou sétimo nas votacións ao Balón de Ouro, premio que foi para Alfredo Di Stéfano.[8] Nos oito primeiros partidos de liga da tempada 1958, marcou cinco goles, xusto antes da acusación de violación.

Selección soviética

[editar | editar a fonte]
O primeiro ministro soviético Nikita Khrushchev en 1961. Segundo Gavriil Kachalin, que dirixía a selección nacional de fútbol, Khrushchev estivo persoalmente implicado no caso de Streltsov.[9]

Foi convocado por primeira vez pola selección soviética en 1955, debutando nun partido amigable contra Suecia en Estocolmo o 26 de xuño, encontro no que marcou un hat-trick na primeira metade.[10] Na súa segunda aparición coa camiseta da URSS, un partido amigable na casa contra a India, volveu marcar tres goles. A continuación xogou contra Hungría e marcou contra Francia, conseguindo así sete goles para a Unión Soviética nos seus primeiros catro partidos. Despois de anotar outro tanto nun partido contra Dinamarca en abril de 1956, estivo ausente en tres partidos internacionais, antes de regresar en setembro cun gol aos tres minutos na vitoria por 1-2 ante Alemaña Occidental.[10]

Pouco despois foi un dos seleccionados por Gavriil Kachalin para participar coa URSS nos Xogos Olímpicos de 1956 en Melbourne. Marcou tres goles nunha vitoria por 16-2 sobre Australia nun partido non oficial o 15 de novembro antes de marcar o gol da vitoria no primeiro partido do torneo olímpico contra o Equipo Alemán Unificado nove días despois.[11] Os soviéticos precisaron dun partido de repetición para superar a Indonesia nos cuartos de final.[10]

Nas semifinais, a URSS enfrontouse a Bulgaria, nun partido cuxos 90 minutos regulamentarios acabaron sen goles.[1][10] Co defensa Nikolai Tishchenko e o dianteiro do Torpedo Valentin Ivanov lesionados, o equipo soviético quedou só con nove xogadores na prórroga, na que Bulgaria se adiantou cun gol xusto ao inicio. Con todo, unha magnífica actuación de Streltsov nos minutos finais propiciaron a remontada. O dianteiro do Torpedo anotou o empate no minuto 112 e catro minutos despois asistiu a Boris Tatushin para facer o gol da vitoria.[1] Streltsov non puido disputar a final contra Iugoslavia, xa que o seleccionador Kachalin opinaba que os dous dianteiros debían ser compañeiros do mesmo club, e a lesión de Ivanov deixaba así fóra tamén a Streltsov. Nikita Simonian, que ocupou o seu lugar, ofreceu a Streltsov a súa medalla de ouro tras a vitoria por 1-0 sobre os iugoslavos, unha oferta que o xogador do Torpedo rexeitou, respondendo: "Nikita, gañarei moitos outros trofeos".[1]

Streltsov marcou o primeiro gol na vitoria por 2-0 ante Polonia que serviu para clasificar á URSS para a Copa do Mundo de 1958 e o 18 de maio de 1958 participou nun amigable contra Inglaterra en Moscova que acabou 1-1, xusto antes de que a súa carreira se vise truncada.[10] Antes do Mundial contabilizaba 18 goles en 20 partidos coa selección soviética.

Condena por violación

[editar | editar a fonte]

Acusación

[editar | editar a fonte]
A black and white photograph of a man in a black suit bearing medals on the left breast, applauding as he looks to his right.
O primeiro secretario do PCUS Leonid Brezhnev axudou a Streltsov a volver ao fútbol profesional.

