Viterico
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Viterico[1], nado en 570 e finado en abril de 610, foi rei dos visigodos desde o 603 ata o 610. Despois de obter o mando das tropas de Liuva II, a quen persuadira para que declarase a guerra aos bizantinos, sublevouse contra o monarca, apoderouse del, cortoulle a man dereita e logo quitoulle a vida antes de ser proclamado rei.
Nome orixinal | (la) Wittericus (es) Witerico |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 570 valor descoñecido |
Morte | abril de 610 (39/40 anos) Toledo, España |
Causa da morte | homicidio |
Lugar de sepultura | Espirdo |
Rei dos visigodos | |
603 – 610 ← Liuva II – Gundemaro → | |
Datos persoais | |
Relixión | Arianismo |
Actividade | |
Ocupación | monarca |
Outro | |
Título | Rei dos visigodos (603–609) |
Fillos | Ermenberga |
Traxectoria
editarTradicionalmente creuse que Viterico favoreceu o arianismo. Non existen probas diso, aínda que é probábel que o novo rei, aínda sendo formalmente católico, conservase as súas antigas crenzas. En todo caso, politicamente non era conveniente volver á situación anterior ao 589.
É moi escasa a información que se posúe do seu reinado, pero se sabe que estivo enfrontado a unha parte da nobreza e do clero (no entanto sábese que contaba co apoio dalgúns bispos, coñecéndose o caso do bispo Elerxio de Egara, hoxe Terrassa).
Coñecemos o caso dun conde da Gallia Narbonensis chamado Búlgar, que ao parecer foi torturado, encarcerado e despois desterrado. O propio Búlgar explica que foi axudado por dous bispos, Agapio e Serxio, que despois do reinado de Viterico ocuparon sedes metropolitanas (Serxio foi arcebispo de Narbona). Tamén se sabe que o bispo de Toledo, Aurasio, tivo dificultades, pero non é seguro que fosen motivadas por un enfrontamento co rei, pois podía tratarse dun problema relixioso interno.
Porén sabemos que todos os citados conservaron a súa vida e os seus cargos, pois mesmo Búlgar foi reposto como conde antes da morte de Viterico (segundo el mesmo explica nunha das súas cartas, por mor dunha visión que tivera o rei) e participou máis tarde nas negociacións diplomáticas que buscaban unha alianza dos visigodos cos reis merovinxios.
Viterico loitou contra os bizantinos. Un dos seus xenerais ocupou Sagontia ou Xisgonza sen que se saiba en que ano aínda que debeu ser ao redor do 605. Probabelmente na mesma época foi ocupada Bigastrum (non moi lonxe de Cartago Nova) cuxo bispo xa aparece nas actas do Concilio toledano do ano 610.
No 607 Teodorico de Borgoña solicitou a man da filla de Viterico, chamada Ermenberga (talvez ariana), á que xurou que nunca privaría da súa condición de raíña. A princesa chegou a Châlon-sur-Saône pero a raíña avoa, Brunexilda, e a súa neta Teudila ou Teudilana (irmá de Teodorico) instigaron ao rei borgoñón contra Ermenberga, e finalmente o matrimonio non chegou a celebrarse, sendo reexpedida a Toledo, sen o seu dote.
Viterico, ofendido, entrou nunha cuádrupla alianza con Teodeberto e Clotario (de Austrasia e Neustria) e con Axilulfo rei dos longobardos, dirixida contra Brunexilda e o seu neto Teodorico de Borgoña, en cuxas negociacións posteriores (xa en tempos de Gundemaro, sucesor de Viterico) participou o conde Búlgar antes mencionado.
A alianza no entanto, non tivo éxito, aínda que das cartas de Búlgar despréndese que houbo unha serie de combates que tiveron como teatro a zona da Narbonense, pero non coñecemos nin a zona de operacións, nin a súa duración, nin o seu resultado.
Como Isidoro de Sevilla non fai ningunha mención a estes sucesos, pode deducirse diso que as loitas foron máis ben escaramuzas fronteirizas menores e que os visigodos non obtiveron éxito ningún. Sábese pola mesma correspondencia, que a Narbonense era teatro de moitas calamidades, pero non se indica cales eran nin se afectaban a outras provincias ou territorios.
Unha conxura de nobres, probabelmente dunha facción rival, e próximos ao clero católico, asasinou a Viterico durante un banquete, en abril do 610. O seu cadáver foi arrastrado polas rúas de Toledo. Os nobres conxurados aclamaron como rei a un deles chamado Gundemaro, probabelmente dux da Narbonense. Tras a morte de Viterico Santo Isidoro escribiu: "matara coa espada, morreu coa espada".
Predecesor: Liuva II |
Rei dos visigodos 603-610 |
Sucesor: Gundemaro |
Notas
editar- ↑ "Viterico". Diciopedia do século 21 III. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 2189.