Civilización maia

(Redirección desde «Civilización Maia»)

A civilización maia habitou a América central na actual Guatemala e no Iucatán ao sur do México, cunha rica historia de case 3000 anos, tratándose dunha cultura meso-americana precolombiana. Contrariando a crenza popular, o pobo maia nunca "desapareceu", pois millóns aínda viven na mesma rexión e moitos deles aínda falan algúns dos dialectos da lingua orixinal. Este artigo discorre principalmente sobre a civilización maia antes da conquista española.

Ruínas maias en Belize
Mapa histórico dos territorios habitados por pobos de lingua maia

Evidencias arqueolóxicas mostran que os maias comezaron a edificaren a súa arquitectura cerimonial hai uns 3000 anos. Entre os estudosos hai certo desacordo entre os límites e diferenzas entre a civilización maia e a cultura meso-americana preclásica veciña dos olmecas. Os olmecas e os maias antigos, parecen terse influenciado mutuamente.

Os monumentos máis antigos consisten en simples montículos onde construíran tumbas funerarias, precursoras das pirámides erixidas máis tarde.

Eventualmente, a cultura olmeca teríase esvaecido despois de dispersar a súa influencia na península do Iucatán, na Guatemala e noutras rexións.

Os maias construíron as famosas cidades de Tikal, Palenque, Copán, e Kalakmul, tamén Dos Pilas, Uaxactún, Altún Ha, e moitas outras poboacións na área. Desenvolveron un imperio baseado na agricultura despois dunha longa fase de cidades-estado independentes. Os monumentos máis notábeis son as pirámides que construíron nos seus centros relixiosos, xunto aos pazos dos seus gobernantes. Outros restos arqueolóxicos moi importantes son as chamadas estelas (os maias chámanlles Tetún, ou “tres pedras”), monólitos de proporcións considerábeis que describen os gobernantes da época; a súa xenealoxía, os seus feitos de guerra e outros grandes eventos, gravados en caracteres xeroglíficos.

Os maias participaban activamente no comercio en toda a Meso-América e posibelmente alén. Entre os principais produtos do comercio estaban o cacao, o sal, e maila obsidiana.

 
Relevo en estuco no museo de Palenque

Moitos consideran a arte maia da Era Clásica (200 a 900 d.C.) como a máis sofisticada e bela do Novo Mundo antigo. As entallas e relevos en estuco de Palenque e o estatuario de Copán son especialmente refinados, mostrando unha graza e observación precisa da forma humana, que recordaron aos primeiros arqueólogos da civilización do Vello Mundo, de aí o nome dado á era.

 
Mural con fresco en Bonampak

Soamente existen fragmentos da pintura avanzada dos maias clásicos, a maioría sobrevivente en artefactos funerarios e outras cerámicas. Tamén existe unha construción en Bonampak que ten murais antigos e que afortunadamente, sobreviviron a un accidente.

Co descifrado da escrita maia descubriuse que esa civilización foi unha das poucas nas cales os artistas escribían o seu nome nos seus traballos.

Arquitectura

editar

A arquitectura maia abrangue varios milenios; aínda así, máis dramática e facilmente recoñecíbeis como maias son as fantásticas pirámides escalonadas do final do período preclásico en diante. Durante este período da cultura maia, os centros de poder relixioso, comercial e burocrático creceron para se tornaren incríbeis cidades como Chichén Itzá, Tikal e Uxmal. Debido as súas moitas semellanzas así como diferenzas estilísticas, os restos da arquitectura maia son unha chave importante para o entendemento da evolución da súa antiga civilización.