Streltsov era coñecido pola súa fama de mullereiro, de beber moito e levar unha vida extravagante fóra do fútbol.[1][2] Segundo algunhas fontes, os seus problemas comezaron cunha suposta relación entre o futbolista e Svetlana Furtseva, a filla de 16 anos da muller de máis alto rango do do Politburó, Ekaterina Furtseva. Coa moza Svetlana namorada do dianteiro do Torpedo, de 19 anos, a súa nai coñeceuno por primeira vez nun baile no Kremlin a principios de 1957, no que se celebraba a vitoria olímpica de 1956. Furtseva suxeriu que podería casar coa súa filla, ao que Streltsov respondeu: "Xa teño unha prometida e non vou casar con ela [Svetlana]". Mentres estaba bébedo, máis tarde escoitóuselle dicir: "Nunca casaría con ese mono" ou "Prefiro ser aforcado antes que casar cunha rapaza así".[1][2]

Streltsov comprometeuse en segredo con Alla Demenko antes de marchar para os Xogos Olímpicos,[12] no medio dos preparativos para a tempada soviética. O Departamento de Fútbol Soviético criticou tanto ao xogador como ao seu club polo momento da cerimonia.[1] Despois de que fose expulsado durante un partido en Odesa en abril de 1957, o xornal oficial de deportes do goberno, o Sovetsky Sport, publicou un artigo sobre el titulado "Isto non é un heroe", así como cartas escritas por membros do proletariado, que describían a Streltsov como un "exemplo dos males do imperialismo occidental".[1]

Unha semana despois de xogar en Moscova contra Inglaterra nun partido de preparación para a Copa do Mundo de 1958, Streltsov foi invitado a unha festa por un oficial militar soviético, Eduard Karakhanov, que se celebraría o 25 de maio.[1] Streltsov e o resto da selección soviética estaban nun campo de adestramento en Tarasovka, nas aforas de Moscova, pero o equipo tiña o día libre. Ao final destas xornadas, os xogadores tiñan que presentarse ante as autoridades no Estadio Dinamo ás 16:30, pero Streltsov e dous compañeiros de equipo, os xogadores do Spartak Mikhail Ogonkov e Boris Tatushin, ignoraron a orde e foron á festa igualmente.[13] Celebrada na dacha de Karakhanov, tamén asistiu unha muller de 20 anos chamada Marina Lebedeva, á que Streltsov non coñecía. Á mañá seguinte, Streltsov, Ogonkov e Tatushin foron arrestados e acusados de tela violado.[1][2]

O seleccionador do equipo soviético, Gavriil Kachalin, afirmou pouco antes da morte de Streltsov que os altos mandos do Partido Comunista ditaran que o xogador non podía ser axudado.[1] O seu compañeiro de selección Nikita Simonian dixo nunha entrevista en 2006 que Streltsov escribiu á súa nai "dicindo que estaba a levar a culpa no lugar doutra persoa".[1] Segundo Simonian, Streltsov e Lebedeva durmiran xuntos, pero non estaba seguro de se Streltsov a violara ou non. Con todo, na mesma entrevista Simonian revelou fotografías tanto de Lebedeva como de Streltsov no momento do xuízo, incluída unha na que o rostro do xogador do Torpedo aparecía marcado na nariz e no pómulo con tres rascadelas paralelas".[1] A esposa de Streltsov dende facía pouco máis dun ano, Alla, solicitou o divorcio pouco despois de que se fixeran as acusacións.[14] Ademais do propio Streltsov, os únicos membros do equipo presentes no seu xuízo foron Ogonkov e Tatushin, que compareceron como testemuñas.[14]

Sentenza e cárcere

[editar | editar a fonte]

Streltsov confesou o delito despois de que se lle prometese que iso lle permitiría continuar no equipo soviético durante a Copa do Mundo de 1958.[1] Con todo, isto non ocorreu, e foi condenado a doce anos de cárcere e traballos forzados, prohibíndoselle tamén volver ao fútbol profesional.[15] Mentres tanto, a Ogonkov e Tatushin prohibíuselles xogar calquera competición de fútbol durante tres anos,[16] e foron expulsados da selección de por vida.[17] Ao pouco de comezar a súa condena, foi agredido por outro preso, pasando catro meses no hospital da prisión.[2] Máis tarde, as autoridades comezaron a incluílo nos partidos de fútbol para calmar os ánimos en tempos de problemas.[2]

Liberdade e regreso ao fútbol

[editar | editar a fonte]

