Río dos Gafos

curso fluvial en Galicia

O río dos Gafos é un curso fluvial galego, de 10,83 km de longo, que desemboca na ría de Pontevedra. Transcorre en boa parte paralelo á vía portuguesa do Camiño de Santiago. Agás nos seus últimos 600 metros, ten unha orientación sur-norte, cousa estraña nun río das Rías Baixas.

Río dos Gafos
Río dos Gafos cerca do barrio pontevedrés de Campolongo
PaísGalicia Galicia
NacementoMato da Xestiña Vilaboa
Lonxitude10,83 km
DesembocaduraRía de Pontevedra

Toponimia

editar

A súa denominación varía polos lugares que atravesa. É coñecido como Cocho, Regheiro, Das Veighas da porta e Da Estación en Figueirido; Toxal en Bértola, Tomeza en Tomeza e Salcedo e Menexo, Estación, Palamios, Da Goleta, Da Taboada e Dos Gafos en Pontevedra. O seu nome provén da existencia en Pontevedra dun hospital de leprosos xunto ó desaparecido templo da Virxe do Camiño, chegando os seus xardíns ata a beira do río.

Nace no Mato da Xestiña, lugar da Boullosa (Figueirido, Vilaboa), e desemboca no barrio pontevedrés das Corvaceiras. Os seus afluentes son pola esquerda o rego de Antiguidá, río Miñoto ou Filgueira e Ponte Bala; pola dereita, os ríos de Bois, O Barco, Pombal e Pintos.

Características

editar
 
Ponte da Condesa, entre Tomeza e Salcedo.
 
Río dos Gafos desbordado pola chuvia no barrio do Gorgullón.

O seu caudal está marcado pola pluviosidade das estacións do ano. Se ben en outono e inverno adoita ir cargado, no verán leva menos auga, en parte tamén polo uso excesivo das súas augas para o rego de leiras e predios, ben con canles, ben mediante bombeo.

O seu leito adoita transcorrer á beira de asentamentos humanos, polo que as súas marxes se ven acotío alteradas pola agricultura, as obras públicas e as infraestruturas. Estes cambios implican danos, ás veces irreparables, e o río sofre un grande impacto de fertilizantes, pesticidas e herbicidas que afectan á biodiversidade. A pesar destes impactos e da súa proximidade a importantes núcleos de poboación, o río mantén un importante valor ecolóxico; destacando a presenza de lontras como bioindicador do actual bo estado das augas.[1]

Biodiversidade

editar

No biotipo das áreas naturais, na primeira parte do seu percorrido, o río transcorre por zonas de sotobosque con fentos, liques, brións, silveiras, xilbarbeiras e mesmo lúpulo, con plantas e arbustos como estripos, abruñeiros, e loureiros.

Nos seus bosques de ribeira hai bastante diversidade, podendo dividirse estes en tres categorías:

  • Brañas: Teñen un alto grao de humidade e a capa superficial do solo asolagada. Destacan os salgueiros e os amieiros.
  • Fragas: O bosque tradicional galego, mesturando diferentes especies de árbores. Hai bastantes carballos, algúns deles de tamaño e altura extraordinarios, xunto con freixos, bidueiros, chopos ou amieiros.
  • Soutos: bosques monoespecíficos (dunha soa especie) de castiñeiros plantados polo ser humano para a obtención de madeira e/ou castañas.

Patrimonio

editar

O río xa aparece mencionado no libro Viaxe a Galicia do Padre Sarmiento (1745). Tamén aparece, xunto cos seus afluentes, na Carta xeométrica de Galicia de Domingo Fontán (1845), e no mapa da provincia de Pontevedra de Francisco Coello (1856). O Padre Amado Carballo conta en 1762 que as árbores do seu paseo eran plantadas polos frades do Convento Dominico.

Ten un total de 16 pontes, e ata mediados do século XX funcionaron lavadoiros e muíños. Desde a década dos 60, no barrio pontevedrés de Campolongo flúe por un treito soterrado de canalización durante 525 metros.

