Evanxeo de Mateu
O Evanxeo de Mateu, encadrado dentro dos sinópticos, é o primeiro dos evanxeos sobre Xesucristo, tal como aparece nas biblias cristiás.Ten unha grande influencia na relixiosidade popular e na arte relixiosa, por episodios como a Adoración dos Magos ou a matanza dos inocentes. Tamén, os capítulos 5 a 7 deste libro, o chamado "Sermón do Monte", son claves para entender a formación da moral cristiá.
Data de composición e destinatarios
editarAlgúns autores antigos, como Agostiño de Hipona aseguraban que existía un evanxeo de Mateu anterior ao texto que temos hoxe, escrito en lingua aramea. Iso situaría a Mateu como o Evanxeo máis antigo, anterior incluso a Marcos.
A esa concepción tradicional contrapóñense unha serie de feitos:
- Non se atopou ata o de agora ningún manuscrito do chamado "Mateu aramaico", tódolos materiais coñecidos, tanto completos como fragmentarios son do Mateu en grego.
- A referencia a feitos históricos, que se produciron despois do suposto Mateu aramaico, sinaladamente a destrución do Templo, da que fala Mateu e que se produciu no ano 70.
Polo tanto, os estudosos inclínanse pola existencia dun único texto, escrito en grego, escrito entre os anos 80 e 90. Semella que os destinarios eran unha comunidade cristiá en contacto cos xudeus pero que vivían nun ambiente hostil. Tendo en conta que no Evanxeo, ao contrario do que sucede en Marcos ou Lucas, non hai ningunha explicación sobre os costumes e leis xudeus pero, secasí, son moi abondosas as referencias críticas en contra dos fariseos, considérase que buscaba darlles argumentos fronte os xudeus. Deste xeito, moitos estudosos sitúan na comunidade de cristiáns de orixe xudía de Antioquía aos destinatarios deste Evanxeo: alí autoridade de Pedro, que transloce neste libro, era grande e, tamén alí, había unha sinagoga da ben organizada colectividade xudía.[1]
Autor e estilo
editarAtribuído tradicionalmente ao apóstolo Mateu. Sobre o autor adóitase indicar que era de orixe xudía, posto que manexa con soltura conceptos do Antigo Testamento e da tradición xudía como demostra ao reiterado uso da expresión "Reino dos Ceos" que se encadra dentro da resistencia xudía de evitar a pronuncia do nome de Deus. Ademais, o grego que usa o autor está cheo de xiros e expresións hebreas. Considérase que o autor debeu facer uso da pseudoepigrafía, común naqueles tempos.[1] O estilo é claro, solenme e hiératico. Recolle moitos ditos de Xesús e presenta cinco grandes sermóns del.
Estrutura
editarO evanxeo estrutúrase en seccións narrativas e discursivas que se van alternando.
Capítulos | Denominación | Contido | ||||||
1-4 | Evanxeo da infancia | Xenealoxía de Xesús Concepción e nacemento de Xesús Adoración dos Magos, matanza dos inocentes e fuxida a Exipto Volta e asentamento en Nazaret Bautismo de Xesús, tentacións e primeiros seguidores | ||||||
5-7 | Sermón do Monte | Benaventuranzas A nova Lei | ||||||
8-9 | Sección narrativa: milagres | Curacións | ||||||
10 | Seción discursiva: Misión dos Doce | Instrucións aos discípulos que envía a predicar | ||||||
11-12 | Sección narrativa | Viaxes, milagres e controversias Sentido da misión de Xesús | ||||||
13 | Seción discursiva central: O Reino de Deus | Parábolas do sementador, do gran de mostaza etc. | ||||||
14-17 | Sección narrativa | Morte do Bautista Curacións Multiplicacións dos pans Transfiguración | ||||||
18-20 | Discurso sobre o perdón e as riquezas | Parábola da ovella perdida Parábola do servo Controversias O perigo das riquezas | ||||||
21 | En Xerusalén | Entrada en Xerusalén Purificación do Templo | ||||||
22-25 | Predicación en Xerusalén | Parábolas O principal mandamento Denuncia dos fariseos Discurso apocalíptico Parábolas da fin: as dez mociñas, os talentos, o Xuízo Final | ||||||
26-28 | Paixón, morte e resurrección | Última Cea Paixón e morte Resurección e aparicións |
Teoloxía de Mateu
editarNeste libro preséntase a Xesús buscando facer ligazóns con importantes persoeiros do Antigo Testamento empregando expresións como "fillo de David", "fillo de Abraham" e "Novo Moisés". Ao longo do texto preséntao como "fillo de Deus", identifícao como un Mesías sufrinte mais tamén como o "Salvador" anunciando que ha de ser o xuíz que xulgará o mundo.
