Vaso François

cráter de volutas

O Vaso François é un vaso cerámico creado por Ergótimos e pintado por Clitias, cara ao 570-560 a. C., considerado unha obra cimeira da cerámica ática e grega en xeral. Pola súa tipoloxía, corresponde a un cráter[1] de volutas realizado seguindo a técnica de figuras negras. Tanto os dous autores (Ergotimos mepoiesen, Ergótimos fíxome; e Kleitias megraphsen, Clitias pintoume), como os personaxes representados están identificados por cadansúa inscrición.

Vaso François

Foi descuberto por Alessandro François (1796 - 1857) nunha tumba etrusca dunha necrópole próxima á localidade de Chiusi, na actual Toscana. Os fragmentos que se conservan atopáronse esparexidos en distintos espazos, probablemente por obra de buscadores de tesouros, durante as campañas de 1844 e 1845. Na actualidade exponse no Museo Arqueolóxico de Florencia (Italia).

Esta tipoloxía de cerámica estaba destinada a conter viño mesturado con auga.[2] Os cráteres eran recipientes de cerámica (ou de metal) de gran tamaño que se colocaban no centro da sala onde se celebraba o simposio (banquete), no chan ou sobre unha plataforma, e de onde o copeiro (ou os mesmos comensais) ía retirando e servindo o viño en recipientes máis pequenos e manexables; a boca ancha do cráter permitía introducir o kilix (copa). O tamaño e a calidade deste vaso debían reflictir unha posición social elevada do propietario.

Descrición

editar

Trátase dun cráter de volutas, así chamado porque as súas asas sobresaen por riba da boca, formando volutas. A peza mide 66 cm de altura e está decorada con pintura negra sobre fondo vermello. A decoración distribúese en seis bandas horizontais que rodean todo o recipiente, nas que se pintan as figuras (250 ou 270, segundo as fontes[3]); as liñas que separan as bandas, as asas e mais a banda inferior do vaso son as únicas áreas que presentan motivos xeométricos. As figuras represéntanse de acordo coa lei da frontalidade: ollos e torso de fronte e o resto do corpo de perfil. Como corresponde á época preclásica, os fondos son planos, sen ningún elemento que represente un espazo arquitectónico ou natural, e as figuras son hieráticas, sen expresión. De tódolos xeitos, esta obra representa un claro avance respecto ó período xeométrico anterior cara a un progresivo naturalismo.

Cada unha das bandas presenta dúas escenas, unha a cada lado do vaso, en todo caso escenas mitolóxicas ou animais fantásticos de iconografía orientalizante. Só a terceira e sexta bandas presentan cada unha un único tema que as percorre completamente todo ó redor do vaso.

 
Cara B

Cara A:

editar

Cara B:

editar
  • Mito de Teseo e Ariadna: Teseo regresa vitorioso a Delos, tras matar a Minotauro, acompañado polos mozos atenienses ós que Teseo salvou de ser comestos polo monstro.
  • Centauromaquia: os lapitas guiados por Teseo.
  • Cortexo nupcial de Peleo e Tetis.
  • Cortexo dionisíaco co regreso de Hefesto ó Olimpo e Hera, impaciente, esperando a ser liberada do trono no que aquel a encadeou.
  • Grifóns e dous leóns atacando un touro e un xabaril.
  • Loita mitolóxica entre grúas e pigmeos.

Nunha das volutas represéntase a deusa Ártemis alada, como señora dos animais levantando dous leóns pola cabeza. Debaixo, Áiax retirando o cadáver de Aquiles do campo de batalla para evitar que fose ultraxado polos troianos, nunha escena que reforza a magnitude do heroe aumentando artificialmente o seu tamaño. Noutra voluta hai unha Gorgona alada.

  1. "cráter". digalego.xunta.gal. Consultado o 15 de decembro de 2023. 
  2. Os gregos non consideraban honorable beber viño puro, un costume propio de pobos sen civilizar, e por iso bebíano mesturado con auga.
  3. "Vaso François" (en castelán). Consultado o 2023-12-15. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Zarzalejos Prieto, Mar, e outros (2010). Historia de la cultura material del mundo clásico. UNED. ISBN 9788436260700.  (en castelán)

Ligazóns externas

editar