Trasmallo
Un trasmallo, ou tramallo,[1] é unha arte de pesca constituída por tres panos de rede colocados superpostos.
Etimoloxía
editarA palabra trasmallo procede do latín *trimacŭlum, de tris, tres, e macŭla, malla.[2]
Descrición
editarOs dous exteriores teñen a mesma luz de malla,[3] e o central é máis tupido e de maiores dimensións. Desta maneira, ao montarse os tres conxuntamente sobre as relingas,[4] fórmanse bolsas no pano central, nas que quedan atrapados os peixes («enmallan»). Nos extremos de cada unha das pezas existen os correspondentes matafións,[5] que serven para engarzar unhas pezas ás outras.
É unha arte tipicamente de fondo. As pezas exteriores son duns 60 m e a central duns 100 m, sendo a altura duns 2 m, a central, aínda que poden montarse trasmallos de maior altura, até uns 8 m. A malla central, máis tupida, ten unha luz duns 20 a 30 mm, sendo de 15 a 20 cm nos laterais. Antigamente tecíanse os trasmallos con algodón, pero actualmente son de nailon, ao igual que as relingas. Móntanse de 60 a 70 flotadores por peza, e chumbos de 6 a 7 kg por peza.
A montaxe é delicada: colócanse primeiro as pezas externas perfectamente superpostas e logo a peza central repartida uniformemente para que as bolsas que se formen sexan regulares en toda a rede. Despois colócanse os tres panos conxuntamente sobre as relingas.
O tamaño das bolsas depende da captura que se pretenda realizar e do fondo mariño; usarnse bolsas pequenas en fondos sucios e ásperos e bolsas grandes en fondos limpos. Os trasmallos cálanse en moitas ocasións cerca da costa, sempre sobre o fondo, á noitiña para levantalos ao abrente do día. Adoitan dispoñerse en liña ondulada, formando un semicírculo ou un círculo completo. Na parte terminal do calamento dispóñense os correspondentes gallos de sinalización e unha grosa pedra ou unha áncora para fixar a arte ao fondo.
Usos
editarAínda que xeralmente é unha arte de tipo artesanal, algunhas grandes pescarías como as do salmón atlántico (Salmo salar) do Pacífico norte, realizadas por grandes barcos rusos e xaponeses, empregan grandes series de trasmallos.
A pesca con trasmallo baséase en que os peixes nos seus desprazamentos non perciben a rede, co que ao tropezar con ela empuxan o pano tupido formando bolsas das que xa non poden saír. Co trasmallo péscanse diversas especies demersais (de fondo), tanto peixes como os espáridos (ollomol, dourada, sargo etc.) os salmonetes (Mullus surmuletus e M. barbatus) e a robaliza, como crustáceos, como os lagostinos.[6]
Dependendo da especie que se pretende capturar, o trasmallo pode presentar lixeiras variacións que, en ocasións, dan lugar a nomes particulares. Por exemplo, no Baixo Miño, cerca do mar, as lampreas péscanse con trasmallos, chamados "miños" ou "lampreeiras", redes de deriva que miden uns 115 m de lonxitude e 2,5 m de altura.[7]
Tanto en España como entre outras grandes pescarías internacionais é a arte de maior uso entre as artes costeiras artesanais.
Notas
editar- ↑ trasmallo no dicionario da RAG.
- ↑ trasmallo Arquivado 23 de decembro de 2016 en Wayback Machine. en Lexicoon.
- ↑ malla, 1ª acep. no dicionario da RAG.
- ↑ relinga, 2ª acep., no dicionario da RAG.
- ↑ matafión no dicionario da RAG.
- ↑ Trammel nets en FAO.
- ↑ Festa da Lamprea en Arbo Arquivado 11 de xullo de 2017 en Wayback Machine. en Aldeas e vilas galegas. Pesqueiras do Miño (en castelán).
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- trasmallo no Dicionario galego de construción naval.
- Ana Isabel Boullón Agrelo, Henrique Monteagudo Romero e Xermán García Cancela (2000): TRASMALLO no Diccionario normativo galego-castelán, 4ª ed. Vigo: Editorial Galaxia, S. A. ISBN 84-7154-641-8.
- Miguel Fariña Castro: Trasmallo, en Artes e aparellos de pesca empregados en Galicia, pp. 31–32.
- Goberno de España. Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente. Secretaría General de Pesca. Trasmallos en Rederas: un oficio desconocido, pp. 17–20 (en castelán).
- Trammel nets en FAO. Fisheries and Aquaculture Department (en inglés).