Tomografía
A tomografía (τομος: sección e γραφειν: escribir) é facer imaxes de seccións ou seccionamentos. O aparello utilizado na tomografía é o tomógrafo, mentres que a imaxe producida é un tomograma. Este método emprégase en medicina, arqueoloxía, bioloxía, xeofísica, ciencia dos materiais e outras ciencias. Na maioría dos casos baséase nun procedemento matemático chamado reconstrución tomográfica. Hai varios tipos de tomografía. Unha tomografía de varias seccións corporais chámase politomografía.
Descrición
editarTomando como exemplo a tomografía convencional de raios X, o persoal fai unha imaxe seccionada do corpo movendo a fonte de raios X e o papel fotográfico en direccións opostas durante a exposición. As estruturas situadas no plano focal aparecen máis definidas, mentres que outras estruturas aparecen difusas. Modificando a dirección e extensión do movemento, os operarios poden seleccionar diferentes planos focais que conteñan estruturas de interese. Antes da chegada das técnicas modernas asistidas por computador, esta técnica amosouse útil na redución de sobreimpresións de estruturas nas radiografías de proxección (sombras).
Tomografía moderna
editarAs variantes máis modernas da tomografía implican a recolleita de datos de múltiples direccións, e a inserción destes datos en algoritmos de software de reconstrución tomográfica procesados por computador. Poden utilizarse diferentes tipos de adquisición de sinais con algoritmos de cálculo similares para crear a imaxe tomográfica. En tecnoloxía do 2005, os tomogramas calcúlanse utilizando diferentes fenómenos físicos, incluíndo raios X, raios gamma, aniquilación de positróns e electróns, resonancia magnética nuclear, ultrasóns, electróns e ións. Así obtéñense os TACs, SPECT, PETs, MRI, ultrasonografía, TEM, e tomogramas de proba atómica, respectivamente.
Algúns avances máis recentes empregan simultaneamente varios fenómenos físicos e intégranos, por exemplo raios X tanto para un TAC e unha anxiografía, combinacións de TAC/MRI e TAC/PET.
O termo imaxes en volume pode que inclúa estas tecnoloxías máis axeitadamente que tomografía. Aínda así, na meirande parte das rutinas clínicas, o persoal traballa con imaxes 2D secuenciais. Conforme aumente o número de decisións clínicas baseadas en técnicas de visualización de volumes, os termos tomografía/tomograma poderían irse perdendo.
Existen varios tipos de algoritmos de reconstrución. A meirande parte poden entrar en dúas categorías: proxección filtrada (FBP) e reconstrución repetitiva (IR). Estes procedementos dan resultados inexactos, xa que representan un compromiso entre a precisión e o tempo de computación requirido. A FBP require menos computación, mentres que a IR produce menos artefactos (erros na reconstrución) pero cun custo computacional máis elevado.
Microscopio sincrotrón tomográfico de raios X
editarUnha técnica recente chamada Microscopio sincrotrón tomográfico de raios X (SRXTM) permite un escaneo en detalle e tridimensional, utilizado no estudo de fósiles.
Tipos de tomografía
editar- Proba atómica (APT)
- tomografía computadorizada (CT ou TAC)
- Microscopia láser confocal (LSCM)
- Tomografía crioelectrónica (Cryo-ET)
- Tomografía de capacitancia eléctrica (ECT)
- Tomografía de resistencia eléctrica (ERT)
- Tomografía de impedancia eléctrica (EIT)
- Imaxe funcional por resonancia magnética (fMRI)
- Tomografía de indución magnética (MIT)
- Imaxe de resonancia magnética (MRI), coñecida tamén como resonancia magnética ou resonancia nuclear magnética.
- Tomografía de neutróns
- Tomografía de coherencia óptica (OCT)
- Tomografía de proxección óptica (OPT)
- Tomografía de procesos (PT)
- Tomografía de emisión de positróns (PET)
- Tomografía cuántica
- tomografía computadorizada de emisión de fotóns (SPECT)
- Tomografía sísmica
- Tomografía óptica asistida por ultrasóns (UAOT)
- Tomografía de transmisión ultrasóns
- Tomografía de raios X
- Tomografía fotoacústica (PAT), tamén coñecida como tomografía optoacústica (OAT) ou termoacústica (TAT)