Xisto de Burgess
O xisto de Burgess, en inglés Burgess Shale, é o nome dun famoso xacemento de fósiles, situado nas inmediacións de Burgess, no Parque Nacional Yoho da provincia de Columbia Británica, no Canadá.
Características
editarÉ coñecido pola súa riqueza en vestixios de animais invertebrados do período Cámbrico Medio (preto de 505 millóns de anos de antigüidade). Este sitio prové unha imaxe única da vida oceánica nun período no cal os vertebrados non fixeran aínda a súa aparición, e do cal non abundan os restos fósiles.
Crese que esta acumulación de fósiles provén do enterramento súbito de organismos invertebrados por fluxos de arxila nun ambiente de marisma superficial. Isto provocou que se conservasen unha gran cantidade de fósiles que normalmente non se preservan debido á ausencia de casca mineralizada (celentéreos, moluscos sen cuncha etc.). Outra cousa que é especialmente notábel no conxunto de restos atopados no xisto de Burgess, é a presenza de criaturas que non pertencen a ningún Phylum coñecido no presente.
Este sitio foi amplamente estudado por expertos desde o seu descubrimento en 1909 por Charles Walcott, secretario nese entón do Instituto Smithsoniano e recoñecido paleontólogo, que traballaba na rexión atraído pola riqueza de fósiles de varios períodos. O devandito instituto posúe actualmente a maior colección a nivel mundial de espécimes do xisto de Burgess.
En 1980 o xisto de Burgess foi declarado individualmente como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO; a partir de 1990 quedou incluído no chamado Parque das Montañas Rochosas Canadenses.