Foi posto en liberdade o 4 de febreiro de 1963, despois de cumprir 5 dos 12 anos aos que fora condenado, e debido á prohibición de xogar profesionalmente pasou a traballar na fábrica ZiL e a estudar enxeñería automotriz na facultade técnica anexa.[18] En setembro de 1963 casou con Raisa Mikhailovna. Comezou a xogar no equipo de afeccionados da fábrica, atraendo a unha gran cantidade de público, tanto na casa como fóra. En 1964, o equipo disputou un partido en Gorki no que o adestrador non aliñou a Streltsov, o que provocou a furia dos espectadores, que ameazaron con queimar o estadio, coreando o nome de Streltsov. Preocupado polo que puidera pasar, o xefe da fábrica de Gorki ordenou ao adestrador do ZiL que metese a Streltsov na segunda metade. Ao pisar o campo, o dianteiro recibiu unha grande ovación.[19]

Con Streltsov no equipo, o ZiL gañou a liga de fábricas despois de gañar todos os partidos. Aínda que non se lle permitía xogar no Torpedo, asistiu aos partidos do seu antigo club durante toda a tempada. [19] En outubro de 1964, Khrushchev foi substituído como primeiro secretario do Partido Comunista por Leonid Brezhnev, quen pouco despois de asumir o cargo recibiu unha carta asinada por decenas de miles de persoas, incluíndo Heroes do Traballo Socialista e membros do Soviet Supremo nacionais e rexionais, na que se solicitaba a reversión do veto profesional a Streltsov. Brezhnev derrogou a prohibición, argumentando que, como home libre, Streltsov debería poder traballar na súa profesión. Autorizóuselle volver ao Torpedo antes do inicio da tempada 1965.[1][15]

Volta á profesionalidade

[editar | editar a fonte]

Streltsov foi recibido con entusiasmo polos seguidores do Torpedo.[20] Aínda que perdera algo da súa forza e axilidade, a súa intelixencia futbolística aínda estaba intacta e a súa presenza axudou ao Torpedo a gañar o campionato soviético de 1965, marcando o propio dianteiro 12 goles en 26 partidos de liga.[1][2][4][5] Ao final da tempada, quedou segundo nas votacións ao premio ao Futbolista Soviético do Ano, só por detrás do seu compañeiro de equipo Valerii Voronin.[21] O 28 de setembro de 1966, Streltsov e o Torpedo debutaron na Copa de Europa, en San Siro contra o Inter de Milán de Helenio Herrera, nun partido que se resolveu a favor dos italianos cun solitario gol de Mazzola.[22] En 1966 Streltsov repetiu a cifra de 12 goles en liga e o Torpedo chegou á final da Copa Soviética, perdendo 2-0 ante o Dinamo.[5][4]

Reapareceu coa selección soviética o 16 de outubro de 1966, nunha derrota na casa por 0-2 contra Turquía,[23] e marcou o primeiro gol internacional dende o seu regreso unha semana despois, nun empate 2-2 ante Alemaña Oriental. Asentado na titularidade, en 1967 marcou senllos goles ante Francia e Austria e anotou un triplete ante Chile.[23] Ao remate da tempada foi elixido Futbolista Soviético do Ano.[1][21]

O 4 de maio de 1968 disputou ante Hungría o seu último partido como internacional. O seu balance internacional situouse en 38 partidos e 25 goles.[23] O Torpedo gañou a Copa Soviética de 1968, vencendo na final ao Pakhtakor Tashkent uzbeco por 1-0.[5] Streltsov pechou a tempada 1968 con 21 goles en liga, sendo o terceiro máximo goleador do campionato, cun só gol menos que Berador Abduraimov e Gocha Gavasheli, e foi elixido por segunda vez Futbolista Soviético do Ano.[21] Puxo fin a súa carreira en 1970, sendo o segundo máximo goleador da historia do Torpedo, con 117 goles en 255 partidos, só por detrás do seu compañeiro Valentin Ivanov.[4]

Trala retirada

[editar | editar a fonte]
The back of a concrete stadium stand
Estadio Eduard Streltsov en 2007.

