Queens
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
O condado de Queens (en inglésː Queens County), a miúdo referido simplemente como Queens, é un distrito metropolitano (borough), o máis grande dos cinco que compoñen a cidade de Nova York, nos Estados Unidos de América. O territorio do borough é coextensivo co do condado de Queens, aínda que dende a formación da cidade do Gran Nova York (hoxe, Nova York), en 1898, as divisións inferiores ao do municipio neoiorquino quedaron sen poder real de facto. A cabeceira de condado está na veciñanza de Xamaica.
Epónimo | Catarina de Braganza | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Estado | Estados Unidos de América | ||||
Estado federado | Nova York | ||||
Cidade | Nova York | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 2.405.464 (2020) (5.217,93 hab./km²) | ||||
Número de fogares | 783.362 (2020) | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 461 km² | ||||
Bañado por | Rio East (pt) , Long Island Sound, Jamaica Bay (pt) , Océano Atlántico e Newtown Creek (en) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Creación | 1683 | ||||
Organización política | |||||
• Xefe do goberno | Melinda Katz (pt) (2014–2020) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 110-- | ||||
Fuso horario | |||||
Prefixo telefónico | 718, 347 e 917 | ||||
Sitio web | queensbp.org | ||||
Introdución
editarO distrito de Queens é o condado etnicamente máis diverso nos Estados Unidos. Segundo a Revisión da Comunidade Americana (revisión anual do censo) de 2005, da Oficina do Censo dos Estados Unidos, os inmigrantes totalizan o 47,6% dos seus residentes. Estímase que para o ano 2010, a maioría da súa poboación será nacida no estranxeiro. Cunha poboación de 2,2 millóns de habitantes, é o segundo distrito máis poboado na cidade de Nova York (detrás de Brooklyn) e o décimo condado máis poboado nos Estados Unidos. A cifra de 2,2 millóns é o máximo histórico de poboación nunca alcanzado no distrito.
En Queens están situados os dous aeroportos da cidade (John F. Kennedy e LaGuardia), é sede do equipo de béisbol dos Mets, que xoga no Estadio Shea, así como do Centro Nacional de Tenis dos Estados Unidos, os estudos Silvercup e o parque Flushing Meadows-Corona.
Queens foi formado en 1683, como un dos 12 condados orixinais do Estado de Nova York e foi chamado así en honra da raíña consorte, Catarina de Bragança, esposa de Carlos II. Queens é a miúdo considerado como un dos máis periféricos, de entre os distritos de Nova York. As veciñanzas orientais teñen o aspecto e semellanza dos suburbios da parte occidental do condado de Nassau. Porén, nas seccións occidental e central, Queens acolle moitas veciñanzas urbanas e varios distritos de negocios. En Long Island City, na ribeira de Queens xusto enfronte de Manhattan, está situado o edificio Citicorp, o rañaceos máis alto de Nova York, entre os situados fóra de Manhattan. É tamén o edificio máis alto de Long Island.
Historia
editarA colonización europea trouxo tanto conquistadores holandeses como ingleses, como parte da colonia de Nova Holanda. Os primeiros asentamentos establecéronse en 1635, con colonias en Maspeth en 1642 e Vlissingen (hoxe, Flushing) en 1643. Outros asentamentos iniciais foron Newtown (hoxe Elmhurst) e Xamaica. De todos os xeitos, estas cidades estaban habitadas por colonizadores ingleses de Nova Inglaterra, chegados da parte oriental de Long Island (o condado de Suffolk) e estaban suxeitos á lei holandesa. Logo da captura da colonia por parte dos ingleses e ser rebautizada como Nova York, en 1664, a área (e todo Long Island) empezou a ser coñecida como Yorkshire.
