Alberto Sánchez Pérez
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de abril de 1895 Toledo, España |
Morte | 12 de outubro de 1962 (67 anos) Moscova, Rusia |
Lugar de sepultura | Vvedenskoye (en) |
Actividade | |
Ocupación | escultor, pintor |
Xénero artístico | Retrato |
Alberto Sánchez Pérez, nado en Toledo en 1895 e morto en Moscova, en 1962, foi un pintor e escultor español que seguiu os estilos cubista e surrealista.
Traxectoria
Naceu en Toledo en 1895, fillo dun panadeiro. En 1927 fundou con Benjamín Palencia a chamada Escola de Vallecas, que buscaba a súa inspiración en Castela. Deseñou os decorados da compañía teatral La Barraca, de Federico García Lorca. A partir de 1938 exiliuse a Moscova, a onde foi enviado polo Goberno da República para dar clases de debuxo ós meniños españois enviados a Rusia.
Despois de anos de inactividade artística, colaborou co ruso Grigori Kózintsev nos decorados da película Don Quijote (1957), cunha recreación espléndida dos pobos de A Mancha en plena Ucraína. Morreu en Moscova no ano 1962.
En 2002 foi homenaxeado no museo de Santa Cruz de Toledo, cunha exposición monográfica.
Obra
Unha das súas obras máis coñecidas é a escultura chamada El pueblo español tiene un camino que conduce a una estrella, de doce metros de altura, construída en 1937 para a Exposición Internacional de París e que protagonizou, xunto ó Guernica de Picasso, o pavillón da República Española. A escultura destruíuse cando se desmantelou a Exposición, pero fíxose unha reprodución que hoxe está colocada ante a fachada principal do Museo Raíña Sofía, que conserva tamén as dúas maquetas que presentou para a Exposición de París. Existe outra copia, a escala reducida, na Praza de Barrionuevo, de Toledo.
Nos anos 1931-1932, Alberto Sánchez deseñou unha maqueta para o que tiña que ser unha grande escultura que pensaba colocar no outeiro de Almodóvar, en Vallecas (nos arredores de Madrid), como un símbolo da liberdade. A maqueta, en xeso, perdeuse durante a Guerra Civil, xunto a moitas outras obras do artista, e só se conservan algunhas fotografías que lle fixera o arquitecto Enrique Segarra. En 1957 recuperou ese proxecto e creou unha nova versión do monumento, pero tampouco conseguiu converter a maqueta en realidade:
"La historia es prosaica. Tenía una hernia discal que le impedía cargar peso y en uno de los traslados de casas la dejó detrás".Alcaén Sánchez Sancha, fillo do escultor [1]
A maqueta, dividida en pezas soltas, quedou perdida entre caixas e maletas ata que a descubriu o fillo no fallado da súa casa de Moscova, despois da morte do escultor. Nesta ocasión puido ser reconstruída en bronce polo fundidor Eduardo Capa, e foi exposta ó público nunha exposición que na súa honra celebrou en 2010 a Comunidade de Madrid no Centro de Arte Dous de Maio, baixo o título "Monumento a los pájaros. Hito y mito".
"Es el único escultor del rayo, el único que graba el color de la madrugada, el único que ha hecho un monumento a los pájaros y una estatua al bramido".Miguel Hernández [2]
Véxase tamén
Ligazóns externas
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Alberto Sánchez Pérez |
- Colección de Alberto Sánchez Arquivado 04 de novembro de 2011 en Wayback Machine. no Raíña Sofía
- "El sueño alado de Alberto Sánchez remonta el vuelo. Una exposición recupera la escultura inédita 'Monumento a los pájaros'", en El País, 23.03.2010 (en castelán)
- "Madrid recupera el Monumento a los pájaros de Alberto Sánchez", en Revista del Arte.com, 22.03.2010 (en castelán)
- Vídeo sobre a exposición Monumento a los pájaros. Hito y mito, min 7:22 (en castelán)