Iluminación a tres puntos

(Redirección desde «Iluminación a 3 puntos»)

A iluminación a tres puntos é unha técnica de iluminación básica empregada en vídeos, filmes, fotografías e imaxes creadas por ordenador para as personaxes que non se atopan en movemento. Este é un sistema moi versátil que forma a base da maioría de coñecementos sobre iluminación en fotografías de estudio.

Un retrato feito cunha iluminación a tres puntos.

Tipos de luces

editar

Esta técnica utiliza 3 focos de luz: a principal chámase luz clave, sendo as outras a luz de recheo e a contraluz.

 
Típico esquema de iluminación a tres puntos.
  • Luz clave: Tamén coñecida como key light. Esta é a luz principal, normalmente é a luz máis forte e a que ten máis influencia no aspecto da escena. En termos de calidade, debe situarse aproximadamente entre un termo medio entre luz dura e luz difusa. En estudio, utilízase xeralmente un Fresnel. Na fórmula das tres luces, debe situarse formando un ángulo entre 30 e 45 graos co eixo que forman a cámara e o suxeito, ben á dereita ou ben á esquerda da cámara. Un ángulo de 45 grados é o que produce unha maior modelaxe e resalta mellor as texturas do suxeito.
  • Luz de recheo: Tamén coñecida como fill light. A luz principal utilizada soa produce sombras duras que poden distraer a atención. A luz de recheo úsase para suavizar estas sombras, sen eliminalas completamente. A luz de recheo é unha fonte de luz difusa. Colócase formando uns 90 graos co eixo que forma a luz principal co suxeito. O máis seguro é colocala formando un ángulo duns 45 graos co eixo da cámara. A luz de recheo ben situada produce unha transición gradual das áreas iluminadas ás zonas de sombra, producindo unha mellor percepción de tridimensionalidade.
  • Contraluz: Tamén coñecida como back light. A función desta luz é separar ao suxeito do fondo creando un sutil bordo de luz ao redor do suxeito. O contraluz debe colocarse xustamente detrás do suxeito con relación á cámara. Deberíase poder trazar unha liña recta ficticia que parte do obxectivo da cámara, pasa polo suxeito e chega ata a luz de contraluz. Se esta luz está demasiado desviada cara a un dos lados, proxectará moita luz sobre ese lado, deixando o outro escuro.

Iluminación a catro puntos

editar
 
Típico esquema de iluminación a catro puntos.

Existe outra técnica, denominada de iluminación a catro puntos, que ademais das luces mencionadas anteriormente usa a luz de fondo:

  • Luz de fondo: Tamén coñecida como background light. Ilumina os fondos e engade profundidade e separación entre os elementos da escena. Pódese utilizar calquera tipo de luz con este fin, sempre que proporcione unha iluminación uniforme do fondo, non afecte ao suxeito principal e este posúa a intensidade adecuada. Se o fondo ten detalle ou textura, esta fonte de luz sitúase ao mesmo lado que a principal, para manter a consistencia na dirección da luz.