Dashiell Hammett
Samuel Dashiell Hammett, nado en Saint Mary's County (Maryland) o 27 de maio de 1894 e finado en Nova York o 10 de xaneiro de 1961, foi un escritor norteamericano de novela negra.
Traxectoria
editarAínda que a tendencia realista tanto nos contidos como na linguaxe xa comezara nos relatos de Ernest Hemingway, Hammett codificou o estilo de ficción protagonizada por "tipos duros", onde se representan os baixos fondos e as baixas paixóns que levan á xente real a cometer crimes. Como dixo Raymond Chandler:
"Hammett devolveulle o crime á xente que o cometía por unha razón, non só para proporcionar un cadáver; e cos medios que tiña a man, non con pistolas de duelo feitas a man, curare ou peixes tropicais. Puxo a esta xente no papel tal como eran, e fíxoos pensar e falar como o facían ao dedicárense a isto." [1]
O seu primeiro conto publicouse en Black Mask en 1923, e aí naceu o Continental Op baseado nas súas experiencias como detective da axencia Pinkerton. Até 1930 apereceria nuns 30 contos e en dúas novelas. A primeira delas foi Colleita vermella (1929), a primeira obra mestra da novela negra, representando unha serie de crimes sen fin nunha cidade corrupta que podería ser calquera grande urbe contemporánea.
A partir de 1929 apareceu o personaxe de Sam Spade, que será o arquetipo de detective "hard boiled", un tipo frío e solitario, co seu propio sentido da xustiza. A representación que del fixo Humphrey Bogart na película The Maltese Falcon (dirixida en 1941 por John Huston) sentou a base de toda unha tradición fílmica e introduciu un novo mito no imaxinario colectivo.
Retirada
editarHammett deixou de escribir en 1934. Malia que intentou retomalo posteriormente, no momento da súa morte só quedaron uns capítulos dunha nova novela Tulip, que por primeira vez non era de detectives.
En 1951 cumpriu 5 meses de prisión por negarse a declarar ante o Comité de Actividades Antiamericanas sobre as súas actividades no Partido Comunista dos Estados Unidos.
Obras
editar- Colleita vermella (Red Harvest, 1929[2])
- The Dain Curse ("A maldición dos Dain"; 1929)
- The Maltese Falcon ("O falcón maltés"; 1930)
- The Glass Key ("A chave de cristal"; 1931)
- The Thin Man ("O home delgado"; 1934)
- The Big Knockover ("O gran golpe"; relatos)
Traducións ao galego
editarÁ altura de 2019, amais da novela Colleita vermella, fora traducido e publicado en galego o relato "Só poden enforcalo unha vez", dentro da Antoloxía do relato policial[3]
Notas
editar- ↑ "Hammett gave murder back to the kind of people that commit it for reasons, not just to provide a corpse; and with the means at hand, not hand-wrought dueling pistols, curare and tropical fish. He put these people down on paper as they were, and he made them talk and think in the language they customarily used for these purposes." Raymond Chandler: The simple Art of Murder Athlantic Monthly, 1950
- ↑ Traducida ao galego por Diego Ameixeiras e publicada en 2016 pola Editorial Hugin e Munin.
- ↑ "Só poden enforcalo unha vez". Antoloxía do relato policial. Aula das Letras. Santamaría, J. e Alonso, P. (eds); Tobar Salazar, Alejandro (trad.); Tha (ilustrador) (1ª. ed.). Barcelona: Vicens-Vives. 2013. pp. 3–44. ISBN 9788468213057. Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2018. Consultado o 15 de marzo de 2019..