Trala súa retirada o Torpedo seguiu pagando o seu salario para financiar os seus estudos de adestrador de fútbol no Instituto de Cultura Física.[24] A continuación volveu ao Torpedo como adestrador do equipo xuvenil e chegou a dirixir brevemente o primeiro equipo.[25] Morreu en 1990 por mor dun cancro de garganta. Sete anos máis tarde, Marina Lebedeva, a muller á que Streltsov confesou ter violado, foi vista poñendo flores na súa tumba en Moscova o día seguinte ao aniversario da súa morte.[1]

En 2006 recibiu a título póstumo a medalla de ouro olímpica que non puidera recibir en 1956, pois segundo a política da época, só a recibían os titulares na final.[1]

Estilo de xogo e legado

[editar | editar a fonte]

Streltsov está considerado por moitos analistas como un dos mellores futbolistas da historia da Unión Soviética e de Rusia.[1][2] O seu estilo de xogo, hábil e innovador, fíxoo destacar no fútbol soviético, e o seu pioneiro pase de tacón fixo que esta técnica se coñeza en Rusia como "pase de Streltsov".[26] Durante o inicio da súa carreira, a súa habilidade técnica combinábase cunha considerable velocidade e un gran físico, que daban como resultado un un completo dianteiro. Nos seus últimos anos, coa súa capacidade física xa máis reducida, destacaba a súa habilidade e intelixencia no campo, converténdose máis nun creador de xogo, ocupando unha posición máis atrasada e creando movementos de ataque para os seus compañeiros en lugar de levalos a cabo el mesmo. De feito, durante as súas dúas últimas tempadas, Streltsov xogou como centrocampista ofensivo en lugar de dianteiro. A pesar do intervalo de oito anos entre os seus dous períodos como internacional coa selección soviética, Streltsov, alcumado "O Pelé ruso",[2] pechou a súa carreira como o cuarto máximo goleador histórico da selección vermella, só por detrás de Oleg Blokhin, Oleg Protasov e Valentin Ivanov.[27]

A silver coin with Strelstov's head and neck illustrated in relief upon it, accompanied by the outlines of a football pitch and a football and his name in Russian.
En 2010 emitiuse unha moeda conmemorativa de dous rublos coa imaxe de Streltsov.

O campo do Torpedo Moscova, o estadio Torpedo, foi renomeado en 1996 como "Estadio Eduard Streltsov".[28] Un ano máis tarde, a Unión de Fútbol de Rusia presentou os premios Strelyets, que foron ata 2003 os galardóns individuais máis prestixiosos do fútbol ruso, outorgados anualmente ao mellor adestrador da liga rusa e aos mellores xogadores de cada posición.[29] En 1998 construíuse no Complexo Olímpico Luzhniki de Moscova unha estatua de Streltsov,[30] e ao ano seguinte o Torpedo erixiu outra nos arredores do estadio que leva o seu nome.[31]

En 2001 formouse o Comité Streltsov, coa fin de que a condena de Streltsov por violación fose anulada postumamente. O líder da campaña, o campión mundial de xadrez Anatolii Karpov, afirmou que a condena impedira que Streltsov se convertese no mellor xogador do mundo.[2] O Banco Central da Federación Rusa rendeu homenaxe a Streltsov en 2010, cando acuñou unha moeda conmemorativa de dous rublos sobre o xogador. A moeda foi unha das tres acuñadas como parte dunha serie dedicada a lendas do deporte ruso, sendo as outras dúas as de Lev Iashin e Konstantin Beskov.[32]

