Veganismo
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2018.) |
O veganismo é un estilo de vida caracterizado polo rexeitamento do consumo e utilización de produtos de orixe animal tanto na alimentación ou no vestiario coma en calquera outra faceta da existencia. A maior parte das motivacións que levan as persoas ao veganismo adoitan ser principalmente postulados éticos e morais sobre os dereitos animais, mais tamén sobre a defensa do ambiente, a saúde e cuestións de tipo espiritual ou relixioso. Os veganos acostuman dirixir boa parte das súas críticas contra os modelos contemporáneos de granxas industrializadas, nas que, segundo estes colectivos, se trata brutalmente aos animais, e as probas de diverso tipo sobre animais (por parte das industrias químicas dedicadas por exemplo á cosmética ou á industria farmacéutica).
Inda que se coñece que as dietas omnívoras poden ter un maior impacto ambiental (en puntos como maior pegada do carbono) que as veganas, non existen diferenzas no emprego dunha dieta ovo-lacto-vegana ou vegana estrita. O impacto ambiental desas dietas aseméllase ao das dietas mediterráneas. De feito, demostrouse que depende como se xestione cada vegano (en tipo ou cantidade de alimento que consuma), o seu impacto ambiental pode ser maior que o de calquera outra persoa omnívora.[1]
Dieta
editarA dieta alimenticia das persoas veganas é coñecida coma vexetariana pura ou estrita e elimina da dieta non só as carnes senón tamén calquera derivado (leite, ovos, mel etc.). Debido ás limitacións desta dieta, cómpre realizar unha boa planificación para conseguir satisfacer todas as necesidades nutricionais. Sen unha correcta planificación da dieta, teñen maior déficit de calcio, iodo, vitamina B12 e vitamina D.[2][3] De feito, o maior déficit de vitamina B12 nos veganos obrígalles a ter que consumir máis alimentos que a conteñan.[2]. Precisan planificar e os suplementos alimenticios que necesitan máis.
Orixes do veganismo
editarO termo veganismo naceu en 1944 no ámbito anglosaxón a partir do vexetarianismo. Elsie Shrigley e Donald Watson, cansados de que o termo vexetarianismo chegase a abranguer o consumo de derivados lácteos fundaron a Vegan Society (Sociedade Vegana). Uniron as tres primeiras letras de «vegetarian» coas tres últimas e formaron «vegan» no que eles consideraban «o principio e o fin do vexetariano». A Vegan Society definía o veganismo como:
A palabra "veganismo" significa unha filosofía e modo de vida que procura excluír, na medida do posíbel e práctico, todas as formas de explotación e crueldade cos animais para producir comida, roupa ou con calquera outro propósito e, por extensión, promove o desenvolvemento e uso de alternativas libres de animais para o beneficio dos humanos, dos animais e do medio ambiente. En termos de dieta significa renunciar ao consumo de produtos derivados total ou parcialmente de animais.
Outras organización veganas utilizan definicións semellantes.
Definición de produto de orixe animal
editarDentro das teses veganas o produto de orixe animal é calquera material derivado de animais que sexa utilizado polos humanos. Dentro desta definición entrarían todos os tipos de carnes, peixes e mariscos, ovos, lácteos, mel, peles e coiros, la e seda. Tamén outros produtos derivados coma a xelatina, a lanolina, o callo, soro do leite, a cera estampada, a caseína ou a goma laca.
Os produtos de orixe animal están presentes como ingredientes en gran cantidade de produtos e utilízanse na produción doutros moitos. Ás veces resulta particularmente difícil coñecer a composición exacta dun produto polo que resulta complicado saber a cantidade real de cousas que están elaboradas a partir de elementos animais.
Algún veganos non concordan totalmente con estas teses e ven aceptábel o consumo de produtos derivados de insectos coma o mel ou a seda.
Estilos de vida semellantes
editarExisten varios tipos de estilo de vida semellantes que comparten algúns aspectos do veganismo, mais que presentan certas diferenzas, como poden ser o fruxivorismo, o veganismo crú ou o propio vexetarianismo, por consistir en xeitos de alimentación e non en posicións necesariamente baseadas en motivos éticos.
Algunhas relixións teñen prácticas regulares ou ocasionais próximas ás veganas, sobre todo no concernente á alimentación: budismo, cristianismo ortodoxo, xainismo, hinduísmo, sikhismo, rastafarianismo ou a Igrexa Adventista do Sétimo Día.
Así mesmo, dentro do punk, a filosofía Straight Edge abraza en moitos casos o veganismo.
Cociña
editarDentro das diferentes cociñas tradicionais abundan os pratos que non utilizan produtos animais ou que poden ser adaptados á filosofía vegana, porén na cociña vegana é moi común a utilización de produtos e receitas de orixe oriental coma o tofu, o tempeh ou o seitán. Tamén é característico o uso de leites de soia, cereais ou noces como substitutos dos leites animais. Así mesmo, existen no mercado produtos de "carne artificial" feita a base de produtos vexetais coma a soia ou o glute que imitan salchichas, hamburguesas etc.
Notas
editar- ↑ Alice Rosi, Pedro Mena, Nicoletta Pellegrini, Silvia Turroni, Erasmo Neviani, Ilario Ferrocino, Raffaella Di Cagno, Luca Ruini, Roberto Ciati, Donato Angelino, Jane Maddock, Marco Gobbetti, Furio Brighenti, Daniele Del Rio & Francesca Scazzina (2017). "Environmental impact of omnivorous, ovo-lacto-vegetarian, and vegan diet". Scientific Reports 7 (6105). doi:10.1038/s41598-017-06466-8.
Observouse unha alta variabilidade entre individuos [...], o que revela que algúns vexetarianos e veganos teñen maior impacto ambiental que os de algúns omnívoros. Con iso, independentemente dos beneficios ambientais das dietas baseadas en plantas, cabe pensar en termos dos hábitos alimenticios de cada persoa.
- ↑ 2,0 2,1 Agnoli, C. et al. (2017). "Position paper on vegetarian diets from the working group of the Italian Society of Human Nutrition". Nutrition, Metabolism and Cardiovascular Diseases 27 (12): 1037 – 1052. doi:10.1016/j.numecd.2017.10.020.
- ↑ Rosell, Magdalena S.; Appleby, Paul N. & Key, Timothy J. (2006/02). "Health effects of vegetarian and vegan diets". Proceedings of the Nutrition Society (en inglés) 65 (1): 35–41. ISSN 1475-2719. PMID 16441942. doi:10.1079/PNS2005481.