Meteorito de ferro
Os meteoritos de ferro, tamén coñecidos como sideritos, ou meteoritos férreos, son un tipo de meteorito que consiste maioritariamente dunha amálgama de níquel e ferro coñecido como ferro meteórico que normalmente consta de dúas fases minerais: kamacita e taenita. A maioría de meteoritos de ferro orixínanse de núcleos de planetesimais,[1] coa excepción do grupo dos meteoritos de ferro IIE.
O ferro atopado nos meteoritos de ferro foi unha das primeiras fontes de ferro útil dispoñible para os humanos, grazas á maleabilidade e dúctilidade do ferro meteórico, antes do desenvolvemento da fundición que indica o comezo da Idade de Ferro.
Ocorrencia
editarAínda que son bastante raros comparados cos meteoritos pétreos, comprendendo só o 5.7% das caídas presenciadas, os meteoritos de ferro foron fortemente representados historicamente en coleccións de meteoritos. Isto débese a varios factores:
- Son doadamente recoñecidos polas súas características pouco usuais incluso polos laicos, ao contrario que os meteoritos pétreos. Hoxe en día as pescudas de meteoritos de ferro na Antártida e en desertos son moito máis representativas en xeral.
- Son moito máis resistentes a axentes climáticos.
- Teñen moitas máis posibilidades de sobrevivir á entrada na Terra, despois de pasar a través da atmosfera.
- Poden atoparse incluso cando están enterrados grazas a equipos de detección metálica.
Grazas a que están feitos maioritariamente de ferro e níquel son bastante máis densos, polo que o 90% da masa en meteoritos pertence aos meteoritos deste tipo.
Orixe
editarOs meteoritos de ferro relacionáronse con asteroides de tipo M porque ambos teñen características espectrais similares no visible e no infravermello próximo. Pénsase que os meteoritos de ferro son os fragmentos dos núcleos de asteroides antigos máis grandes que foron esnaquizados polos impactos. A calor liberada pola desintegración radioactiva dos nucleidos de curta duración isótopos do alumino e o níquel considérase como unha causa plausible para o derretemento e diferenciación dos seus corpos no inicio do sistema solar. A fusión producida pola calor dos impactos é outra causa de fusión e diferenciación. Os meteoritos de ferro IIE poden ser unha notable excepción, xa que probablemente se orixinen na codia dos asteroides tipo S 6 Hebe.
A análise química e de isótopos indica que estaban implicados polo menos uns 50 corpos parentais distintos. Isto significa que houbo polo menos nalgún momento numerosos asteroides grandes e diferenciados no cinto de asteroides, moitos máis que hoxe.
Composición
editarA maior parte destes meteoritos está formada polas aliaxes de ferro e níquel kamacita e taenita. Os minerais menores, cando se producen, adoitan formar nódulos redondeados de troilita ou grafito, rodeados de schreibersita e cohenita. A schreibersita e a troilita tamén aparecen como inclusións en forma de placa, que aparecen nas superficies cortadas como láminas de cm de longo e mm de grosor. As placas de troilita chámanse lamelas de Reichenbach.
A composición química básase nos elementos Fe, Ni e Co, que constitúen máis do 95% dela. O níquel está sempre presente; a concentración é case sempre superior ao 5% e pode chegar ao 25%. Unha porcentaxe importante de níquel pódese utilizar no campo para distinguir ferros meteóricos dos produtos de ferro feitos polo home, que normalmente conteñen cantidades máis baixas de Ni, pero non é suficiente para probar a orixe meteorítica.
Uso
editarOs meteoritos de ferro usáronse historicamente polo seu ferro meteórico, que foi forxado en obxectos culturais, ferramentas ou armas. Coa chegada da fundición e o inicio da Idade de Ferro a importancia dos meteoritos de ferro como recurso diminuíu, polo menos naquelas culturas que desenvolveron esas técnicas. No Antigo Exipto e noutras civilizacións anteriores á Idade de Ferro, o ferro era tan valioso como o ouro, xa que ambos procedían de meteoritos, por exemplo a Daga de ferro meteórico de Tutankamón. Os inuit utilizaron o meteorito de Cabo York durante moito máis tempo. Os propios meteoritos de ferro usáronse ás veces como obxectos de colección ou mesmo símbolos relixiosos (por exemplo, Clackamas adorando o meteorito de Willamette). Hoxe os meteoritos de ferro son obxectos coleccionables apreciados para institucións académicas e particulares. Algúns son tamén atractivos turísticos como no caso do meteorito de Hoba.