Un pneumático (do grego: πνευματικός, "relativo ó pulmón"), tamén denominado cuberta, é unha peza toroidal de caucho que se coloca nas rodas de diversos vehículos e máquinas. A súa función principal é permitir un contacto axeitado por adherencia e fricción co firme, posibilitando o arranque, o freado e a guía.

Estrutura dun pneumático sen cámara: 1. cinto de aceiro en dirección lonxitudinal, 2. estrutura radial, 3. arame, 4. lamia, 5. banda de rodamento, 6. parede lateral e 7. talón (cella).
Pneumático simétrico.

Os pneumáticos xeralmente teñen fíos que os reforzan. Dependendo da orientación destes fíos, clasifícanse en diagonais ou radiais. Os de tipo radial son o estándar para case tódolos automóbiles modernos.

Historia

editar

En 1888, o veterinario e inventor escocés, John Boyd Dunlop, desenvolveu o primeiro pneumático con cámara de aire para o triciclo que o seu fillo usaba para ir á escola polas rúas cheas de fochancas de Belfast. Dunlop inflou uns tubos de goma cunha bomba de aire de balóns. Despois envolveu os tubos de goma cunha lona para protexelos e pegounos ás rodas do triciclo. Ata entón, a maioría das rodas eran de goma maciza, pero os pneumáticos permitían unha viaxe máis suave. Desenvolveu a idea e patentou o pneumático con cámara o 7 de decembro de 1889. Porén, dous anos despois de que lle concederan a patente, Dunlop foi informado oficialmente de que a patente foi invalidada polo inventor escocés Robert William Thomson, quen patentara a idea en Francia en 1847 e nos Estados Unidos en 1891.[1] Dunlop gañou unha batalla legal contra Robert William Thomson e revalidou a súa patente.

Véxase tamén

editar