Transit 5E1
Transit 5E1, tamén coñecido polo seu designador internacional 1963-038C e mencionado ás veces como APL SN 39, foi un satélite artificial do Departamento de Defensa dos Estados Unidos lanzado o 28 de setembro de 1963 mediante un foguete Thor Ablestar desde a Base Aérea de Vanderberg.[1][3]
Transit 5E1, 1963-038C | |
---|---|
Transit 5E1, 1963-038C | |
Tipo | Observación terrestre e demostrador tecnolóxico |
Organización | USAF |
Contratistas principais | Laboratorio de Física Aplicada da Universidade Johns Hopkins (APL)[1] |
Satélite de | Terra |
Data de lanzamento | 28 de setembro de 1963[2][3][4] |
Foguete portador | Thor Ablestar[1][3] |
Sitio de lanzamento | Base Aérea de Vandenberg[3][5] |
Duración da misión | 11 anos[1] |
Obxectivo da misión | Medicións xeomagnéticas, xeodésicas e do espectro solar.[3][5] |
NSSDC ID | 1963-038C |
Masa | 59 kg[1][3] |
Dimensións | Corpo octogonal de 0,46 m x 0,25 m[5] |
Características
editarO obxectivo de Transit 5E1 foi realizar estudos de partículas cargadas e campos magnéticos e do espectro solar, así como obter datos xeodésicos. Adicouse a medir as variacións temporais dos fluxos de electróns e protóns, comprobar o efecto da radiación en varios tipos de transistor, determinar a eficiencia de sete tipos de recubrimento térmico e dos recubrimentos protectores de células solares para protexelas da radiación.[1][3][5]
Transit 5E1 foi lanzado a unha órbita polar desde a que realizou medicións xeomagnéticas e xeodésicas ademais de diversos experimentos tecnolóxicos. A alimentación eléctrica procedía de catro paneis solares e levaba transmisores que emitían a 136, 162 e 324 MHz. O transmisor a 162 MHz fallou o 19 de marzo de 1964.[1][5]
Despois de agosto de 1969 o satélite recolleu datos só esporadicamente. Os últimos datos foron recollidos en novembro de 1974.[1][3]
Instrumentos
editarTransit 5E1 levaba a bordo os seguintes instrumentos e experimentos:[1]
- Tres detectores omnidireccionais de partículas para medi-la intensidade combinada de electróns e protóns.[1][6]
- Un espectrómetro de electróns composto por cinco detectores para medi-la intensidade direccional de electróns con enerxías maiores de 0,28, 1,2, 2,4 e 3,6 MeV. O instrumento orientábase co seu eixo na dirección normal á do campo magnético terrestre.[1][6]
- Dous espectrómetros de protóns, cada un con dous sensores e tres niveis de discriminación electrónica en diferentes combinacións para medi-la intensidade direccional dos protóns en rangos de enerxías de 1,2 a 2,2 MeV, 2,2 a 8,5 MeV, 8,5 a 25 MeV e 25 a 100 MeV. Un dos espectrómetros orientábase co seu eixo na dirección normal á do campo magnético terrestre e o outro na dirección paralela á do campo.[6]
- Un experimento de células solares.[1]
- Un experimento de recobremento térmico.[1]
- Un experimento de fiabilidade de circuítos con transistores.[1]
- Un detector solar de actitude nos tres eixos.[1]
- Un magnetómetro triaxial de porta de fluxo que tomaba medicións 2,4 veces por minuto, principalmente para determina-la actitude do satélite e mantelo controlado.[1][7]
O investigador principal dos instrumentos de partículas (detectores e espectrómetros) foi o doutor Carl O. Bostrom e o do magnetómetro triaxial foi o doutor Alfred J. Zmuda.[6][7]
Resultados
editarTransit 5E1 continuou facendo medicións tras cumprir tódolos seus obxectivos. As medicións estendidas permitiron medir o decaemento dun cinto de radiación artificial, medi-las variacións, tempos de vida e tempos de resposta á actividade magnética dos electróns da zona exterior do cinto de radiación, comproba-la distorsión dos cintos de radiación entre a zona diúrna e a nocturna, medi-la perda de partículas sobre a anomalía do Atlántico sur, descubrir un ciclo de 27 días (igual ó período de rotación do Sol) na intensidade dos electróns atrapados na zona exterior, caracteriza-lo comportamento dos electróns da zona exterior durante os momentos de actividade magnética e estuda-los efectos dun evento solar de emisión de protóns enerxéticos ó longo da magnetosfera,[1] así como axudar a crear o modelo informático AP-8 do fluxo estable de protóns atrapados con rangos de enerxía entre 0,1 e 400 MeV.[8]
Os experimentos solares contribuíron á comprensión da variación solar a longo e curto prazo e permitiron desenvolver unha protección mellorada para as células solares no espazo. As medicións do magnetómetro permitiron detectar unha das compoñentes das ondas hidromagnéticas transversais, mostrando que estas ondas aparecen sobre todo nas rexións aurorais con valores de entre 25 e 400 nT, representando sobre o 1% do valor do campo magnético total á altura do satélite. En total, Transit 5E1 detectou ata 100 ondas hidromagnéticas.[1]
Notas
editar- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 1,17 Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Transit-5E 1" (en inglés). Consultado o 20 de febreiro de 2012.
- ↑ N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "RADIATION SAT (5E 1)" (en inglés). Consultado o 20 de febreiro de 2012.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 NASA (4 de novembro de 2011). "1963-038C" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2012. Consultado o 20 de febreiro de 2012.
- ↑ "Letter dated 20 December 1963 from the Permanent Representative of the United States of America addressed to the Secretary-General" (PDF) (63-30455). 31 de decembro de 1963: 2. Consultado o 29 de abril de 2021.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Mark Wade (2011). "APL" (en inglés). Consultado o 20 de febreiro de 2012.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 NASA (4 de novembro de 2011). "Energetic Electron and Proton Detectors" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2014. Consultado o 22 de febreiro de 2012.
- ↑ 7,0 7,1 NASA (4 de novembro de 2011). "Fluxgate Magnetometer" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2014. Consultado o 22 de febreiro de 2012.
- ↑ "AP-8 Trapped Proton Environment for Solar Maximum and Solar Minimum" (PDF). National Space Science Data Center / World Data Center A For Rockets and Satellites: 180. 1976. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de outubro de 2011. Consultado o 22 de febreiro de 2012.