Husky siberiano
O husky siberiano é unha raza de can de traballo propia do oeste de Siberia (Rusia) no límite con Finlandia
Esta raza presenta un acusado parecido co lobo. De mediano tamaño, pode pesar entre 16 e 29 quilos e medir de 51 a 60 centímetros de altura. Orixinalmente foi criado pola tribo chukchi, na que se utilizaba como can de compañía, para pastorear os cervos, tirar das zorras e manter quentes os nenos. Na actualidade pode atoparse en calquera parte do mundo.
Foron levados a Alasca desde o ano 1908 e continuamente durante dúas décadas debido á febre do ouro. Foron empregados para tirar das zorras, e especialmente para a carreira All-Alaska Sweepstakes, que comprendía 657 km desde Nome até Candle, ida e volta. De menor tamaño, máis rápidos e de maior resistencia que os cans comúns (de entre 45 e 54 kg), os siberianos inmediatamente dominaron a carreira.
Naquela época a gran maioría de femias eran sacrificadas ao nacer, e unicamente conseguían sobrevivir aquelas que presentaban unha gran vitalidade, xa que eran utilizadas para a reprodución. Os machos que nacían tamén tiñan que pasar unha proba de aptitude, correndo a mesma sorte que as femias, xa que os chukchis eran moi estritos. Os elixidos, en cambio, eran tratados de forma excepcional, cos mellores coidados e a mellor alimentación.
En xaneiro de 1925, a 30 °C baixo cero, nos Estados Unidos, unha epidemia de difteria asestou un duro golpe á cidade de Nome, en Alasca. Alí o soro era insuficiente para atender a todos os afectados, e unha gran tormenta impedía a engalaxe do avión que contiña a medicina. Pero un husky chamado Balto e todos os seus compañeiros atravesaron o estreito de Bering e levaron o soro necesario. A fazaña durou 127 horas, máis de cinco días.
Na actualidade, moitos dos husky siberianos rexistrados en América do Norte son descendentes dos primeiros cans importados desde Siberia en 1930, tendo sido adestrados por Leonhard Seppala.
É amplamente recoñecido que os huskis se orixinaron exclusivamente cos membros da tribo chukchi do leste de Siberia. Hai evidencia, non obstante, de que os huskys siberianos foron importados das tribos koryak e kamchadal. Recentes análises de ADN revelan que esta é unha das máis antigas razas de can no mundo.[1]
Características
editarÉ un can de tamaño grande (pero de menor tamaño que un Alaskan Malamute) acostumado a vivir na neve. É capaz de modificar drasticamente a súa pelaxe segundo o lugar onde viva, xa que pode cambiar entre pelo curto a máis curto. O husky pode ter estas cores: arroibada, marrón, marrón clara, marela, branca, gris e negra; sendo estas dúas últimos máis frecuentes nas femias. Pode ter a lingua de cor rosada negra. Ten o pelo moito máis denso e groso que outras razas de cans debido á súa procedencia.
Sexo | Altura | Peso | Tempo de vida | |
---|---|---|---|---|
Machos | 53,5 – 60 cm | 20,5 – 28 kg | 10 a 12 anos | |
Femias | 50,5 – 56 cm | 15,5 – 23 kg | 12 a 14 |
Temperamento
editarO husky siberiano é un can moi atento, servizal e cariñoso, pois sempre está disposto a compracer o seu amo, e a pesar de que está acostumado a vivir en manda, desenvolve un vínculo co dono ou a familia coa que convive. Así que o dono dun husky debe ter o carácter suficiente para poder dominar o can, e á vez darlle o cariño suficiente para obter o seu respecto. Tamén, por outra parte, é un can un pouco testán, algo orgulloso e bastante independente.
