Saruman (do inglés antigo særu man, "home hábil") é un personaxe creado por J. R. R. Tolkien que fai a súa aparición na novela O Señor dos Aneis. Saruman era un dos cinco Istari (Maiar convertidos en Magos) que chegaron ós Portos Grises desde Valinor cando transcorreran mil anos da Terceira Idade. Tamén era coñecido polos elfos como Curunír ("home de hábiles recursos"). Seica o seu nome de Maia era Curúmo.

Saruman
Personaxe de O Señor dos Aneis

Saruman ten como estandarte e insignia unha man branca sobre fondo negro.
Creador(es) J. R. R. Tolkien
Interpretado por Christopher Lee
Información
Raza Maia
Sexo Masculino
Ocupación Mago

Durante séculos tivo como propósito destruír a Sauron, o Señor Escuro, sendo elixido xefe do Consello Branco, pero pouco a pouco, ó estudar a historia e a ciencia dos Aneis de Poder, empezou a desexar o poder para si mesmo. Durante o tempo da Segunda Liñaxe dos reis de Rohan converteuse en suposto aliado e amigo deste pobo, e eles aceptárono compracidos. Máis adiante o Administrador rexente de Gondor entregoulle a chave da torre de Orthanc en Isengarda, que sería o seu lugar de residencia. Logo de que o Consello Branco finalmente expulsara a Sauron do Bosque Escuro, Saruman decidiu non oír máis consello que o seu, e retirouse a Isengarda, fortificándoa e converténdoa en segredo nun lugar dedicado ó mal. Conseguiu infiltrarse na corte do rei Théoden de Rohan por intermedio do conselleiro Gríma Lingua de Verme, e Théoden foi vítima durante moitos anos do feitizo do Mago, que o mantiña como un vello débil.

Durante a Guerra do Anel soubo polas accións de Gandalf que o Anel Único se atopaba na Comarca e non tardou en ter espías alí. Tratou de convencer a Gandalf para unirse xuntos e substituír a Sauron e facerse co poder supremo na Terra Media, pero ó non aceptar Gandalf, pechouno en Orthanc. Logo, mandou capturar ós Hobbits da Irmandade do Anel, sabendo que un deles portaba o Anel. Así foron capturados Merri e Pipin. Posterirmente, dirixiu un ataque de Orcos e Dunlendinos contra os Rohirrim, desatando así a Batalla de Cornoburgo.

Pero Isengarda foi destruída polos ents e os cuornos do Bosque de Fangorn, e o seu exército foi aniquilado no Abismo de Helmo, tamén coa axuda dos cuornos. Logo, Gandalf e os demais señores vitoriosos foron a Isengarda a parlamentar. Saruman aínda intentou danalos co feitizo da súa voz, pero non o logrou. Entón, Gandalf botouno da Orde dos Istari e do Consello, e confioulle a Bárbore a súa vixilancia.

Porén, Bárbore foi dalgún modo dominado polos argumentos do Mago, e finalmente deixouno libre. Derrotado e cheo de odio, Saruman intentou buscar vinganza na Comarca, dominándoa por medio de homes malvados que oprimían ós Hobbits. Pero foi vencido polos hobbits guiados por Frodo, Sam, Merri e Pipin. Finalmente, no outeiro de Vila Bulsa, el e o seu servente Gríma Lingua de Verme son obrigados a fuxir da Comarca. Pero Gríma de súpeto reacciona ante anos de abusos e malos tratos e, tolo de ira, apuñala a Saruman. Entón intenta fuxir, pero as frechas dos Hobbits alcánzano.

O espírito de Saruman elévase no aire e é visto polos Hobbits. Vólvese ó Oeste, de onde viñera orixinalmente, pero desde alí sopra un vento que o dobrega e difumina. Mentres, o cadáver corrómpese e podrece rapidamente, quedando só os ósos.

Na Película

editar

Na versión estendida da película O Regreso do Rei morre ó principio, no parlamento con Gandalf, apuñalado por Gríma Lingua de Verme, a quen á súa vez mata Legolas. O cadáver cae da torre de Orthanc e queda empalado nunha das súas máquinas, que á súa vez xira e o afunde na inundada Isengarda, caendo o seu Palantír á auga. Entón é cando Pipin o colle. Gríma mátao porque Théoden lle dá a liberdade, pero Saruman denégalla e agrédeo; entón apuñálao nas costas. O cadáver do conselleiro rohirrim queda na cúspide da Torre do Mago.

Na triloxía de películas de Peter Jackson sobre O Señor dos Aneis, Saruman foi interpretado polo actor británico Christopher Lee.

Zarquino é o nome que dan os Uruk-hai e os habitantes de Isengarda a Saruman. Durante a súa estadía na Comarca todos se refiren ó Mago así. Probablemente teña a súa orixe na palabra sharku, que na lingua dos orcos significa "ancián".