O condado de Queens foi orixinalmente nomeado así en honra de Catarina de Bragança, a esposa portuguesa do rei Carlos II de Inglaterra. Orixinalmente, o condado incluía a área adxacente do que agora é o condado de Nassau. Foi un condado orixinal do Estado de Nova York, un dos doce creados en 1683. En 1870, o condado de Queens estaba formado por seis cidades: Newtown, Flushing, Xamaica, North Hempstead, Hempstead e Oyster Bay. Ese ano, creouse a cidade de Long Island, consistente no que era o pobo de Astoria e algunhas áreas non incorporadas da cidade de Newtown.
Como resultado dun referendo, a cidade de Long Island, Newtown, Flushing, Xamaica e a península de Rockaway convertéronse o distrito metropolitano de Queens, integrándose na cidade de Nova York, o 1 de xaneiro de 1898. As partes do condado de Queens que non se integraron en Nova York, as cidades de North Hempstead e Oyster Bay e toda a cidade de Hempstead, salvo a península de Rockaway, constituíronse no condado de Nassau, en 1899.
Queens desenvolveu un papel secundario na revolución estadounidense, en comparación con Brooklyn, onde gran parte da batalla de Long Island librouse. Queens, como o resto de Long Island, caeu baixo o dominio inglés, logo da batalla de Long Island, en agosto de 1776 e permaneceu ocupada durante practicamente o resto da guerra. Baixo a Lei de Aloxamento, os soldados británicos usaban as vivendas privadas dos residentes de Queens como refuxio durante a guerra, en contra do sentimento da maioría da xente local. O aloxamento de soldados en fogares privados foi prohibido pola Terceira Emenda á Constitución dos Estados Unidos de América, en gran parte debido a isto. Nathan Hale foi capturado polos británicos en Queens, antes de ser executado en Manhattan.
O distrito experimentou un gran salto de poboación na década de 1920, crecendo desde 469.042 habitantes en 1920, ata 1.079.129 en 1930, coincidindo co crecemento no uso do automóbil e a construción das liñas elevadas do IRT (Interborough Rapid Transit) a Astoria e Flushing.
Xeografía
editarO condado de Queens é xeograficamente a parte occidental de Long Island e inclúe unhas poucas illas menores, a maior parte das cales sitúanse na baía de Xamaica e forman parte da área Recreativa Nacional de Gateway. A península de Rockaway está asentada entre a baía de Xamaica e o océano Atlántico.
A árbore máis alta na área metropolitana de Nova York, chamado o Xigante de Queens, é tamén a forma vivente máis antiga na área metropolitana. Está localizado na parte nororiental do condado, ten 450 anos de antigüidade e 40,23 metros de altura, en 2005.
De acordo coa Oficina do Censo dos Estados Unidos, o condado ten unha superficie total de 461,7 km², delas, 282,9 km² están situados en terra e 178,8 km² son augas (estas representan o 38,73% da súa superficie).
O condado limita ao norte con Long Island Sound, un brazo do océano Atlántico, que a separa do condado do Bronx; ao sur co condado de Kings (Brooklyn) e co océano Atlántico; ao leste co condado de Nassau; e ao oeste co condado de Kings e co East River, que a separa do condado de Nova York (Manhattan).
Veciñanzas
editarA cidade de Nova York divídese en cinco distritos metropolitanos (boroughs) e estes á súa vez están divididos en veciñanzas ou neighborhoods, cada un deles coa súa identidade e características propias. Algúns destas veciñanzas correspóndense con antigas cidades, que perderon a súa condición de tal coa consolidación da cidade, en 1898.
O Servizo Postal dos Estados Unidos divide o condado de Queens en cinco "cidades" baseándose na existencia destes no momento da consolidación dos cinco distritos na cidade de Nova York: cidade de Long Island, Xamaica, Flushing, Far Rockaway e Floral Park. Estas zonas postais non reflicten necesariamente nomes e límites de veciñanzas reais; por exemplo, "East Elmhurst" foi longamente acuñada polo Servizo Postal e non é unha comunidade oficial. A maioría das veciñanzas non teñen límites sólidos. A modo de exemplo, as veciñanzas de Forest Hills e Rego Park, solápanse.
