Cointreau
Cointreau é unha marca de triple sec (un licor con sabor a laranxa) producido en Saint-Barthélemy-d'Anjou (Maine e Loira, Francia). Bébese como aperitivo e dixestivo, e é un compoñente de varios coñecidos cócteles. Orixinalmente foi chamado "Curação Branco Triple Sec".[1]
Historia
editarA empresa creárona en 1849 en Angers (Francia) os mestres pasteleiros Adolphe e Edouard-Jean Cointreau. Abriron unha destilería para elaborar licores a partir das froitas que se producían na rexión. O seu primeiro éxito foi co licor de cereixa guignolet, pero en 1875, Edouard Cointreau, fillo de Edouard-Jean, destilou un preparado de cascas de laranxa doces e amargas e alcohol puro de remolacha, creando o triple sec (triplo seco), chamado así pola súa tripla destilación en alambiques de cobre. A receita orixinal do Cointreau mantívose ata o século XXI. A diferenza do curaçao, non utiliza o "Citrus aurantium" na súa variedade "curassavuensus", senón laranxas doces e amargas de importación, pois a rexión de Angers non produce cítricos. A orixe das laranxa amarga de Cointreau proceden de todo o mundo, principalmente de España, Brasil, Haití e Ghana.
A principios do século XX a marca xa vendía 800.000 botellas ao ano, e abriu a súa primeira sucursal europea. Na actualidade, estímase que 13 millóns de botellas véndense cada ano en máis de 150 países. O noventa por cento da produción expórtase. Cointreau & Cie SA era propiedade da familia ata 1990 cando a empresa fusionouse coa marca de coñac Rémy Martin, trala voda dunha irmá do presidente e descendente da familia Rémy Martin, André Hériard Dubreuil, con Edouard Cointreau, da cuarta xeración. O grupo empresarial adoptou o nome de Rémy Cointreau e empezou a cotizar en Bolsa.[2] Rémy Cointreau é tamén propietario da marca de ron Barbados Mount Gay, da marca de champaña Charles Heidsieck, e do augardente de viño grego Metaxa.
Os métodos de produción e a receita son un segredo de familia, pero o percorrido polas instalacións está aberto ao público. Aínda que está restrinxido o poder sacar fotos en moitas áreas para protexer a copia do proceso de produción.
Características e consumo
editarÉ un licor de 40% Vol. de graduación alcohólica, obtido a partir da destilación de cascas de laranxa de variedades e procedencias diversas, tanto doces como amargas. As cascas sécanse ao sol, macéranse e destílanse en alambiques de cobre dando por resultado un aceite esencial que confire ao licor un aroma intenso e moi natural, entre doce e amargo. Este aceite esencial mestúrase con alcohol, auga e azucre en forma de caldo de azucre e especias. O segredo da súa elaboración e composición foi cuidadosamente gardado desde hai máis de 130 anos. O licor é cristalino e se enturbia en contacto co xeo, adquirindo un ton anacarado.
Tradicionalmente tomábase ás sobremesas ou despois do café (pousse-café), ou como bebida dixestiva. Desde principios dos anos 1920, alcanzou fama mundial, polo que pasou a ser o triplo seco máis utilizado na composición de cócteles tan coñecidos, como o Margarita, o Cosmopolitan e o Sidecar. A lista dos cócteles nos que se emprega o Cointreau segue alargándose, xa que a súa categoría de "alcohol branco" (cristalino), facilita a súa combinación en cócteles e bebidas. Cando non se combina con outras bebidas, adóitase tomar seco ou con xeo. Emprégase tamén tradicionalmente para aromatizar tortas, cremas, ensaladas de froitas e pratos de carne coma o pato á laranxa.
Parte da súa fama vai unida á forma característica da súa botella, cadrada con bordos arredondeados e de cor ámbar para que o seu contido non se corrompa coa luz.
Outras clases de triplo seco
editar- Curaçao, unha denominación de orixe
- Grand Marnier: triplo seco creado en 1880 en Charente, Francia, e feito con coñac e esencia de laranxa amarga
- A casa comercial Kuyper chama ao seu licor de laranxa simplemente Triplo Sec
- A casa comercial Larios chama ao seu licor de laranxa simplemente Triplo Seco
Notas
editar- ↑ Alexis Lichine, Cfr. Enciclopedia del vino y alcoholes de todos los países. Traducción castellana. Barcelona 1987, p. 236
- ↑ History section of Rémy Cointreau web site
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cointreau |