Deseño urbano

editar

Aínda que as cidades maias estivesen dispersas na diversidade da xeografía da Meso-América, o efecto do planeamento parecía ser mínimo; as súas cidades construíronse dunha maneira un pouco descoidada, como ditaba a topografía e declive particular. A arquitectura maia tendía a integrar un alto grao de características naturais. Por exemplo, algunhas cidades existentes nas planicies de pedra calcaria no norte do Iucatán convertéronse en municipalidades moi extensas en canto que outras, construídas nos outeiros do río Usumacinta, utilizaron os declives e montes naturais da súa topografía para elevaren as súas torres e templos a alturas impresionantes. Aínda así, prevalece algún sentido de orde, como é requirido por calquera gran cidade. No comezo da construción en grande escala, xeralmente se estabelecía un aliñamento coas direccións cardinais e, dependendo do declive e das dispoñibilidades de recursos naturais como auga fresca (pozos ou cenotes), a cidade crecía conectando grandes prazas coas numerosas plataformas que formaban os fundamentos de case todos os edificios maias, por medio de calzadas ou sacbeob. No corazón das cidades maias existían grandes prazas rodeadas por edificios gobernamentais e relixiosos, como a acrópole real, grandes templos de pirámides e ocasionalmente canchas de xogo de bóla. Inmediatamente para fóra destes centros rituais estaban as estruturas das persoas menos nobres, templos menores e santuarios individuais. Entrementres, canto menos sagrada e importante era a estrutura, maior era o grao de privacidade. Unha vez estabelecidas, as estruturas non eran desviadas das súas funcións nin outras eran construídas, mais as existentes eran frecuentemente reconstruídas ou remodeladas. As grandes cidades maias parecían tomar unha identidade case aleatoria, que contrasta profundamente con outras cidades de meso-américa como Teotihuacán na súa construción ríxida e cuadriculada. Aínda que a cidade se dispuxese no terreo na forma en que a natureza ditara, púñase coidadosa atención á orientación direccional dos templos e observatorios para que fosen construídos de acordo coa interpretación maia das órbitas das estrelas. Fóra dos centros urbanos, constantemente en evolución, había os lugares menos permanentes e máis modestos do pobo común.

O deseño urbano maia pode describirse sinxelamente como a división do espazo en grandes monumentos e calzadas. Neste caso, as prazas públicas ao ar libre eran os lugares de reunión para as persoas. Por esta razón, o enfoque no deseño urbano tornaba o espazo interior das construcións completamente secundario. Soamente no período posclásico tardío, as grandes cidades maias convertéronse en fortalezas que xa non posuían a maioría das veces, as grandes e numerosas prazas do período clásico.

Materiais de Construción

editar

Un aspecto sorprendente das grandes estruturas maias é a carencia de moitas das tecnoloxías avanzadas que poderían parecer necesarias a tales construcións. Non hai noticia do uso de ferramentas de metal, roldanas ou vehículos con rodas. A construción maia requiría un elemento con abundancia, moita forza humana aínda que contase con abundancia dos materiais restantes, facilmente dispoñíbeis. Toda a pedra usada nas construcións maias parece ser extraída de lugares canteiros, con maior frecuencia era usada pedra calcaria, que aínda que extraída e exposta, permanecía afábel para traballarse e puída con ferramentas de pedra, só endurecendo moito tempo despois. Alén do uso estrutural de pedra calcaria, esta era usada en argamasas feitas do calcario queimado e moído, que ten propiedades moi semellantes ás do actual cemento, xeralmente usada para revestimentos, teitos e acabamentos e para unir as pedras sen obstáculos de, co pasar do tempo e da melloría do acabamento das pedras, reduciren esta última técnica xa que as pedras pasaron a se encaixar case perfectamente. Aínda así, o uso da argamasa permaneceu crucial nalgúns teitos de postes e vergas sobre portas e fiestras (lintel). Cando se trataba das casas comúns, os materiais máis usados eran as estruturas de madeira, adobe nas paredes e cobertura de palla, aínda que teñan sido descubertas casas comúns feitas de pedra calcaria, e se non total parcialmente. Aínda que non era moi común, na cidade de Comalcalco, encontráronse ladrillos de barro cocido, posibelmente foi a solución encontrada para o acabamento en virtude da falta de depósitos substanciais de boa pedra.

