Vladimir Maiakovski
Vladimir Vladímirovich Maiakovski, en ruso Владимир Владимирович Маяковский, nado en Bagdadi, Xeorxia, o 19 de xullo de 1893 e finado en Moscova o 14 de abril de 1930, foi un poeta e dramaturgo ruso. Unha das figuras máis relevantes da poesía rusa de vangardas de comezos do século XX. Foi iniciador do futurismo ruso: xunto con David Burliuk e Velemir Jlébnikov, publicou en 1912 o manifesto deste movemento, A labazada ao gusto do público.
Traxectoria
Fillo dun inspector forestal, naceu e pasou a infancia na aldea de Bagdadi, nos arredores de Kutaíssi. Logo da morte do seu pai, en 1906 trasladouse a Moscova onde estudou pintura. Entrou na Escola de Belas Artes, onde se encontrou con David Burliuk, que foi o grande incentivador de súa iniciación poética. Os dous amigos formaron parte do grupo fundador do chamado cubo-futurismo ruso, ao lado de Khlébnikov, Kamiênski e outros. Foron expulsados da Escola de Belas Artes. Procurando difundir as súas concepcións artísticas, realizaron viaxes por Rusia.
A súa actividade política iníciase durante o tsarismo; afiliouse ao Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia, o que lle ocasionará unha serie de persecucións e o cárcere. Detido en dúas ocasións, soltárono por falta de probas, pero en 1909-1910 pasou once meses en prisión. Alí emprenderá a súa obra poética.
Ao consumarse a vitoria da Revolución Rusa, apoiou a política cultural da administración bolxevique. Empregou unha gran diversidade de procedementos para cativar as multitudes, abarcando desde a aplicación dunha linguaxe coloquial, ocasionalmente prosaica, ata os máis refinados estilos épicos.
Varios dos seus poemas, como a Oda á revolución (1918) foron tan famosos como os seus ardorosos versos de amor, entre os que se conta Amo (1922).
Nos anos vinte Maiakovski fixo campaña internacional pola Revolución, cruzando Europa enteira e intervindo en conclaves e coloquios. Durante esta época, crea elementos prácticos de propaganda, tales como carteis e argumentos para películas recitando os seus poemas na Rusia bolxevique.
Fundou en 1923 a revista LEF (de Liévi Front, Fronte de Esquerda), que reuniu á esquerda das artes, isto é, aos escritores e artistas que pretendían xuntar a forma revolucionaria cun contido de renovación social.
Maiakovski suicidouse dun disparo na cabeza o 14 de abril de 1930 sen que se puidesen dilucidar, con claridade, as causas desa determinación; probablemente interviñeron factores emocionais, así como algunhas críticas severas polo seu expresivo 'individualismo'.
Obra
A súa obra poética, aínda que vinculada á Revolución Rusa, supera o estigma da poética revolucionaria, que algúns críticos lle asignaron por esta relación emotiva e, pola busca dunha nova forma de poetizar, chea de impresións e emocións sensuais.
A súa obra, profundamente revolucionaria na forma e nas ideas que defendeu, preséntase coherente, orixinal, vehemente, única. A linguaxe que emprega é a cotiá, sen ningunha consideración pola división en temas e palabras "poéticos" e "non-poéticos", alén dunha constante elaboración, que vai desde a invención no vocabulario até o inusitado risco das rimas.
Ao mesmo tempo, o gusto polo desmesurado, o hiperbólico, alíase na súa poesía á dimensión crítico-satírica. Creou longos poemas e quadras e dípticos que se gravan na memoria; ensaios sobre a arte poética e artigos curtos de xornal; pezas de forte sentido social e rápidas escenas sobre asuntos do día; roteiros de cine arriscados e fantasiosos.
Na súa obra teatral A chinche (1929), ridiculizou a falsidade da burguesía da súa época, porén o seu Falando a berros (1930), a grande obra épica que deixou sen concluír cualifícase como o seu legado idealista.
Véxase tamén
Bibliografía
- Víktor Shklovskii, Maiakovski, Anagrama, 1972.
- Ángel Fernández-Santos, Maiakovski y el cine, Tusquets, 1974.
Outros artigos
Ligazóns externas
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Vladimir Maiakovski |