É un can robusto e ten aires de lobo gris. O seu ladrido, de xeito diferente ao doutros cans que adoitan ser estridentes e molestos, é rudo e curto; e ás veces ouveo. É un can que rara vez ladra ou morde, senón que protexe cunha gran intimidación. Demostra unha gran felicidade estando en canzada e sempre prevalece un macho alfa; aínda cando só se trate de dous cans, un dos dous demostrará ser o dominante. Non é recomendable que vivan en soidade posto que precisan de moito afecto. Ao seren cans con moita resistencia, poden percorrer moitos quilómetros, o que fai difícil encontralos en caso de extravío, polo que non é recomendable deixar correr ao husky sen supervisión.
Coidados
editarO husky require dun cepillado diario xa que a súa pelaxe é unha protección ante as inclemencias do tempo, e non necesita perdela até que chegan os períodos estivais nos que realiza a muda e perde a capa interna de pelo, ficando só coa capa superficial, a cal variará lixeiramente a súa tonalidade até que volva repoñer toda a súa pelaxe de cara aos períodos invernais ou máis fríos. Durante a época de muda é cando hai que realizar os cepillados máis continuos xa que lle axudaremos ao can a que a muda se realice antes. Ao contrario do que se pensa, o husky é unha raza que se adapta bastante ben á calor xa que a muda de pelo fai que durante os meses de calor só teña a capa de pelo externa ao igual que calquera outra raza de can. Non é estraño ver un husky estomballado ao sol en pleno verán.
Outro dos falsos mitos sobre o husky é que precisa correr moito todos os días, só o necesitará se é un can dedicado á competición. Un husky criado nun ambienbte familiar só terá as necesidades propias da vida que levou, sendo recomendable que diariamente pasee e se é posible corra xa que será beneficiario para a saúde do can.
Non é un can que enferme con facilidade, mais aconséllase, aínda que estea acostumado a baixas temperaturas, a non bañalo con auga fría se non fai calor, pois podería arrefriarse.
Son moitos os mitos sobre o husky, mais o husky é un can como calquera outro.
Extremidades
editarCando o can está parado e visto desde adiante, os membros obsérvanse moderadamente separados, paralelos e rectos. Os ósos son substanciosos pero nunca pesados. A lonxitude do membro desde o cóbado até o chan é lixeiramente maior que a distancia desde o cóbado até a punta da cruz. Os esporóns dos membros anteriores poden ser extirpados.
Ombros e brazos. Escápula ben colocada cara a atrás. O brazo é lixeiramente oblicuo cara a atrás desde a punta do ombro até o cóbado e nunca é perpendicular ao chan. Os músculos e ligamentos que teñen os ombros unidos á caixa torácica son firmes e ben desenvoltos.
Cóbados. Próximos ao corpo e sen desviacións cara a fóra ou cara a adiante
Articulación do carpo. Forte, pero flexible.
Metacarpos. Vistos de lado están levemente inclinados.
Membros posteriores
editarCando o can está parado e visto desde atrás, os membros posteriores están moderadamente separados e son paralelos. Se existen esporóns, deben ser extirpados.
Coxa. Ben musculoso e poderoso.
Xeonllo. Ben angulado.
Articulación tibio-tarsiana. Ben definida e colocada abaixo cerca do chan.
Pés. Ovalados, sen ser longos. Son de tamaño mediano, compactos e ben cubertos de pelo entre os dedos e os amortecedores. Estes últimos son duros e ben acolchados. Cando o can adopta a postura natural, os pés non mostran desviacións cara a fóra ou cara a dentro.
Ollos
editarPoden ter os ollos de cor café, marrón clara, verde, azul e en ocasións até branca. Unha característica da raza son os ollos celestes, aínda que non é de todo dominante. É posible encontrar espécimes nos cales os ollos sexan de diferente cor, fenómeno coñecido como heterocromía. Así mesmo, esta diferenciación de cores é permitida á hora de levar un can a unha exposición de cans. O husky siberiano é unha das poucas razas na cal os ollos celestes é algo común.
