Perceval
Perceval[1] (Percival, Parsifal ou aínda Peredur[2] na literatura galesa) é un dos cabaleiros da Táboa Redonda[3] nas lendas do Ciclo Artúrico. É coñecido, principalmente, pola súa participación na Demanda do Santo Graal.
Lenda
editarExisten numerosas versións sobre a orixe de Perceval. Na maioría das historias el é de orixe nobre, sendo fillo de Pelinore, cabaleiro valoroso e rei de Listenoise. A súa nai, habitualmente anónima, desempeña un papel importante na historia. Ela vai vivir a unha fraga solitaria para impedir o fillo de se tornar cabaleiro. A súa irmá, portadora do Santo Graal, é ocasionalmente chamada Dandrane. Nas versións da historia en que Perceval é fillo de Pelinore, os seus irmáns son Tor, Agloval, Lamorat e Dornar.
Despois da morte do pai de Perceval, a súa nai lévao para estaren ambos soíños nunha fraga illada do mundo, conseguindo que ignore até os quince anos como se comportan os homes. Un día, ao brincar con dardos na fraga, o raparigo Perceval atopa cinco cabaleiros con armaduras tan brillantes que os toma por anxos. Despois adquire o desexo de se tornar cabaleiro e diríxese á corte do Rei Artur. Despois de se ter revelado un excelente guerreiro, é convidado a se xuntar aos Cabaleiros da Táboa Redonda.
Nos contos mais antigos, Perceval participa na busca do Santo Graal. Na versión de Chrétien de Troyes el atopa o Rei Pescador ferido e olla o Graal, mais abstense de facer a pregunta que iría traer a cura do soberano. Apercibíndose do seu erro, el esfórzase por volver ao Castelo do Graal e terminar a súa demanda.
As historias posteriores fan de Galaaz, fillo de Lancelot, o verdadeiro heroe do Santo Graal. Mais mesmo que o seu papel teña sido diminuído, Perceval mantense como un importante personaxe e é un dos dous cabaleiros (xuntamente con Boors) que acompaña a Galaaz ao Castelo do Graal, terminando con el a súa demanda.
Nas versións primitivas da historia, a amada de Perceval é Floribranca e el tórnase rei de Corbenic despois de ter curado o Rei Pescador. Xa nas versións posteriores, mantense virxe e morre despois de encontrar o Graal. Na versión de Wolfram von Eschenbach o fillo de Perceval é Lohengrin, o Cabaleiro do Cisne.
Algúns investigadores defenden que Perceval, xuntamente coa lenda do Santo Graal, son de orixe persa, mais esas teorías foron rexeitadas por outros eruditos.
Principais obras
editar- Perceval ou le Conte du Graal, romance incompleto de Chrétien de Troyes (cerca de 1190);
- Perceval, obra atribuída a Robert de Boron;
- Perlesvaus ou Haut Livre du Graal, prosa francesa anónima do século XIII;
- Peredur, romance galés anónimo;
- Parsifal, ópera de Richard Wagner (1882);
- Parzival, poema épico de Wolfram von Eschenbach;
- Perceval le Gallois, filme d'Éric Rohmer (1978);
Notas
editar- ↑ Boullón Agrelo, A. I. (coord.). "Galaaz". Guía de nomes galegos. Real Academia Galega.
- ↑ David Nash Ford, Peredur Paladr Hir, King of Ebrauc, 2001, http://www.earlybritishkingdoms.com/bios/peredaeb.html Arquivado 14 de decembro de 2009 en Wayback Machine.
- ↑ Alan Lupack, Perceval, en http://www.lib.rochester.edu/camelot/percmenu.htm Arquivado 18 de abril de 2010 en Wayback Machine.