Proceso de Construción

editar
 
Templo de Palenque

Todas as evidencias parecen suxerir que a maioría dos edificios foi construída sobre plataformas aterradas cuxa altura variaba de menos dun metro, no caso de terrazos e estruturas menores, a até corenta e cinco metros no caso de grandes templos e pirámides. Unha trama inclinada de pedras partía das plataformas en polo menos un dos lados, contribuíndo para a aparencia bi-simétrica común á arquitectura maia. Dependendo das tendencias estilísticas que prevalecían na área e época, estas plataformas construíanse dun corte e unha porción de terra e entullos densamente compactados. Como no caso de moitas outras estruturas, os relevos maias que os adornaban, case sempre se relacionaban co propósito da estrutura á que se destinaban. Despois de terminadas, as grandes residencias e templos eran construídas sobre as plataformas. En tales construcións, sempre erguidas sobre tales plataformas, é evidente o privilexio dado ao aspecto estético exterior en contrapunto coa pouca atención á utilidade e funcionalidade do interior. Parece haber un certo aspecto repetitivo canto aos vans das construcións nos cales os arcos (como curvas) son raros, mais frecuentemente son rectos, angulados ou imbricados, tentando máis reproducir a aparencia dunha cabana maia que efectivamente incrementar o espazo interior. Como eran necesarias grosas paredes para sustentar o teito, algúns edificios das épocas máis posteriores utilizaron arcos repetidos ou unha bóveda arqueada para construír o que os maias denominaban pinbal, ou saunas, como a do Templo da Cruz en Palenque. Aínda que completadas as estruturas, a elas íanse anexando extensos traballos de relevo ou polo menos argamasa para aplanar calquera imperfección. Moitas veces baixo a argamasa encontráronse outros traballos de entallas e linteis e até mesmo pedras de fachadas. Comunmente a decoración con faixas de relevos facíase ao en redor de toda a estrutura, provendo unha gran variedade de obras de arte relativas aos habitantes ou ao propósito do edificio. Nos interiores, e especialmente en certo período, foi común o uso de revestimentos con argamasa primorosamente pintados con escenas do uso cotiá ou cerimonial.

Hai suxestión de que as reconstrucións e remodelacións ocorrían en virtude do cumprimento dun ciclo completo do calendario maia de conta larga, de 52 anos. Actualmente, pénsase que as reconstrucións eran máis instigadas por razóns políticas que polo cumprimento do ciclo do calendario, xa que tería habido coincidencia coa data da asunción de novos gobernantes. Non obstante, o proceso de reconstrución encima de estruturas vellas é unha práctica común. Notabelmente, a acrópole de Tikal parece ser a síntese dun total de 1.500 anos de modificacións arquitectónicas.

Construcións Notábeis

editar

Plataformas Cerimoniais

editar

Estas eran comunmente plataformas de pedra calcaria con muros de menos de catro metros de altura onde se realizaban cerimonias públicas e ritos relixiosos. Construídas nas grandes plataformas, eran ao menos realzadas con figuras talladas en pedra e ás veces tzompantli ou unha estaca usada para exhibir as cabezas das vítimas, ou sexa, os opoñentes derrotados nos xogos de bóla meso-americanos.

Palacios

editar
 
Tikal: templo ΙΙ, unha pirámide de tres corpos

Grandes e xeralmente moi decorados, os palacios xeralmente estaban próximos do centro das cidades e hospedaban a elite da poboación. Calquera palacio real grande, ou polo menos que tivese varias cámaras ou fose erguido en varios niveis, foi chamado de acrópole. Tales construcións consistían en varias pequenas cámaras ou polo menos un patio interno, parecendo feitas para serviren de residencia a unha persoa ou pequeno grupo familiar decorada como tal. Os arqueólogos parecen estar de acordo en que moitos palacios son tamén o lugar de moitas tumbas mortuarias. En Copán, debaixo de 400 anos de remodelacións posteriores, descubriuse a tumba dun dos seus antigos gobernantes e a acrópole de Tikal parece ter sido o lugar de varios enterramentos do final do período preclásico e inicio do clásico.

Grupos E

editar

Os estudosos denominan "Grupo E" á frecuentemente encontrada formación de tres pequenas construcións, sempre situadas ao oeste das cidades, tratándose dun intrigante misterio á súa recorrencia. Estas construcións sempre inclúen polo menos unha pequena pirámide-templo ao oeste da praza principal que ten sido aceptada como observatorio debido ao seu preciso posicionamento en relación ao Sol, cando é observado desde a pirámide principal nos solsticios e equinoccios. Outras teses suxiren que a súa localización reproduce ou polo menos se relaciona coa historia da creación do universo segundo a mitoloxía maia, posto que varios dos seus adornos a ela, frecuentemente, se refiren.

