Hécuba
Hécuba, ou Hécabe[1], foi a segunda esposa[2] do rei de Troia, Príamo. Rematada a Guerra de Troia coa morte do rei e o incendio da cidade, Hécuba foi entregada a Odiseo como botín de guerra, pasando de ser raíña a ser escrava[3].
Nome orixinal | (el) Εκάβη |
---|---|
Biografía | |
Actividade | |
Ocupación | raíña |
Carreira militar | |
Conflito | Guerra de Troia |
Familia | |
Cónxuxe | Príamo |
Parella | Apolo |
Fillos | Casandra () Príamo Ilíone () Príamo Polidoro () Príamo Creúsa () Príamo Antifo () Príamo Hipónoo () Príamo Polites () Príamo Agathon () Príamo Laódice () Príamo Deífobo () Príamo Paris () Príamo Heitor () Príamo Héleno () Príamo Polixena () Príamo Theano () CiseoTelecleia Troilo () Príamo Alastor () Príamo |
Pais | Dimante Ciseo Sangario e Telecleia Eunoe |
Irmáns | Asius Theano |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Encyclopædia Britannica |
Os diferentes mitógrafos discuten sobre os seus devanceiros: tradicionalmente é considerada filla de Dimante[4] (ou Dimas), rei de Frixia (máis ou menos, no centro de Anatolia), coa ninfa Eunoe, ou ben con Glaucipe (filla do deus-río Escamandro). Pero tamén se afirma que foi filla do deus-río Sangario e a ninfa Evágora[5]. O tráxico Eurípides, así como o poeta Virxilio considérana filla de Ciseo (ou Ciso), rei de Tracia, con Teleclea. E Apolodoro recolle todas estas versións[6][7].
Descendencia
editarO detalle máis característico de Hécuba foi a súa fecundidade, pois deu entre 14 e 19 fillos a Príamo, segundo cifras achegadas polos diferentes autores, e que se suman ós fillos habidos polo rei con diferentes concubinas. Cando Príamo acode ante Aquiles para suplicarlle que lle devolva o cadáver do seu fillo Heitor dille que tivo cincuenta fillos, "dezanove naceron dun só ventre mentres que ós restantes paríronnos en palacio outras mulleres"[8].
A relación de fillos de Hécuba sería a seguinte: Heitor, Paris, Creúsa, Laódice, Políxena, Deífobo, Héleno, Casandra, Pamón, Polites, Antifo, Hipónoo e Polidoro[9]. Outro fillo sería Troilo, pero enxendrado con Apolo, de quen tamén se afirma que sería o verdadeiro pai de Heitor[10].
Hécuba, nai de Paris
editarPróxima a dar a luz ó segundo fillo, Alexandre ou Paris, tivo un soño premonitorio[11]. Víase parindo unha tea acesa que poñía lume a toda a cidade de Troia (e ós bosques do arredor), ou ben un feixe de leña do que saían numerosas serpes de lume[12]. Tras consultar a distintos adiviños chegouse á conclusión de que o meniño que ía nacer terminaría provocando a ruína da cidade, polo que compría matalo ó nacer. Hécuba negouse, naturalmente, pero aceptou que fora exposto no monte Ida[13]. Fíxose así pero, como adoita ocorrer nestes casos, o meniño foi recollido e salvado, para ser criado como pastor ata que, chegado ó estado adulto, se deu a coñecer como príncipe da cidade[14]. Logo veu a viaxe a Esparta, o rapto de Helena e a destrución de Troia, cumpríndose a profecía de que provocaría a ruína da cidade.
Unha variante da lenda di que outro dos fillos de Príamo, o adiviño Ésaco[15] advertira ó rei que o causante da ruína de Troia sería un meniño que nacería no palacio no día en que Ésaco ten esta visión, e que debía matar tanto ó cativo como á nai. Pero ese día á mañá naceu Munipo, fillo de Cila e Timetes, e Príamo mandou matar a este Munipo e á súa nai Cila[16]. Á noite pareu Hécuba e Príamo perdonouna pero acatou o consello dos adiviños de expoñer ó meniño.
Mesmo hai outra variante máis. Héleno e Casandra, tamén fillos de Príamo e Hécuba, eran dous irmáns xemelgos con capacidade de adiviñar o futuro. Os meniños advirtiron ó pai que tiñan visións espantosas de Troia sendo destruída e consumida polo lume, cando vían o bebé. Príamo non lles prestou atención aínda cando a sacerdotisa de Apolo lle confirmara que podían ver o futuro.
Dun xeito ou outro, Paris foi criado por Axelao descoñecendo a súa orixe real (e descoñecendo Hécuba e Príamo a súa existencia). Príamo organizou uns xogos fúnebres en honor, precisamente, do seu fillo morto. Paris presentouse ós xogos e foi gañándoos un a un derrotando ós seus irmáns, ata que estes decidiron matalo. Paris refuxiouse baixo un altar e Axelao acudiu ante Príamo para confesar que se trataba do seu fillo perdido. Hécuba recoñeceu o axóuxere que Axelao lle mostraba, e que recollera das mans do meniño cando o atopou no monte. Así, Príamo recoñeceuno como príncipe de Troia e celebráronse sacrificios ós deuses. Pero os sacerdotes de Apolo insistiron na maldición que traía consigo e aconsellaron matalo, ó que Príamo se negou[17].
Hécuba durante a guerra
editarNun momento da guerra, Odiseo, disfrazado de mendigo e con cicatrices pintadas no rostro, realizou unha incursión de espionaxe na cidadela de Troia, disque co obxectivo de convencer a Helena de que traizoase ós troianos. Helena, que o recoñeceu axiña baixo o seu disfrace, non revelou a súa presenza ós gardas de palacio e permitiu que Odiseo marchara sen problema para regresar ó campamento grego[18]. Interesa agora engadir que tamén se asegura que Helena llo dixo a Hécuba e esta tampouco denunciou a presenza do inimigo no palacio, compadecida ante as bágoas e os discursos de Odiseo[19]. Segundo Eurípides, cando Odiseo vén onda Hécuba para reclamar a Políxena, coa intención de sacrificala sobre a tumba de Aquiles, Hécuba bótalle en cara que o seu silencio lle salvou a vida e agora decide matarlle a filla[20].
Noutro momento de dominio grego, Heitor vese obrigado a pedir á Hécuba que faga sacrificios a Atenea para pedir a súa axuda para os troianos. A nai ofrece viño a Heitor e pídelle que descanse en palacio ó que el se nega vehementemente. Hécuba colleu o peplo máis fermoso de cantos tiña nas súas arcas, foi ó templo da deusa e colocouno sobre os seus xeonllos, á vez que promete sacrificarlle doce becerras dun ano sen amansar. Pero a deusa negoulle a axuda que solicitaban[21].
Cando se produce a Guerra de Troia, Príamo era demasiado vello para loitar, pero aínda así no último momento quixo coller a espada para defender o palacio cando os gregos xa entraban nel. Hécuba, que se refuxiara xunto as fillas, tivo que impedirllo e levouno a un altar de Zeus no fondo do palacio, cuberto por un loureiro sagrado, para poñerse baixo a protección dos deuses e así sobrevivir ou morrer xuntos. Non lle serviu de nada porque Neoptólemo, despois de matar ante el a Polites (outro fillo de Príamo), chegou onda o rei, arrancouno do altar polos pelos e degolouno, deixando o seu corpo decapitado e insepulto, dise que sobre a tumba de Aquiles[22].
Hécuba desempeña na guerra un papel secundario pero enchido de maxestade, como un verdadeiro símbolo do infortunio. Resulta significativo ver como ten que asistir á morte dos seus fillos, un a un, ó longo da guerra, especialmente cando observa desde o alto das murallas como Aquiles mata a Heitor e logo arrastra o seu cadáver fronte á muralla atado ó seu carro. Mortos xa tódolos seus fillos varóns, aínda terá que presenciar como Agamenón leva cativa a súa filla Casandra e como Neoptólemo, fillo de Aquiles, sacrifica a Políxena, outra filla, sobre a tumba do pai, pola suposta esixencia do fantasma deste. E cómpre lembrar que tamén ten que contemplar como o mesmo Neoptólemo mata a Astianacte, fillo de Heitor e neto seu, precipitándoo ó chan desde o alto da muralla, por decisión de Odiseo, ou ben foi o propio Odiseo que o matou. Isto pode explicar que para ela, ser entregada a Odiseo era o peor destino posible.
[Hécuba] ¿E eu, de quen serei a criada, aínda que do terceiro pé do bastón teño xa necesidade na miña man anciá?
[Taltibio[23]] En Ítaca a Odiseo le coubo en sorte posuírte como escrava.
[Hécuba] Ai de min! Tocoume en sorte ser a escrava dun home abominable, doloso, inimigo da xustiza, besta á marxe da lei, que a todo lle dá a volta,... de lingua bífida... Alcancei o maior infortunio, fun caer no máis desventurado dos lotes.Eurípides: Las Troyanas, 278-291
Hécuba trala guerra
editarTamén terá unha significación especial a morte do fillo máis pequeno, Polidoro. Este fora confiado por Príamo a Poliméstor, rei do Quersoneso e aliado seu en canto que estaba casado cunha filla de Príamo, Ilíone (ou Ilíona)[24], á vez que lle encargara o coidado dun valioso tesouro co que pretendía garantir o futuro do rapaz. Trala caída de Troia e a morte de Príamo, Poliméstor decide apropiarse deste tesouro e mata a Polidoro, cuxo corpo botou ó mar para que nunca fose atopado. Pero os deuses fan que o mar devolva o cadáver xusto no momento en que Hécuba ía ser embarcada como escrava cara Grecia. Hécuba recoñeceuno e tramou a súa vinganza: finxindo non saber nada, mandou vir a Poliméstor coa excusa de confiarlle un tesouro que os gregos non coñecían. Poliméstor acode axiña, avaricioso coma ninguén, e Hécuba aproveita que o ten a man para arrincarlle os ollos, á vez que ordena ás súas criadas que maten os dous fillos de Poliméstor, que o acompañaban, diante del. Os gregos castigaron este acto e lapidárona pero baixo as pedras só apareceu unha cadela de ollos de lume; tamén se di que foi transformada en cadela cando fuxía dos soldados tracios de Poliméstor, ou ben o foi xa a bordo do barco que a levaba a Grecia, botándose logo ó mar[25]. Na versión de que morreu lapidada polos gregos, atribúese precisamente a Odiseo o lanzamento da primeira pedra contra ela[26]; na versión tracia conta que estes ían lapidala pero nese momento ela transformouse en cadela, chamada Mera, correndo dun lado a outro, polo que os tracios, asustados, prefiriron retirarse[27].
Poida ser que este acto de vinganza contra os fillos de Poliméstor -inocentes en definitiva- fose a causa da súa metamorfose en cadela, como lle augura Poliméstor, xa cego (e, polo tanto, posuidor de propiedades adiviñatorias): "Chegarás a ser unha cadela de acendida mirada"[28]. Pero Ovidio fai constar que mesmo a deusa Hera declarara que Hécuba non merecera tal final.
"[Hécuba] Afunde os seus dedos naqueles ollos pérfidos e arrinca os ollos nas súas órbitas, e afunde as mans, embadurnada de sangue, e arrinca, non os ollos, que xa non hai, senón as concas dos ollos. Alporizado o pobo tracio pola morte do seu tirano, comezou a fustigar á troiana botándolle paus e pedras. Ela, con roucos gruñidos, persegue a dentadas unha das pedras que lle lanzan, e coa boca aberta para falar, ladra cando o intenta"Ovidio XIII 561 ss
Por esta transformación en cadela, Hécuba recibe a partir deste momento o nome de Mera, relacionada coa deusa da morte Hécate[29].
Hixino dános un final diferente. Poliméstor e Ilíone (lémbrese, filla de Príame e Hécuba) criaron a Polidoro como fillo propio, xunto ó seu fillo Deípilo. Cando os gregos tomaron Troia, ansiosos de acabar con toda a descendencia de Príamo, ofreceron a Poliméstor a man dunha filla de Agamenón e unha gran cantidade de ouro se mataba a Polidoro. Poliméstor aceptou pero matou, por erro, ó seu propio fillo Deípilo. Co tempo, Polidoro foi consultar no oráculo de Delfos polos seus pais, e recibiu como resposta que o seu pai morrera e a súa nai convertida en escrava. Cando regresou a Tracia e veu que nada diso era verdade, pois considerábase fillo de Poliméstor, pediu explicacións a Ilíone e esta lle contou a verdade: que eran irmáns, que os pais do que falaba o oráculo eran Príamo e Hécuba e que Poliméstor intentou matalo, por diñeiro. En vinganza, os dous irmáns cegaron e mataron a Poliméstor[30].
Outra tradición recolle que Hécuba puido deixar Troia con Héleno, Casandra e Andrómaca. Resulta que Héleno informara ós gregos das condicións que se debían cumprir para obter a vitoria sobre Troia e, ademais, tratara de disuadir a Paris da súa intención de raptar a Helena e impediu que os troianos botasen o cadáver de Aquiles ós cans e ás aves de rapina[31]. E por estes servizos, os gregos perdonáronlle a vida e concedéronlle a liberdade[32], concedéndolle como premio a nai, a irmá e a cuñada. O grupo foi establecerse a Tracia, onde Hécuba sofre esa transformación e morre[33].
Pero a versión máis popular di que foi entregada a Odiseo como botín de guerra[34] e que este pretendía que servira como escrava para a súa esposa Penélope[35], non con intención de convertela na súa concubina. Pero, no comezo da longa viaxe de regreso a Ítaca, recalan en Tracia e alí morrerá ela. Unha variante di que Hécuba soltaba tales improperios contra Odiseo e outros gregos que non houbo máis remedio que matala[36].
Pausanias fala da Fócida no libro X da súa Descrición de Grecia. Cando fala de Delfos describe con todo detalle as pinturas murais dunha casa, obra de Polignoto sobre a caída de Troia e a partida dos gregos. Unha das figuras que menciona é a de Príamo, e nesa pasaxe aproveita para engadir de Hécuba que "Estesícoro na súa "Iliupersis" di que foi levada a Licia por Apolo"[37].
Hécuba nas artes
editarCómpre destacar o papel protagonista de Hécuba nas traxedias Hécuba e As troianas, de Eurípides, onde actúa como representante das mulleres cativas de Troia, repartidas como botín de guerra entre os gregos e sen esperanza ningunha, fronte a Taltibio, heraldo de Agamenón, que actúa como representante dos comandantes gregos.
A imaxe de Hécuba será amplamente representada na cerámica grega nos distintos episodios da súa vida. Aparecerá en escenas familiares (con Paris ou con Heitor [38]) pero habitualmente nas relacionadas coa morte do seu home Príamo, dos seus fillos (sobre todo, de Heitor) ou do seu neto Astianacte[39]. O episodio de Hécuba sacándolle os ollos a Poliméstor foi escasamente representada, pese ó seu dramatismo (Leonaert Bramer: A dor de Hécuba, c.1630; Giuseppe Maria Crespi: A vinganza de Hécuba, c. 1700 [40]).
-
Príamo e Hécuba (e Andrómaca, á esquerda), sobre a muralla de Troia, observan a Aquiles arrastrando o cadáver de Heitor (finais do s. II, Museo Arqueolóxico Nacional de Calabria)
-
A raíña Hécuba (miniatura na colección De mulieribus claris, de Boccaccio, s. XV-XVI, Biblioteca Nacional de Francia)
-
O soño de Hécuba (Giulio Romano, s. XVI, Palacio Ducal de Mantua)
-
Hécuba cega a Poliméstor (Giuseppe Maria Crespi, primeira metade do s. XVIII, Museo de Belas Artes de Bruxelas, Bélxica)
-
Morte de Príamo (Tadeusz Kuntze, 1756, Castelo de Wawel, Cracovia)
-
Morte de Príamo, con Hécuba, abatida, á esquerda (Antonio Canova, 1787, Museo de Canova, Possagno, Italia)
-
Hécuba descobre o cadáver do seu fillo Polidoro (André-Joseph Allar, 1871, Museo Granet, Aix-en-Provence, Francia)
Notas
editar- ↑ Segundo Robert Graves (px. 677), Hécabe sería o nome grego, mentres que Hécuba o sería para os latinos.
- ↑ Príamo estivera casado anteriormente con Arisbe, filla de Mérope (rei de Percote, unha cidade da Tróade), coa que tivo un fillo, Ésaco
- ↑ Como sexa que a Ilíada remata antes de caer Troia, Homero non menciona este final.
- ↑ Ilíada XVI, 718.
- ↑ Grimal, s. v. Hécuba.
- ↑ "Tomou como segunda esposa a Hécuba, filla de Dimante ou, segundo afirman algúns, de Ciso, ou do río Sangario e Mérope, como din outros" (Apolodoro III, 12.5).
- ↑ Tamén Graves recolle a complexa xenealoxía: "Era filla de Dimante e da ninfa Eunoe, ou de Cisco e Teleclea, ou do río Sangario e Metope, ou de Glaucipe, filla de Xanto" (Graves, px. 677). O río Xanto é o río Escamandro.
- ↑ Ilíada XXIV, 496.
- ↑ Apolodoro III, 12, 5. Hixino dá unha nómina de 54 fillos de Príamo, pero mestura os fillos habidos con Hécuba cos fillos que tivo coas concubinas (Hixino 90).
- ↑ Graves, px. 677-678.
- ↑ Apolodoro III, 12.5; Graves, px. 683.
- ↑ Detalle este que só describe Hixino (Fábulas 91.1).
- ↑ Trátase do costume de abandonar os fillos non desexados no monte, para que morresen ou foran recollidos por alguén.
- ↑ Mesmo se di que foi a propia Hécuba a que subornou ós criados para que non mataran á criatura, e que o ocultaran a Príamo.
- ↑ Grimal, s. v. Ésaco. Esta variante parece contradicir a orde de nacemento dos fillos de Príamo, pois a tradición di que tralo primoxénito, Heitor, naceu Paris, pero sucede que Ésaco sería fillo de Príamo con Arisbe, unha concubina.
- ↑ Graves, px. 683.
- ↑ Graves, px. 687.
- ↑ Odisea IV, 244.
- ↑ Grimal, s. v. Helena, s. v. Ulises.
- ↑ Eurípides: Hécuba 239-250.
- ↑ Ilíada VI, 286-311.
- ↑ Grimal, s. v. Príamo; Graves, px. 755; Pseudo-Apolodoro: Epítome V. 21.
- ↑ Taltibio actúa nesta traxedia como o representante dos gregos ante as prisioneiras e escravas troianas.
- ↑ Grimal, s. v. Poliméstor.
- ↑ Grimal, s. v. Hécuba; Hixino 111. Hixino engade que se botou ó mar Helesponto, hoxe o estreito dos Dardanelos, e que por esta razón recibiu o nome de mar Cineo.
- ↑ Grimal, s. v. Hécuba.
- ↑ Graves, 762.
- ↑ Eurípides: Hécuba 1265.
- ↑ Graves, px. 289.
- ↑ Hixino 109; Graves, px. 761.
- ↑ Como adoitaba facerse cos inimigos para que non puidesen chegar ó inframundo.
- ↑ Todo o cal contradí a tradición máis popular de que Héleno se converte no botín de guerra de Neoptólemo, fillo de Aquiles, e marcha con el á súa terra.
- ↑ "Hai quen di que a esta [a Hécuba] a recibe Héleno que, logo de pasar o Quersoneso con ela dálle sepultura, unha vez convertida en cadela, no lugar que hoxe se chama 'tumba da cadela'" (Apolodoro: Epítome V, 23).
- ↑ Apolodoro:Epítome V, 23.
- ↑ "E ti, cando o fillo de Laertes [é dicir, Odiseo] queira levarche ségueme. Vas ser a criada dunha muller prudente" (Eurípides: Las Troyanas, 421.
- ↑ Graves, px. 762.
- ↑ Pausanias X, 27.2.
- ↑ Esteban Santos, fig. 6 e 7.
- ↑ Esteban Santos, fig. 8 a 11.
- ↑ Elvira Barba, px. 481.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Hécuba |
Bibliografía
editar- Elvira Barba, Miguel Ángel (2008 (3ª ed 2017)). Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex. ISBN 9788477378464. (en castelán)
- Esteban Santos, Alicia: "De princesas a esclavas en Troya (Heroínas de la mitología griega III)", en Cuadernos de Filología Clásica nº 17 (2007), 45-75.
- Eurípides (2021 (11ª ed)). Tragedias I (Alcestis. Medea. Los Heráclidas. Hipólito. Andrómaca. Hécuba). Cátedra. ISBN 9788437605456. (en castelán)
- Eurípides (2021 (11ª ed)). Tragedias II (Las suplicantes. Electra. Heracles. Las troyanas. Ifigenia entre los Tauros. Ión). Cátedra. ISBN 9788437617411. (en castelán)
- Grimal, Pierre (1981, 1ª ed; 2017, 7ª reimpr.). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574. (en castelán)
- Hixino (2009). Fábulas mitológicas. Alianza Editorial. ISBN 9788420650722. (en castelán)
- Homero (trad. Óscar Martínez García) (2010, 1ª ed; 2013, 3ª reimpr.). Ilíada. Alianza Editorial. ISBN 9788420678344. (en castelán)
- Homero (trad. Carlos García Gual) (2005, 1ª ed; 2019, 5ª reimpr). Odisea. Alianza Editorial. ISBN 9788420674629. (en castelán)
- Pausanias (2002). Descripción de Grecia (libros VII-X). Gredos. ISBN 8424926595. (en castelán)
- Pseudo-Apolodoro (2016 (3ª ed)). Biblioteca mitológica. Alianza Editorial. ISBN 9788491044277. (en castelán)