Os residentes de Queens a miúdo identifícanse máis coa súa veciñanza que co distrito ou coa cidade en si. Normalmente, as direccións postais están escritas coa veciñanza, estado e o código postal en lugar do distrito ou a cidade. O distrito é unha amálgama de ducias de veciñanzas singulares, cada un deles cunha identidade propia. Howard Beach, Woodhaven e Middle Village acollen gran número de residentes italo-americanos; Rockaway Beach ten unha gran poboación de orixe irlandesa. Astoria, no noroeste, é tradicionalmente unha das comunidades gregas máis grandes fóra de Grecia e a súa poboación está aumentando con profesionais novos vindos de Manhattan. En Maspeth residen moitos inmigrantes europeos, entre eles, unha numerosa poboación polaca, así como unha gran comunidade hispana.
Long Island City é un importante área comercial e nela está situada o proxecto de vivendas de Queensbridge. Jackson Heights, Elmhurst e Corona son un gran conglomerado de comunidades hispanas e asiáticas. Richmond Hill, no sur, ten a poboación máis grande de sijs fóra da India; Forest Hills e Kew Gardens, na parte central de Queens, tiveron tradicionalmente grandes comunidades xudías (moitas destas comunidades son inmigrantes xudeus de Israel, Irán e a antiga Unión Soviética), mentres que Xamaica acolle grandes comunidades afroamericanas e caribeñas. Hai tamén veciñanzas de clase media con poboación afroamericana, filipina, hispana e caribeña, tales como Saint Albans, Cambria Heights, Queens Village, Springfield Gardens, Woodhaven, Rosedale e Laurelton nas partes oriental e suroriental de Queens. Hai algunhas zonas menos diversas, pero economicamente prósperas, como South Xamaica. Unidas, estas veciñanzas conforman o condado etnicamente máis diverso nos Estados Unidos. Algunhas veciñanzas de Queens, tales como Ozone Park, Bayside, Maspeth, Kew Gardens ou Woodside, teñen unha mestura moi diversa de varias orixes.
Goberno
editarDesde a consolidación de Nova York, en 1898, Queens está gobernado polos Estatutos da Cidade de Nova York (New York City Charter), que dota ao alcalde e aos concelleiros dun gran poder nun esquema altamente centralizado.
Este goberno centralizado é responsable do sistema de educación pública, institucións correccionais, bibliotecas, seguridade pública, dotacións de recreo, sanidade e limpeza pública, subministración de auga potable e servizos sociais en Queens.
A oficina do Presidente de Distrito (Borough President) foi creada coa consolidación dos cinco condados, para equilibrar a balanza destes, respecto do goberno municipal central. Cada presidente de distrito tiña un rol poderoso, que se derivaba do feito de ter un voto no New York City Board of Estimate, o corpo responsable de crear e aprobar os orzamentos municipais e realizar as propostas para a ordenación do territorio. En 1989, o Tribunal Supremo dos Estados Unidos declarou esta Xunta inconstitucional, por darse o feito de que Brooklyn, o condado máis poboado do municipio, non tiña máis voto sobre o terreo que Staten Island, o condado menos poboado da cidade. Isto constitúe unha violación da Cláusula de Protección Igual da Décimo cuarta Emenda da Constitución dos Estados Unidos de América, emitida en 1964, baixo a premisa de un home, un voto.
As competencias do Board of Estimate foron transferidas á Xunta de Concelleiras (City Council, con 51 membros, encargado do poder lexislativo na cidade), aumentando así o poder centralizado no municipio neoiorquino.
Desde 1990, o Presidente de Distrito actúa como defensor dos intereses do condado ante as axencias da alcaldía, as concellarías municipais, o goberno estatal de Nova York e as corporacións. A presidenta do Distrito de Queens é Helen Marshall, elixida polo Partido Demócrata, en 2001 e reelixida en 2005.
