National Geographic Society
A National Geographic Society (en galego Sociedade Xeográfica Nacional) é unha organización que ten como obxectivo avanzar cara ao coñecemento xeral da xeografía e o mundo entre o público xeral. Para este fin, realiza bolsas de exploración e publica mensualmente unha revista, National Geographic.
A asociación foi fundada en Estados Unidos o 27 de xaneiro de 1888 por 33 homes interesados en "organizar unha sociedade para o incremento e a difusión do coñecemento xeográfico". Comezaron a discutir a formación da sociedade dúas semanas antes do 13 de xaneiro de 1888. Gardnier Greene Hubbard converteuse no seu primeiro presidente, e o seu xenro, Alexander Graham Bell, foi o seu sucesor.
A revista
editarThe National Geographic Magazine, máis tarde abreviado como National Geographic, foi publicada por primeira vez nove meses despois da fundación da sociedade. Converteuse nunha das revistas máis coñecidas ao redor do mundo e é facilmente recoñecida polos seus característicos bordos amarelos.
É unha publicación mensual, aínda que ocasionalmente realizáronse edicións especiais. Ademais dos artigos sobre diversos lugares, historia e cada recuncho do planeta, a revista é recoñecida amplamente pola súa calidade de edición e as súas estándares nas fotografías, o que a fai o fogar dos mellores xornalistas gráficos no mundo. Ata publicou fotografías a cor a comezo do século XX, cando esta tecnoloxía era incipiente.
Tamén é moi coñecida polos frecuentes mapas detallados que ofrece sobre as rexións que visita. Incluso os arquivos dos mapas da Sociedade foron empregados polo goberno dos Estados Unidos en momentos onde os seus recursos cartográficos eran limitados. Os subscritores da revista tenden a coleccionalas (a gran parte doutras revistas tenden a ser descartadas logo de ser lidas) e poden adquirir caixas especiais para gardalas por ano.
No ano 1960 comezáronse a publicar fotos na capa frontal da revista; anteriormente, só contiñan texto.
Unha foto de portada do ano 1984 foi o retrato dunha rapaza refuxiada de Afganistán de intensos ollos verdes. A súa imaxe pasou a ser mundialmente famosa. Logo da invasión liderada polos Estados Unidos a ese país, realizouse unha procura da moza. Foi identificada no ano 2002 como Sharbat Gula. A súa historia foi contada na edición de marzo de 2003 da revista.
No ano 1995, National Geographic comezou a publicarse en xaponés, e foi a primeira edición nun idioma local. Actualmente a revista publícase en diferentes idiomas, incluíndo xaponés, español, hebreo, grego, italiano, francés, alemán, polaco, coreano, portugués, chinés, checo, romanés, ruso e holandés.
Outras publicacións
editarThe National Geographic School Bulletin é unha revista similar a National Geographic, pero orientada a mozas en idade escolar. Foi publicada durante o ano lectivo desde 1919 ata 1975, cando foi substituída por National Geographic World. En 1984 a sociedade creou "National Geographic Traveler", que foi seguida en 1999 por "National Geographic Adventure Magazine" e en 2001 por "National Geographic for Kids".
A sociedade tamén publica mapas, atlas e numerosos libros.
Televisión
editar- Artigo principal: National Geographic Channel.
A National Geographic Society tamén explorou o uso da televisión como un medio para levar as viaxes dos seus correspondentes e programas de interese educativo, cultural e científico ao fogar das persoas. Os programas especiais do National Geographic emitíronse durante moitos anos nos Estados Unidos pola PBS, a televisión pública. Os programas televisivos empezaron en 1964 na CBS, para trasladarse á ABC en 1973 e finalmente á PBS en 1975. En setembro de 1997, a sociedade lanzou a súa propia canle televisiva internacional, o National Geographic Channel que se pode ver por cable e vía satélite. En 2001 lanzouse en Estados Unidos.
Apoio a investigacións e proxectos
editarA sociedade axudou como patrocinadora de moitas expedicións e proxectos de investigación a través dos anos, incluíndo:
- Dian Fossey - (gorilas de montaña).
- George Bass - (Arqueoloxía submarina).
- Gustavus McLeod - (Primeiro voo ao Polo Norte nun avión de cabina aberta).
- Hiram Bingham - (Escavacións en Machu Picchu).
- Ian Baker (Descubrimento das fervenzas de Tsangpo Gorge, no Tíbet).
- Jacques-Yves Cousteau - (Exploración submarina).
- Jane Goodall - (Estudos sobre chimpancés).
- Le Berger - (As pegadas máis antigas do home moderno).
- Louis e Mary Leakey - (Descubrimento do fósil de Zinjanthropus, máis de 1,75 millóns de anos de antigüidade).
- Paul Sereno - (Dinosauros).
- Richard E. Byrd - (Primeiro voo sobre o Polo Sur).
- Robert Ballard - (Titanic).
- Robert Peary e Matthew Henson - (Expedición ao Polo Norte).
- Xu Xing - (Descubrimento de fósiles de dinosauro na China con características descoñecidas).
A sociedade patrocina moitos proxectos sociais, como AINA, unha organización en Cabul dedicada ao desenvolvemento de medios de comunicación independentes en Afganistán. Tamén patrocina The National Geographic Bee, un concurso anual de xeografía para estudantes de escolas medias dos Estados Unidos.
Por todo iso, en 2006 foi galardoada co Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades.