Pouta

(Redirección desde «Garra»)

Cos nomes de poutas, farpas, gadoupas ou garras coñécense os pés dalgúns animais que teñen as unllas longas, fortes, curvas e aguzadas, así como cada unha destas unllas.[1]

Garra dunha iguana.
Con case un metro, as garras do Therizinosaurus, dinosauro de finais do cretáceo, están entre as máis grandes rexistradas.

Preséntanas algúns vertebrados, en especial as aves, os réptiles e varias especies dalgunhas ordes de mamíferos, en especial as dos Carnivora, Insectivora, Rodentia, Lagomorpha, Chiroptera e Edentata.

A pouta está adaptada para axudar na captura, permitindo un agarre preciso e firme nos depredadores, e tamén se emprega para a escavar e gabear.

Estudos morfoxenéticos indican que é a forma máis antiga de unlla presente entre os vertebrados, sendo a forma plana típica nos humanos ou os pezuños ou cascos dos artiodáctilos modificacións evolutivas.

Estrutura

editar

As potas constan internamente de dúas capas:

  • a subunguis, o tecido interno, cuxo gran é paralelo á dirección de crecemento a partir da matriz ungular, e
  • a unguis, un tecido queratinoso e duro formado por fibras cuxo gran corre perpendicular á dirección de crecemento.

Ao crecer a unguis máis velozmente, a pouta afúsase cara ao extremo, adoptando a forma aguda típica.

As poutas nos félidos

editar
 
Primeiro plano dunha garra dun gato.

Os félidos —con algunhas excepcións, especialmente os guepardos (Acinonyx jubatus), o gato de cabeza plana (Prionailurus planiceps) e o gato pescador (Prionailurus viverrinus)— caracterízanse por posuíren poutas retráctiles.

En estado de repouso, as poutas permanecen aloxadas nunha vaíña ou funda de tecido epitelial entre os dedos; a forma das falanxes medial e distal, e a excepcional resistencia do ligamento elástico dorsal, permiten aos félidos moverse con soltura e flexionar libremente a articulación do pulso e os dedos sen que por iso a garra abandone a súa posición de repouso. É necesaria a contracción dos músculos flexor e extensor do antebrazo para producir a extensión da gadoupa, utilizada sobre todo para efectuar a presa sobre as vítimas.

  1. pouta Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Alibardi, Lorenzo (2008): "Microscopic analysis of lizard claw morphogenesis and hypothesis on its evolution" Acta Zoologica 89 (2): 169–178. Resumo.
  • Gonyea, W. & Ashworth, R. (1975): "The form and function of retractile claws in the Felidae and other representative carnivorans". Journal of Morphology 145 (2): 229-238.