Cada un dos cinco condados da cidade (coextensivos con cada un dos borough) ten o seu propio sistema de tribunais e un Fiscal do Distrito (District Attorney ou simplemente D.A., no orixinal inglés), quen é directamente elixido en votación popular. Richard A. Brown, un Demócrata, é o Fiscal do Distrito de Queens, desde 1991.
Queens ten catorce concelleiros, o segundo distrito en número deles (tras Brooklyn, que ten dezaseis). Tamén ten 14 distritos administrativos, cada un deles servido por unha Xunta de Comunidade local (Community Board). Estas Xuntas son os corpos representativos que recollen as queixas cidadás e serven como defensores dos residentes da súa área, ante o Concello.
A cabeceira de condado de Queens, está na veciñanza de Xamaica.
Economía
editarA economía de Queens está baseada no turismo, a industria e o comercio. Queens ten dous dos aeroportos con maior tráfico do mundo, o internacional de John F. Kennedy, localizado en Xamaica e o de LaGuardia, en Flushing. O outro grande aeroporto da rexión está en Newark, Nova Jersey. Os tres están operados pola Autoridade Portuaria de Nova York e de Nova Jersey. O distrito atrae cada vez máis aos estudios cinematográficos (o que significa o retorno dunha industria que abandonou o distrito unhas décadas antes). Destacan os estudos Kaufman, en Astoria, e os estudos Silvercup na veciñanza de Long Island City, onde se producen un importante número de programas para televisión.
O Museo de Arte de Queens e o Salón da Ciencia de Nova York están situados na parte oriental do distrito, no parque Flushing Meadows (que acolleu as Feiras Mundiais de Nova York en 1939 e 1964 e é sede do torneo de tenis Open dos Estados Unidos). O estadio Shea, sede do equipo de béisbol dos Mets, está xusto ao norte do parque. O parque é así mesmo o terceiro máis grande da cidade de Nova York, con 507,88 hectáreas, 170,78 hectáreas máis grande que Central Park, en Manhattan.
Algunhas grandes compañías teñen a súa sede central corporativa en Queens, entre outras, Bulova, Glacéau e JetBlue.
Long Island City é un imporante centro fabril e comercial. Flushing, na parte centro-norte do distrito, é un nó comercial importante para os negocios chinés americanos e coreano americanos, mentres que Xamaica é un centro importante de negocios e un nó de transportes para o distrito.
Demografía
editarDe acordo co censo de 2000, había 2.229.379 habitantes en Queens, 782.664 vivendas e 537.690 familias residindo no condado. A densidade da poboación era de 7.879,6/km².
A Oficina do Censo estima que a poboación de Queens creceu ata os 2.241.600 habitantes, en 2005.
A configuración racial do condado en 2000 era: brancos, un 44,08% da poboación; afroamericanos, 20,01%; nativos americanos, un 0,50%; asiáticos, un 17,56%; das illas do Pacífico, 0,06%; doutras razas, un 11,68% e de dous ou máis razas, un 6,11%. Os hispanos ou latinos, que poden ser de calquera raza, representan o 24,97% da poboación de Queens.
Os ingresos medios por vivenda no condado eran de 37.439 dólares e o ingreso por familia de 42.608 dólares.
As dez linguas máis faladas en Queens, segundo o Auditor do Estado de Nova York, son, por orde, as seguintes: inglés, español, chinés, coreano, italiano, grego, ruso, tagalo, francés e crioulo do francés.
Cultura
editarQueens foi un epicentro de jazz na década de 1940. Os grandes do jazz, tales como Louis Armstrong, Count Basie e Ella Fitzgerald atoparon refuxio da segregación nas comunidades mixtas do distrito, mentres que unha xeración máis nova — Charlie Parker, Sonny Rollins, Thelonious Monk, Dizzy Gillespie, entre outros — desenvolvían o bebop nos clubs de Harlem.