Segundo Mateu, Xesús anuncia o reino de Deus insistindo que está xa presente facendo símiles con que o Reino de Deus é unha pequena semente da que agroma unha árbore vizosa[2] ou como un eido no que medran xuntos trigo e xoio.[3] O Reino de Deus debe ser anunciado a toda a humanidade e cómpre ser como nenos para acadalo ou, como anuncia Xesús no Sermón do Monte, vivir na pobreza e na non violencia.[4][5]
Diferéncianse dúas etapas na historia da salvación: unha, primeira, que se concreta no tempo de Israel (que remata con Xoán Bautista) e o da Igrexa, que arrinca con Xesús e os seus discípulos.
Edicións en galego
editarA súa tradución foi encargada por Louis Lucien Bonaparte a Vicente Turnes, mais considerou a tradución moi castelanizada e encargoulle unha segunda versión a José Sánchez de Santa María, que saíu publicada en Londres en 1861 co título de Observaciones comparativas sobre la pronunciación gallega, asturiana, castellana y portuguesa.
Ao abeiro do Concilio Vaticano II a Igrexa Católica autorizou o emprego de linguas vernáculas na liturxia, facendo necesaria a tradución da Biblia á lingua galega.[6] Deste xeito, a editorial SEPT editou en 1965 a primeira edición dos Evanxeos baixo o título A Palabra de Deus: Os Evanxeos sendo Manuel Espiña Gamallo e Xosé Morente os seus tradutores.[7] En 1980, dentro do proxecto de tradución por enteiro da Biblia, de novo a editorial SEPT, publicou o Novo Testamento en galego, sendo Xosé Manuel Rodríguez Pampín e Andrés Torres Queiruga os responsables da tradución do Evanxeo de Mateu dende o orixinal grego.[8]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 O Novo Testamento. SEPT. 1998. p. 31. ISBN 84-7337-048-1.
- ↑ "Mateo: capítulo 13, versículo 31 - A Biblia en liña - A Biblia (SEPT)". JW.ORG. Consultado o 2022-10-02.
- ↑ "Mateo: capítulo 13, versículo 26 - A Biblia en liña - A Biblia (SEPT)". jw.org.
- ↑ "Mateo: capítulo 18, versículo 3 - A Biblia en liña - A Biblia (SEPT)". jw.org.
- ↑ "Mateo: capítulo 5, versículos do 3 a 11 - A Biblia en liña - A Biblia (SEPT)". JW.ORG. Consultado o 2022-10-02.
- ↑ "El uso de las lenguas vernáculas en la edición de los libros de la liturgia romana. Instrucción quinta "para aplicar debidamente la constitución del Concilio Vaticano II sobre la sagrada liturgia" (ad Const. art. 36)". www.vatican.va. Consultado o 2022-10-02.
- ↑ "SEPT: 50 ANOS – Editorial SEPT". Consultado o 2022-10-02.
- ↑ O Novo Testamento. SEPT. 1998. p. 11. ISBN 84-7337-048-1.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Evanxeo de Mateu |
Ligazóns externas
editar- Evanxeo de Mateu (en galego)
- Evanxeo de Mateu (en latín)