Pirámides e Templos

editar
 
Templo maia

Con frecuencia os templos relixiosos máis importantes encontrábanse encima das pirámides maias, supostamente por ser o lugar máis preto do ceo. Aínda que recentes descubertas apunten para o uso extensivo de pirámides como tumbas, os templos raramente parecen ter contido sepulturas. A falta de cámaras funerarias indica que o propósito de tales pirámides non é servir como tumbas e, se as encerran, isto é incidental. Polas inclinadas escadas, permitíase aos sacerdotes e oficiantes o acceso ao cume da pirámide onde había tres pequenas cámaras con propósitos rituais. Os templos sobre as pirámides, a máis de 60 metros de altura, como El Mirador, de onde se descortinaba o horizonte ao lonxe, constituíron estruturas impresionantes e espectaculares, ricamente decoradas. Comunmente posuían unha crista sobre o teito, ou un gran muro que, teorizan, podería ter servido para a escrita de sinais rituais para seren vistos por todos. Como eran ocasionalmente as únicas estruturas que excedían a altura da selva, as cristas sobre os templos eran minuciosamente talladas con representacións dos gobernantes que se podían ver de grandes distancias. Debaixo dos orgullosos templos estaban as pirámides que eran, en última instancia, unha serie de plataformas divididas por escadas empinadas que daban acceso ao templo.

Observatorios Astronómicos

editar

Os maias foron excepcionais astrónomos e mapearon as fases e cursos de diversos corpos celestes, especialmente da Lúa e de Venus. Moitos dos seus templos tiñan xanelas e miras demarcatorias (e probabelmente outros aparatos) para acompañar e medir o progreso das rotas dos obxectos observados. Templos arredondados, case sempre relacionados con Kukulcan, son talvez os máis descritos como observatorios polos máis modernos guías turísticos de ruínas, mais non hai evidencias de que o seu uso tiña esta exclusivamente finalidade, como tamén, en varios templos sobre pirámides encontráronse marcacións de miras que indican que tamén desde alí se fixeron observacións astronómicas.

Canchas de Xogos de Bóla

editar
 
Grande estadio en Chichen Itza

Un aspecto interesante do estilo de vida meso-americano é o seu xogo de bola ritual e as súas canchas ou estadios, que foron construídos por todo o imperio maia en grande escala. Estes estadios normalmente situábanse nos centros das cidades. Tratábase de espazos amplos entre dúas laterais de plataformas ou ramplas graduadas paralelas, en forma de "I" maiúsculo direccionado unha plataforma cerimonial ou templo menor. Estas canchas encontráronse na maioría das cidades maias, excepto nas máis pequenas.

Sistema de escrita

editar
Artigo principal: Escrita maia.

O sistema de escrita maia (xeralmente chamada xeroglífica por unha vaga semellanza coa escrita do antigo Exipto, co cal non se relaciona) era unha combinación de símbolos fonéticos e ideogramas. É o único sistema de escrita do novo mundo precolombiano que podía representar completamente o idioma falado no mesmo grao de eficiencia que o idioma escrito no vello mundo. O descifrado da escrita maia foi un proceso longo e traballoso. Algunhas partes descifráronse no final do século XIX e inicio do século XX (na súa maioría, partes relacionadas con números, calendario e astronomía), mais os maiores avances fixéronse nas décadas de 1960 e 1970 e aceleráronse de aí en diante, de maneira que actualmente a maioría dos textos maias poden ser lidos case completamente nos seus idiomas orixinais. Lamentabelmente, os sacerdotes españois, na súa loita pola conversión relixiosa, ordenaron a queima de todos os libros maias despois da conquista. Así, a maioría das inscricións que sobreviviron son as que se gravaron en pedra e isto porque a gran maioría estaba situada en cidades xa abandonadas cando os españois chegaron. Os libros maias normalmente tiñan páxinas semellantes a un cartón, feitas dun tecido sobre o cal aplicaban unha película de cal branca sobre a cal se pintaban os caracteres e ilustracións. Os cartóns ou páxinas atábanse entre si polas laterais, de maneira que se formaba unha longa fita que era dobrada en zig-zag para gardar e desdobrar para a lectura. Actualmente restaron apenas tres destes libros e algunhas outras páxinas dun cuarto, de todas as grandes bibliotecas entón existentes. Frecuentemente se encontran, nas escavacións arqueolóxicas, táboas rectangulares de xeso que parecen ser restos do que fóra un libro despois da descomposición do material orgánico.