A parte occidental do distrito estase convertendo nun centro artístico. Entre outros, atópanse aquí o Museo Noguchi, o Parque Escultórico de Sócrates, o Museo para a Arte Africana e o Museo de Cinematografía. O Centro de Arte Contemporánea P.S. 1 na veciñanza de Long Island City é un dos máis grandes e antigos nos Estados Unidos dedicados exclusivamente a arte contemporánea. Ademais das súas exposicións que se renovan periodicamente, a institución organiza as prestixiosas series de Proxectos Nacionais e Internacionais, as series musicais de verán e o programa de Novos Arquitectos, conxuntamente co Museo de Arte Moderna (MOMA).
Entre outras institucións culturais situadas en Queens, atopamos as seguintes:
- Centro de Artes Interpretativas de Xamaica (Xamaica Performing Arts Center)
- Xardín Botánico de Queens (Queens Botanical Garden)
- Museo Americano da Cinematografía (American Museum of the Moving Image)
- Museo Noguchi
- P.S. 1
- Salón da Ciencia de Nova York (New York Hall of Science)
- Teatro no Parque de Queens (Queens Theatre in the Park)
Transporte
editarQueens Boulevard é unha importante vía circulatoria do distrito. Doce rutas do Metro de Nova York atravesan Queens, servindo 81 estacións en sete liñas principais. Unhas cen rutas locais de autobuses moven á poboación dentro dos límites de Queens e outras quince liñas expreso unen Queens e Manhattan. Un sistema de ferrocarril de proximidade, o Long Island Rail Road, opera 20 estacións no distrito, con servizos a Manhattan e o resto de Long Island. A estación de Xamaica é unha intercambiadora de transportes, onde todas as liñas, excepto unha, converxen. É o nó de ferrocarril de proximidade con máis tránsito dos Estados Unidos. As cocheiras de Sunnyside son utilizadas por Amtrak e New Jersey Transit como plataforma para os trens intercity e de proximidade que parten de Penn Station en Manhattan.
Queens ten unha importancia crucial no tráfico aéreo interestatal e internacional. Dous dos tres aeroportos máis importantes de Nova York están localizados aquí. O aeroporto de LaGuardia está no norte de Queens, mentres que o Aeroporto Internacional John F. Kennedy está no sur, nas beiras da baía de Xamaica. O tren lixeiro AirTrain JFK dota dun enlace ferroviario entre o aeroporto e liñas de ferrocarril e metro locais.
O condado está atravesado por tres ramais de autoestradas en sentido leste-oeste. A autoestrada Interestatal 495 (tamén coñecida como The Long Island Expressway) esténdese desde o túnel Queens-Midtown no extremo oeste a través do distrito ata o condado de Nassau no leste. A autoestrada Grand Central Parkway, cuxo extremo occidental está na ponte Triborough (que une os distritos de Bronx, Manhattan e Queens) esténdese en dirección leste ata a fronteira entre Queens e Nassau, onde o seu nome cambia a Northern State Parkway. A autoestrada de circunvalación Belt Parkway iníciase na autoestrada de Gowanus, en Brooklyn, e esténdese cara ao leste dentro de Queens, pasando o hipódromo de Aqueduct e o aeroporto Kennedy. Na parte máis oriental ramifícase en dúas, sendo o Southern State Parkway o que continúa cara ao leste, dentro do condado de Nassau, mentres que o Cross Island Parkway xira en dirección ao norte.
Hai tamén varias autoestradas en sentido norte-sur; entre eles, a autoestrada Brooklyn-Queens (Interestatal 278), a autoestrada Van Wyck (Interestatal 678) e a autoestrada Clearview (Interestatal 295) e a autoestrada Cross Island.
A Interestatal 278, é a única que atravesa os cinco distritos da cidade (pasa pola illa de Randall, que administrativamente forma parte de Manhattan).
As rúas de Queens seguen un sistema parcial de cuadrículas, cun sistema numérico de rúas (similar ao de Manhattan e o Bronx). Practicamente todas as vías orientadas de norte a sur son rúas, mentres que as vías en sentido leste-oeste son avenidas, empezando polo número 1 (as rúas numéranse de menos a máis conforme imos de oeste a leste e as avenidas de norte a sur). Nalgunhas partes do distrito, varias rúas consecutivas comparten número (por exemplo, 72 Street, seguido por 72 Place; ou 52 Avenue, seguida por 52 Road, 52 Drive e 52 Court), o cal causa confusión aos non residentes. Ademais disto, en seccións conflitivas da cuadrícula, debido a vías irregulares por causas xeográficas ou outras circunstancias, leva que se omitan números de rúas (por exemplo, en Ditmars Boulevard, a rúa 70 é seguida pola rúa Hazen, e esta á súa vez, pola rúa 49). Isto é debido ao feito de que todas as rúas de Queens tiñan nomes (palabras) e, posteriormente un sistema numerado sobrepúxose en todo o distrito (copiando o sistema de Manhattan, logo da fusión dos cinco condados). As vías numeradas tenden a ser residenciais, aínda que hai algunhas excepcións notables a esta regra. Algunhas rúas (en especial as vías importantes, tales como Northern Boulevard, Queens Boulevard e Xamaica Avenue) levan nomes no canto de números.
A península de Rockaway non segue o mesmo sistema que o resto de Queens e ten o seu propio sistema de numeración. As rúas están numeradas en orde ascendente en dirección oeste desde cerca do límite con Nassau, e levan como prefixo a palabra "Beach" (praia). As rúas que están o o extremo máis oriental, no entanto, levan case todas nome. Outra excepción á normal é Broad Channel; mantén a progresión norte-sur, pero só usa o sufixo "Road" (estrada), así como os prefixos "West" (Oeste) e "East" (Leste) dependente da situación da vía partindo de Cross Bay Boulevard, a rúa máis importante da veciñanza. Por exemplo, East First Road, está ao leste de Cros Bay Boulevard, en Broad Channel.
Queens está conectado ao Bronx por tres pontes: o Bronx Whitestone, o Throgs Neck e o Triborough (que tamén a conecta con Manhattan). O distrito está conectado con Manhattan por dúas pontes e un túnel: a mencionada ponte Triborough, a ponte Queensboro e o túnel Queens Midtown.
Aínda que a maior parte da fronteira entre Queens e Brooklyn está en terra, a ponte Kosciuszko (Interestatal 278) cruza o regato de Newtown, conectando as veciñanzas de Maspeth, en Queens, co de Greenpoint, en Brooklyn. A ponte de Pulaski, conecta McGuinness Boulevard en Greenpoint á rúa 11 e as avenidas Jackson e Hunters Point, en Long Island City, Queens. A ponte da Avenida Greenpoint conecta as avenidas Greenpoint e Long Island City das veciñanzas do mesmo nome. Ao leste de Queens Boulevard (estrada NY-25), a avenida Greenpoint convértese en Roosevelt Avenue (estrada NY-25A).
A ponte Cross Bay Veterans Memorial conecta a península de Rockaway co resto de Queens.
Actualmente só hai un servizo de ferrys que conecta Queens e Manhattan. New York Water Taxi ofrece este servizo cruzando o East River, desde Hunters Point en Long Island City ata Manhattan ao peirao da rúa 34 e logo cara ao sur ata o peirao 11, en Wall Street. Durante a tempada de béisbol (de abril a setembro ou outubro), os ferrys de NY Waterway operan ata o estadio Shea para os partidos dos Mets, as fins de semana.
Educación
editarA educación en Queens está dotada dun vasto número de institucións públicas e privadas. As escolas públicas no distrito están xestionadas polo Departamento de Educación do Municipio de Nova York, o sistema público educativo máis grande nos Estados Unidos.
LaGuardia Community College, é parte da Universidade da Cidade de Nova York (City University of New York, CUNY, pública), é coñecido como "a comunidade universitaria do mundo", pola diversidade étnica dos estudantes que acolle, posto estes proveñen de 150 países e falan máis de 100 idiomas. Foi nomeado como unha "Institución Nacional de Excelencia" polo Centro de Políticas para o Primeiro Ano Universitario (Policy Center on the First Year of College).
Queensborough Community College, orixinalmente parte da Universidade Estatal de Nova York (State University of New York, SUNY, pública), está situado en Bayside e hoxe en día é parte integrante do CUNY. Prepara aos estudantes para que realicen cursos de posgraduado, principalmente dentro do sistema do CUNY.
Queens College é un dos campus de elite no sistema do CUNY e é a miúdo nomeada como "a xoia do sistema de CUNY". Fundado en 1937 para ofrecer educación en artes liberais aos residentes do distrito. Queens College ten máis de 16.000 estudantes, que inclúe uns 12.000 estudantes de carreiras de ciclo medio e máis de 4.000 de posgraduado. Hai matriculados en Queens College estudantes de máis de 120 países, que falan máis de 66 linguas diferentes. Está situado na veciñanza de Flushing. Na edición de 2006 de "As mellores universidades de Estados Unidos", publicado por The Princeton Review, ocupaba o posto oitavo. Queens College é tamén sede da escola de dereito de CUNY.
York College, do sistema de CUNY, é unha das institucións universitarias líderes en artes liberais, con máis de 40 titulacións, así como licenciaturas e máster combinados en Terapia Ocupacional. Esta universidade destaca polos seus programas en Ciencias da Saúde; é sede da Oficina Rexional Nordés da Administración Federal para os Alimentos e os Medicamentos (Food and Drug Administration).
A Universidade de St. John é unha institución privada da Igrexa Católica, fundada en 1870 pola congregación de San Vicente Paúl. Con máis de 19.000 estudantes, St. John é coñecida polo seu programas médicos, de farmacia, negocios e de dereito, así como polos seus equipos masculinos de baloncesto e de fútbol.
A Biblioteca Pública do Distrito de Queens (The Queens Borough Public Library) o sistema público de bibliotecas para o distrito e un dos tres sistemas que dan servizo á cidade de Nova York. A súa orixe está na fundación da primeira biblioteca de Queens, en Flushing, en 1858, sendo fundado o sistema como tal en 1869; a Biblioteca Pública é un dos sistemas públicos de bibliotecas máis grandes dos Estados Unidos. Independente da Biblioteca Pública de Nova York (New York Public Library), ten 63 sucursais en todo o distrito. No ano fiscal de 2006, a biblioteca alcanzou unha circulación de 20,2 millóns de volumes, marca da biblioteca. É a primeira biblioteca en circulación no Estado de Nova York, desde 1985; é tamén a de maior circulación entre as bibliotecas municipais do país desde 1985 e a de maior circulación entre todas as bibliotecas da nación desde 1987. A biblioteca ten coleccións en moitos idiomas, entre eles, o español, chinés, coreano, ruso, crioulo haitiano, polaco e seis linguas indo-arias, así como pequenas coleccións noutros 19 idiomas.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Queens |
Ligazóns externas
editar- Información da veciñanza de Queens na páxina de NYC & Co., a oficina de turismo de Nova York Arquivado 15 de setembro de 2007 en Wayback Machine. (en inglés)
- "Where's Queens, N.Y.?" (¿Onde está Queens, NY?), artigo publicado no libro "The Curious New Yorker, 329 Fascinating Questions and Surprising Answers About New York City" pp. 309–10, sobre a inexistencia de Queens para o Servizo Postal. Editorial Times Books, Nova York, 1999. ISBN 0-8129-3002-9
- Descrición do LaGuardia Community College (en inglés)
- Historia do York College (en inglés)
- Datos da Biblioteca Pública de Queens, referidos a 2006 (en inglés)
- Páxina Oficial da Oficina do Presidente do Distrito de Queens (en inglés)