Unha das súas pontes, a ponte do Couto, sita nas proximidades da estación de autobuses de Pontevedra, foi considerada durante moito que orixinara xunto coa Ponte do Burgo (sobre o río Lérez) a denominación de Ad Duos Pontes, nome da vila romana que se cría xermolo da cidade de Pontevedra. Porén, na actualidade esta teoría está desbotada.[2]

Dado que ata o século XX non houbo auga corrente nas casas (a primeira foi o Palacete dos Mendoza no 1897), as súas augas foron utilizadas como lavadoiros públicos, sendo moi concorridos xa que estaba prohibido lavar no curso do Lérez. Con posterioridade estes lavadoiros terían maiores comodidades, contando incluso con luz eléctrica.

O río foi abandonado á maleza e as súas beiras aparecían nos últimos anos cheas de residuos. Pero coa chegada do século XXI naceu o colectivo Vaipolorío, creado por un grupo de veciños. Se ben a súa actividade inicial era basicamente limpar o río, posteriormente comezaron outras como a creación dunha ruta, obradoiros medioambientais, catalogación de flora e fauna e a recuperación da toponimia.
Estas actividades foron recoñecidas cos premio Cidade de Pontevedra no ano 2001, outorgado polo Concello de Pontevedra, no apartado de institucións, pola defensa do medio ambiente natural, e o Premio Amigos de Pontevedra, outorgado no 2004 pola Asociación Amigos de Pontevedra, tamén no apartado de institucións, polo traballo de recuperación do río dos Gafos.

No ano 2007, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, o Concello acondicionou as marxes do río no treito urbano, con paseos e pasarelas de madeira.

Lendas

editar

Cóntase que no río hai un lugar chamado Poza da Moura, onde vivía unha fermosa moura. Un día presentouse ante un labrego que apacentaba a súa vaca e díxolle que esta estaba preñada, e que ía ter un becerro e unha becerra. Como mostra de agradecemento pola boa nova que acababa de darlle, pídelle que cando teña lugar o parto, que bote a xovenca no pozo.

En efecto, pasado o tempo, a vaca pare pero o home acorda vender a xovenca na feira, coa que esperaba maior ganancia, e botar ó macho no pozo. Ó facelo, o río revolveuse e apareceu a moura sentada nunha pedra da beira, cunha grade de madeira. Recrominoulle ó home o seu comportamento e díxolle que, se cumprira o que ela lle dixo, agora tería unha grade de ouro.

Noutra versión desta lenda, a moura botou man do home e arrastrouno ó fondo do río co seu carro e cos bois que turraban del.

Cóntase tamén que no río dos Gafos, en Figueirido, vive un trasno que, o día de Aninovo achégase a algunha persoa e asubíalle na orella (de aí que tamén o chamen demo asubiador). Como consecuencia, esa persoa pasará todo o ano escoitando asubíos e sen saber de onde poden vir. Menos mal que no seguinte Aninovo o trasno buscará outra persoa a quen asubiar e aquel quedará libre do encanto.

Máis grave é a presenza nas beiras do río, ó seu paso por Salcedo, do Rachador, un personaxe que actúa como un lobishome, violando e matando mulleres. Ata agora, ninguén puido descubrilo e, por tanto, os seus crimes continúan sen castigo.

  1. "Lontras no río dos Gafos". La Voz de Galicia. 7 de outubro de 2007. 
  2. "Unha ponte con moita historia, sepultado baixo un poboado". La Voz de Galicia. 8 de abril de 2008. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Silva-Pando, F. J.; Castro González, A. (2015). Flora do Río dos Gafos. Concello de Pontevedra. 
  • Solla Varela, C. (2009). Andar primeiro de río. Inmateriais do río dos Gafos. Concello de Pontevedra. 
  • Solla Varela, C. (2014). O río da memoria. Cartafol do río dos Gafos (1745-1970). Morgante. 
  • Vaqueiro, V. (2011). Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Galaxia. pp. 222–223. 

Outros artigos

editar