A raza dos huskys presenta variados problemas oculares. Segundo a CERF (Canine Eye Registry Foundation) e afirmado pola ACVO (American College of Veterinary Ophthamology), a incidencia de cataratas nesta raza rolda entre o 15 e o 18 %. As cataratas poden ser descubertas a idade temperá polos criadores, que en tal caso non poden certificar os cachorros. Unha versión das cataratas pode ser máis agresiva, causando cegueira total no can aos dous ou tres anos de vida.
Os outros problemas oculares que afectan con maior frecuencia á raza son o glaucoma, que pode producir dores e perda de visión no can, e problemas de distrofia a nivel da córnea causando tamén a perda da visión difusa e progresivamente no can a partir da mediana idade.
Alimentación
editarO husky come de todo: produtos lácteos, carnes e ósos de calquera tipo, pescados, froitas e verduras. As necesidades alimenticias varían segundo o tamaño e o sexo: nos machos, en ración de mantemento van de 1.250 a 1.500 kcal diarias. Nas femias de 1.050 a 1.350. Estes valores considéranse suficientes para os exemplares que viven nun clima temperado e que non están sometidos a traballo de tiro.
A subministración de complexos mineral-vitamínicos en determinados estados fisiolóxicos (cachorros, estado de xestación, lactación) é de extrema importancia para un normal desenvolvemento físico. Non debe esquecerse tampouco complementar a dieta con aceites vexetais ricos en ácidos graxos insaturados. Tanto as vitaminas como os minerais, os aceites vexetais e todos os compoñentes alimenticios, non deben subministrarse nunca en doses excesivas.
Saúde
editarOs siberianos xeralmente son cans de boa saúde, vivindo de dez a doce anos. Poden ter problemas da vista (cataratas, glaucoma e outros problemas), alerxias e cáncer en animais máis anciáns. Pode ter problemas de displasia na cadeira, pero non é moi frecuente.
Esta raza necesita dunha dieta de boa calidade, con altos niveis de proteínas e graxa, especialmente se van ser usados para competicións de zorras. Son cans moi eficientes e consomen menos comida que outros cans de similar tamaño e actividade física. A súa dieta debe ser axustada ao nivel da súa actividade física e traballo, a obesidade pode ser un problema se non desenvolve o nivel de actividade que lle corresponde segundo a súa dieta.
Deportes cos husky siberianos
editarOs huskys siberianos son aínda utilizados ocasionalmente como cans de tiro nas carreiras de mushing, aínda que teñen sido mudados polo husky de Alasca, unha raza que aínda non foi aceptada polas federacións de crianza de cans pero que é a primeira opción pola xente que participa en torneos desta clase con opcións a vitoria. O husky siberiano foi criado para tirar de zorras con cargas liviás durante grandes tempos e a paso moderado, e é por iso que non poden competir cos seus compañeiros, os alaskanos, que son máis rápidos e áxiles.
Aínda que un tiro composto unicamente por huskys teña poucas opcións de vitoria en "clase aberta", en competicións onde existan categorías de razas puras séguense utilizando bastante, xa que dentro das razas nórdicas son máis rápidos que o samoiedo ou o malamute de Alasca. Hoxe en día os criadores tenden a separar dúas liñas dentro da raza, os huskys de carreira e os huskys para concursos de beleza.
Á parte das carreiras de tiro, tamén son populares para á actividade de montaña denominada skijoring, que consiste en atar entre 1 a 3 cans a un esquiador (musher) para que este sexa impulsado por estes. Algúns son usados para transporte de carga e para escalar montañas. Debido ao seu carácter amigable e independente, tamén se adoitan utilizar para caninoterapia.[2]
Notas
editar- ↑ Collie or Pug? Study Finds the Genetic Code Artigo no New York Times. (en inglés)
- ↑ Working Dog Certification Arquivado 12 de xullo de 2012 en Wayback Machine. (en inglés)
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Husky siberiano |