Relativamente aos poucos escritos maias existentes, Michael Cor, un prominente arqueólogo da Universidade de Yale dixo:

“O noso coñecemento do pensamento maia antigo representa só unha minúscula fracción do panorama completo, pois dos millares de libros nos cales toda a extensión dos seus rituais e coñecementos se rexistraron, só catro sobreviviron até os tempos modernos (como se toda a posteridade soubese de nós, baseados apenas en tres libros de oracións e "El Progreso del Peregrino).” (Michael D. Cor, The Maya, Londres: Thames e Hudson, 4ª ed., 1987, p. 161.)

Matemática

editar
 
Grafía dos números maias

Os maias (ou os seus predecesores olmecas) desenvolveron independentemente o concepto de cero (de feito, parece que estiveron usando o concepto moitos séculos antes do vello mundo), e usaban un sistema de numeración de base 20. As inscricións móstrannos, en certas ocasións, que traballaban con sumas de até centena de millóns. Produciron observacións astronómicas extremadamente precisas; os seus diagramas dos movementos da Lúa e dos planetas se non son iguais, son superiores aos de calquera outra civilización que teña traballado sen instrumentos ópticos. Ao encontro desta civilización cos conquistadores españois, o sistema de calendarios dos maias xa era estábel e preciso, notabelmente superior ao Calendario gregoriano, moitas veces reformado despois disto.

Decadencia da civilización maia

editar

Nos séculos VIII e IX d.C. a cultura maia clásica entrou en decadencia, abandonando a maioría das grandes cidades e as terras baixas centrais. A guerra, o esgotamento das terras agrícolas e a seca, ou aínda a combinación destes factores son frecuentemente suxeridos como os motivos da decadencia. Existen evidencias dunha era final en que a violencia se expandía: cidades amplas e abertas foron entón fortemente guarnecidas por murallas, ás veces visibelmente construídas ás presas. Teorízase tamén con revoltas sociais en que clases campesiñas se acabaron revolvendo contra a elite urbana nas terras baixas centrais.

Os estados maias posclásicos tamén continuaron prosperando nos altiplanos do sur. Un dos reinos maias desta área, Quiché, é o responsábel do máis amplo e famoso traballo de historiografía e mitoloxía maias, o Popol Vuh.

A conquista da civilización maia

editar

Os maias foron absorbidos durante o proceso de expansión do imperio azteca por volta do século XV. Por fin, no ano de 1519, Hernán Cortés inicia a conquista das terras aztecas, anteriormente parte do territorio maia. Algunhas cidades ofreceron unha grande e feroz resistencia; a última cidade estado non se subxugou polos españois ata 1697.

Panorama das descubertas

editar

Cristovo Colón, que tomou posesión da illota (San Salvador) en nome da Coroa de Castela o 12 de outubro de 1492 e vagou polas illas do Haití, Cuba e Xamaica, pensaba que eran as costas occidentais de Cipango (Xapón) e Catai (China).

De retorno, a mercadoría máis interesante que trouxo foron habitantes das terras occidentais, os indios caraíbas (vendeu 509 deles en Sevilla en 1495 e o seu irmán vendeu 300 no ano seguinte en Cádiz) que pola súa nudez e falta de cultura logo denunciaron non pertenceren aos famosos e cultos reinos das indias, habendo mesmo quen dixese que nin mesmo descendentes de Adán eran.

Así, logo se alastrou o precepto de que se chegara só ás Antillas, ou sexa, unha terra inculta e inhóspita a camiño das Indias, razón por que en 1506 Juan Díaz de Solís e Vicente Pinzón, cando chegaron ao México, no extremo norte do Iucatán, creron que se trataba só doutra illa máis.

Nin no desembarque de emerxencia dun puñado de sobreviventes dunha expedición de Vasco Núñez de Balboa, en 1511, nas costas do México, nin a chegada de Ponce de León en 1513, máis ao norte, na Florida, deron noticia dos Maias, que continuaron ignorados mesmo de Hernán Cortes cando se apoderaba do Imperio Azteca no México Central a partir de 1519.

Primeiro contacto

editar
Artigo principal: Conquista do Iucatán.

Foi soamente en 4 de marzo de 1517 que a flotilla comandada por Francisco Fernández de Córdoba, (que estaba á cata de indios para os escravizar nas facendas de Cuba), fuxindo a unha tempestade que xa duraba dous días, aportou no norte do Iucatán e logo foi asediada por algunhas canoas repletas de maias vestidos en túnicas de algodón e (en razón das súas aparencias) os españois logo lles atribuíron máis razón que os habitantes de Cuba.

