Policétido
Os policétidos son metabolitos secundarios de bacterias, fungos, plantas, e animais de estrutura química variada, moitos dos cales son antibióticos. A IUPAC defíneos como compostos naturais que conteñen alternadamente grupos carbonilo e metileno (beta-policetonas) bioxeneticamente derivados de repetidas condensacións de acetil-CoA (vía malonil-CoA) ou derivados deles, tamén chamados ás veces acetoxeninas e cétidos [1].
Os policétidos biosintetízanse normalmente por condensación descarboxilativa do malonil-CoA nun proceso similar á síntese de ácidos graxos (unha condensación de Claisen).[2] As cadeas de policétidos producidas por unha policétido sintase xeralmente sofren ulteriores modificacións nas que se obteñen derivados bioactivos.
Os policétidos teñen unha estrutura moi diversa e variadas actividades biolóxicas e propiedades farmacolóxicas. En xeral, poden dividirse en tres grandes grupos: policétidos tipo I (a miúdo macrólidos producidos por megasíntese multimodular), policétidos tipo II (a miúdo moléculas aromáticas producidas pola acción reiterada de encimas disociados), e policétidos tipo III (a miúdo pequenas moléculas aromáticas producidas por certas especies de fungos).
Moitos policétidos teñen un uso comercial como antibióticos, antifúnxicos, citostáticos, anticolesterémicos, antiparasíticos, coccidiostáticos, factores de crecemento de animais e insecticidas naturais.
Os policétidos sintetízanse pola acción dun ou máis encimas especializados e moi complexos denominados policétido sintases.[2]
Exemplos
editar- Macrólidos
- Picromicina, o primeiro macrólido que foi illado, en 1950
- Os antibióticos eritromicina A, claritromicina, e azitromicina
- O inmunosupresor tacrolimus (FK506)
- Radicicol e poconina e a súa familia (inhibidor HSP90)
- Polieno antibioticos
- Tetraciclinas
- Diversos antibióticos da familia da tetraciclina
- Acetoxeninas
- Outros
Notas
editar- ↑ IUPAC. "Gold Book".
- ↑ 2,0 2,1 Robinson JA (1991). "Polyketide synthase complexes: their structure and function in antibiotic biosynthesis". Philos Trans R Soc Lond B Biol Sci. 332 (1263): 107–114. PMID 1678529. doi:10.1098/rstb.1991.0038.