Palmarés

[editar | editar a fonte]
Streltsov nun selo ruso de 2016 da serie "Lendas do Fútbol".
Torpedo Moscova
Selección soviética
Individual
  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 1,17 1,18 1,19 Wilson, Jonathan (14 de decembro de 2006). "Was Streltsov really the martyr Russian football demands?". The Guardian (en inglés). Consultado o 14 de febreiro de 2024. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 O'Flynn, Kevin (26 de agosto de 2001). "Loyal fans fight to clear name of Russia's Pele". The Guardian (en inglés). Consultado o 14 de febreiro de 2024. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "Перед смертью в разговоре с сыном эдуард стрельцов обронил: «одного не пойму — за что меня посадили? »" (en ruso). 21 de xullo de 2007. Consultado o 14 de febreiro de 2024. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 "Estatísticas de Streltsov". mag.football.ua (en ruso). Arquivado dende o orixinal o 2 de marzo de 2009. Consultado o 14 de febreiro de 2024. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 Lauzadis, Almantas. "USSR (Soviet Union) - Final Tables 1924-1992". rsssf.org (en inglés). Consultado o 14 de febreiro de 2024. 
  6. 6,0 6,1 Cherny, Michael. "USSR (Soviet Union) - List of Topscorers". rsssf.org (en inglés). Consultado o 14 de febreiro de 2024. 
  7. Pierrend, José Luis. "European Footballer of the Year ("Ballon d'Or") 1956". rsssf.org (en inglés). Consultado o 14 de febreiro de 2024. 
  8. Pierrend, José Luis. "European Footballer of the Year ("Ballon d'Or") 1957". rsssf.org (en inglés). Consultado o 14 de febreiro de 2024. 
  9. Wilson 2006
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Balitskiy, Andrei. "Soviet Union - International Results 1952-1959 - Details". rsssf.org (en inglés). Consultado o 14 de febreiro de 2024. 
  11. "Eduard Streltsov". olympedia.org (en inglés). Consultado o 14 de febreiro de 2024. 
  12. Nilin 2002, pp. 78-79.
  13. Nilin 2002, pp. 91.
  14. 14,0 14,1 Nilin 2002, pp. 99.
  15. 15,0 15,1 Nilin 2002, pp. 44-50.
  16. Larchikov, Gennadii (2002). "Хyдожник на поле и в жизни". Sovetskii Sport (en ruso) (109). 
  17. Nilin 2002, pp. 93.
  18. Nilin 2002, pp. 134.
  19. 19,0 19,1 Nilin 2002, pp. 42.
  20. "As Quinn sheds fat, Jones sees fit to play the fool" (en inglés). 13 de abril de 2006. Consultado o 15 de febreiro de 2024. 
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 Movsumov, Rasim. "Soviet Union - Player of the Year Awards". rsssf.org (en inglés). Consultado o 15 de febreiro de 2024. 
  22. "Inter 1-0 Torpedo". UEFA (en inglés). Consultado o 15 de febreiro de 2024. 
  23. 23,0 23,1 23,2 Balitskii, Andrei. "Soviet Union - International Results 1960-1969 - Details". rsssf.org (en inglés). Consultado o 15 de febreiro de 2024. 
  24. Nilin 2002, pp. 226.
  25. Nilin 2002, pp. 251.
  26. White, Jim (13 de abril de 2006). "As Quinn sheds fat, Jones sees fit to play the fool". The Daily Telegraph (en inglés). Consultado o 19 de febreiro de 2024. 
  27. "Soviet Union/CIS - Record International Players". rsssf.org (en inglés). Consultado o 19 de febreiro de 2024. 
  28. Wilson, Jonathan (23 de decembro de 2008). "Torpedo's traumas suggest the Russian renaissance may be short-lived". The Guardian (en inglés). Consultado o 19 de febreiro de 2024. 
  29. "Индивидуальные и командные призы" (en ruso). Arquivado dende o orixinal o 9 de xaneiro de 2010. Consultado o 19 de febreiro de 2024. 
  30. "Памятник выдающемуся футболисту Эдуарду Стрельцову в Лужниках.". riamediabank.ru (en ruso). Consultado o 19 de febreiro de 2024. 
  31. Rashchupkina, Olga (11 de abril de 1999). "Стрельцов вместо девушки с веслом" (en ruso). Consultado o 19 de febreiro de 2024. 
  32. "Commemorative Coins". Banco Central de Rusia (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 9 de xaneiro de 2010. Consultado o 19 de febreiro de 2024. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Nilin, Aleksandr (2002). Стрельцов: Человек без локтей (en ruso). Moscova: Molodaia Gvardiia. ISBN 5-235-02438-9.