Corrente de Foucault
As correntes de Foucault ou correntes parasitas son correntes inducidas nun condutor cando o fluxo magnético a través dunha mostra razoabelmente grande de material condutor varía. O nome foi dado en homenaxe a Jean Bernard Léon Foucault, que estudou ese efecto.
Se o material o permite, féchanse circuítos a través dos cales circulan correntes inducidas seguindo a Lei de Faraday. Estas correntes poden producir resultados indesexábeis, como a disipación por efecto Joule, o que fai que a temperatura do material aumente. Para evitar a disipación por efecto Joule, os materiais suxeitos a campos magnéticos variábeis son frecuentemente laminados ou construídos con placas moi finas illadas unhas das outras. Con isto faise que os circuítos formados estean orientados co campo, a corente teña un percorrido moi pequeno e a disipación sexa mínima.