Douglas A-33
O Douglas A-33 (Model 8A-5) foi unha versión mellorada do avión de ataque ao chan Northrop A-17 para o mercado de exportación que contaba cun motor máis potente e unha maior carga de bombas.
Douglas A-33 | |
---|---|
Tipo | ataque ao chan |
Fabricante | Douglas Aircraft Company |
Introducido | 1941 |
Unidades construídas | 36 |
Deseño e desenvolvemento
editarEn 1932 Northrop Corporation formouse como unha subsidiaria propiedade parcialmente de Douglas e en 1937 o Northrop Model 8 pasou a ser coñecido como o Douglas 8A fabricado na división de El Segundo de Douglas.
O 8A-5 estaba impulsado por un motor Wright R-1820-87 de 1 200 cabalos e era o máis potente e mellor armado da serie, equipado con catro metralladoras de 7,62 mm nas ás, dúas de 12,7 mm en vainas baixo estas e unha de 7,62 mm de tiro traseiro nunha montaxe flexible. Ademais podía levar unha carga de ata 815 kg de bombas.
Historial operacional
editarA comezos de 1940 o goberno noruegués pediu 36 8A-5 que non foran entregados antes de que Noruega fose invadida por Alemaña. Completados entre outubro de 1939 e xaneiro de 1941, os avións entregáronse a un centro de adestramento no Canadá creado para o goberno noruegués no exilio, chamado "Pequena Noruega" e situado no aeroporto da Illa de Toronto, en Ontario.
Despois da perda de dous aparellos e dunha reavaliación das necesidades de adestramento atopadas para o uso doutros avións, as 34 unidades restantes foron vendidas ao Perú. Porén, 31 foron recuperados polo Corpo Aéreo do Exército dos Estados Unidos no comezo da segunda guerra mundial. Eses aparellos, designados A-33, usáronse para adestramento, como remolcadores de obxectivos e para tarefas utilitarias.[1]
Notas
editar- ↑ Pelletier Air Enthusiast Setembro/outubro de 1998, pp. 3-4.