As sólidas e grandiosas construcións visíbeis do mar inspiraron o nome que os españois deron ao lugar: "Gran Cairo" que evocaba a cultura islamita, da cal os ibéricos eran tradicionais adversarios (recorrentemente chamaban as pirámides de mesquitas). Tratábase do primeiro contacto entre as dúas civilizacións.

Entendéndose por sinais, os españois aceptaron o convite e desembarcaron no día seguinte e, despois de dúas horas de marcha cara ao interior do continente, foron sorprendidos polo ataque dos maias no cal, xa de inicio sucumbiron 15 españois. E sucumbirían todos, se non fose o uso dos mosquetes que máis polo barullo que polo efecto fatal, puxo os atacantes en fuga.

Cóntanos Bernal Díaz de Castillo na súa obra Historia da Conquista da Nova España, que ficaron horrorizados polo gran número de ídolos de arxila, uns con cabezas monstruosas, mulleres de grande estatura, todos en escenas e xestos diabólicos e que ...González, o pai da expedición, pasou os cinco dedos en diversos deles e confiscou todo o ouro que encontrou

Apresando dous maias, a expedición fíxose ao mar novamente e navegou ao oeste e sur até chegar á actual Campeche, cuxas dúas grandes torres visíbeis ao lonxe do mar inspiraron o nome Punta de las Mujeres dado ao lugar.

Aí os españois horrorizáronse, pois o sacerdote local acabara de practicar un sacrificio e as paredes, así como os cabelos do sacerdote estaban enchoupados de sangue (e era precepto rigoroso que non os podía limpar). O malestar debeu ficar explícito e o sacerdote, convocando un gran número de guerreiros, fixo que os españois entendesen que non eran benvidos: acenderon unha pequena fogueira e deron a entender que se eles non se fosen até o lume se extinguir, ía haber violencia.

Cautelosa, a tripulación retirouse e tomou rumbo máis para o sur até Champoton, onde desembarcaron, pois a provisión de auga dos navíos acabárase e era necesario renovala. Tentando encher as súas pipas e vasillas nun pozo dos maias, estes hostilizáronos e atacaron por días a fío, apartándose desde a distancia do fío das espadas e dos tiros de mosquetes que xa non os asustaban.

Sen outra alternativa, os españois romperon o cerco e fuxiron en dirección aos navíos, abandonando as vasillas de auga. Na fuga, os bateis envorcaron e os españois seguiron medio a nado, medio agarrados aos cascallos, e despois foron rescatáronos.

Da centena de homes do inicio da expedición, neste embate cincuenta foron mortos e os que non tiveron as súas gargantas cortadas con espadas de madeira encravadas de sílex capturáronos para serviren a futuros sacrificios, e todos os demais ficaron feridos a excepción dun único soldado que sorprendentemente saíu ileso.

O propio cronista Bernal Díaz del Castillo, entón con 25 anos, soportou no seu corpo tres frechas, e o xefe da expedición Hernández de Córdoba veu a falecer das complicacións das feridas daqueles combates.

Feitos ao mar sen auga potábel, con pesadas baixas mais cun puñado de ouro, estes primeiros conquistadores foron o estopín para futuras expedicións doutros tantos aventureiros. Así se iniciaba a conquista dos estados maias.

Redescuberta dos maias

editar

As colonias españolas americanas estaban moi afastadas do mundo exterior, e as ruínas das grandes cidades antigas eran pouco coñecidas excepto polas xentes do lugar. Entrementres, en 1839, o explorador americano John Lloyd Stephens, escoitando noticias de ruínas perdidas nas selvas, visitou Copán, Palenque, e outras localidades acompañado do arquitecto e deseñador Frederick Catherwood. O seu diario de viaxe ilustrado sobre as ruínas incendiaron un forte interese pola rexión e a súa xente promovendo a asimilación do vínculo coa cultura maia entre os dirixentes locais.

A maioría da poboación rural contemporánea da Guatemala e Belize é maia por descendencia e idioma primario; en áreas rurais do México aínda existe unha cultura maia.

Lista de lugares maias

editar

Sitios máis importantes

editar

Outros sitios maias importantes

editar

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar