Entroido
O Entroido[1][2] ou carnaval[3] é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo, coincidindo co período inmediatamente anterior á Coresma e que se celebra principalmente en rexións de tradición católica e con menos extensión en zonas ortodoxas e moi modificado nalgunhas áreas protestantes, como é o caso do Fastelavn nalgúns dos países nórdicos.
O Entroido celébrase tamén en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os entroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa e outros moitos, algúns dos cales están cualificados de festas de interese turístico nacional polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.[4]
Entroido ou carnaval
editar
| ||||
Problemas coa escoita deste ficheiro? Vexa a páxina de axuda. |
A palabra entroido deriva do latín introitus, que significa "entrada" ou "comezo" da primavera e do rexurdimento da vexetación. Na zona norte de Galiza emprégase antroido, como no antroido ribadense e na zona da Fonsagrada ou incluso Monforte de Lemos; no leste da provincia de Ourense, nas terras de Viana do Bolo, a forma tradicional é entrudio[5], mentres que no sur é máis frecuente entroido que é a forma que o DRAG recolle como normativa. Outras variantes recollidas no Atlas Lingüístico Galego son antroiro, entroiro, entrudio e entruido[6]. A forma entroido aparece documentada dende 1251[7]. O entroido coñécese tamén como carnaval (vid. infra), que tamén é un termo galego, ou co francés mardi gras, literalmente "martes graxo" (derivado de graxa, touciño). Nalgúns países onde o entroido desapareceu por presión eclesiástica ou policial, cando foi recuperado utilizouse o termo "carnaval" (así no Brasil[8]). Tamén é carnaval o termo correcto para festas similares celebradas fóra dos días anteriores á Coresma, como os carnavais de verán.
Orixe da palabra carnaval
editarA palabra vén do italiano carnevale, que ten como orixe, segundo a maioría dos etimoloxistas modernos[9] o latín vulgar carne-levare, que significaba "abandonar a carne" (o cal xustamente era a prescrición obrigatoria para todo o pobo durante todos os venres da Coresma). Noutras zonas de España as denominacións populares de carnestoltes ou carnestolendas, respectivamente, parecen indicar que esta é a opción etimolóxica máis sensata (do latín tolere, retirar).
Posteriormente xurdiu outra etimoloxía manexada no ámbito popular: a palabra italiana carnevale significaría que durante a época do carnaval a "carne vale", ou sexa que se pode comer. Tamén se propón outra etimoloxía sen fundamento [10] que provén da expresión latina carrus navalis, ou sexa unha especie de carro triunfal que posiblemente saíse en desfile durante estas datas.
Calendario
editarSuxeriuse que "ciclo do entroido" sexa fusionado con este artigo ou apartado (conversa). Para realizar a fusión dos artigos sigue estes pasos. |
O Entroido, ao variar conforme a Pascua e a Coresma, non ten datas fixas. O martes de entroido adoita coincidir en febreiro ou nos primeiros días de marzo, pero as celebracións relacionadas poden comezar xa en xaneiro. É o que se coñece como ciclo do entroido e que ten nas diferentes vilas de Galiza distintas extensións. Tense tomado como referencia o entroido de Xinzo como o máis longo, se ben a súa distribución en cinco semanas é común a boa parte das comarcas centrais ourensás, como Maceda. En realidade non é o ciclo máis longo pois este é o de Laza onde o ciclo comeza segundo se dan as badaladas o día de ano novo co primeiro folión. Tamén son en ocasións máis longos que o entroido de Xinzo o entroido de Verín e o entroido de Vilariño de Conso, segundo en que momento de febreiro ou marzo caia o entroido pois en Verín o ciclo dá comezo o día de santo Antón (17 de xaneiro) e en Vilariño de Conso o ciclo dá comezo o día de Candelas (2 de febreiro). As súas datas fundamentais, por orde, son:
- Domingo fareleiro
- Domingo oleiro
- Xoves de compadres
- Domingo corredoiro
- Xoves de comadres
- Domingo de entroido
- Luns de entroido
- Martes de entroido
- Mércores de cinza
- Domingo de piñata
Non en todas as vilas se conservan ou existiron todas estas festividades. Ademais, aínda que os días grandes adoitan ser o domingo e o martes de Entroido, noutras localidades, como Laza, a data referencial é o luns de Entroido.
As máscaras
editarAs máscaras do entroido galego presentan, segundo as zonas e comarcas, trazos diferentes. Podemos distinguir dous grandes grupos:
- As máscaras ourensás, que pertencen aos entroidos dun arco de vilas que nace en Maceda e Allariz, esténdese polo sur da provincia e remonta polo leste ata chegar á Ribeira Sacra. Son, habitualmente, máscaras coloristas que cobren a cara, realizadas moitas delas en madeira e que teñen como misión meter medo, asustar, bater nos veciños ou escorrentalos. Aínda que ás veces van en grupo, a súa presenza é habitualmente individual. Entre elas están os cigarróns de Verín, os peliqueiros de Laza, os felos de Maceda, os boteiros de Vilariño de Conso, de Manzaneda e de Viana do Bolo, as charrúas de Allariz, as pantallas de Xinzo, os vergalleiros de Sarreaus, os murrieiros da Teixeira, os troteiros de Bande, as bonitas de Sande no concello de Cartelle,[11] os vellarróns de Riós etc.
- As máscaras da zona atlántica, nunha zona non continua que vai dende Cangas e Vilaboa ao sur ata as comarcas do Deza e o val do Ulla. Son traxes tamén coloristas, pero que frecuentemente deixan o rostro descuberto. Neles o traballo individual de elaboración do vestido é importante, pero máis o é a performance, que adoita ser colectiva. É o caso dos xenerais de Deza e de Ulla, as damas e galáns de Cangas e Vilaboa e as madamitas e madamitos do entroido de Cerdedo-Cotobade.
Tamén existen outros costumes:
- Mecos bonitos e mecos feos de Froxás das Viñas.
- Volantes da Ribeira do Miño (Parroquias de Santiago de Arriba, San Pedro, Camporramiro e Nogueira).
- O Oso de Salcedo, en Salcedo (A Pobra do Brollón).
- O merdeiro en Vigo.
- O Irrio de Castro Caldelas, que sae á rúa entre o 7 e o 11 de setembro e que posiblemente teña a súa orixe no entroido.
A comida do entroido
editarParte da filosofía que rodea as festas do entroido inclúe a idea de comer e beber ben e ata encherse, sendo outra das facetas da idea de exceso e provocación destas festas.
Durante as festas tómanse grandes cantidades dos tradicionais chourizos, lacóns e cachuchas. As androllas e o caldo non faltan tampouco na maioría dos fogares xa que fan falta para repoñer as forzas de toda a foliada destes días.
Tamén nestas datas elabóranse sobremesas especiais como son as orellas e as filloas, que son os pratos máis típicos do entroido.
O Entroido na cultura popular galega
editar- Artigo principal: Febreiro na cultura popular galega.
- A muller gobernadeira, no Antroido lava a salgadeira.
- Algún día será domingo e martes de entroido.
- Antroido á raxeira, Pascuas á lareira.
- As pascuas con quen quixeres, os Antroidos coas vosas mulleres.
- Cada entroido seu choqueiro.
- Día de entroido e domingo de Páscoa, cada larpeiro na súa casa.
- Domingo de Entroido larafuzán, comícheme a carne, deixácheme o pan.
Adeus martes de entroido, adeus, meu amiguiño, Adeus, martes de antroido, —Cantiga popular.
|
Galería de imaxes
editar- Véxase tamén: Galería de imaxes do entroido en Galicia.
-
Entroido en Santiago de Compostela.
-
Xigante no desfile de entroido de Viana do Bolo.
-
Volantes no entroido Ribeirao de Chantada.
-
Boteiro no desfile de domingo de entroido de Viana do Bolo.
-
Volante do entroido Ribeirao.
-
Flores de Entroido.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para entroido.
- ↑ A variante antroido, que malia ser usada, non figura como forma correcta no VOLGa.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para carnaval.
- ↑ Turgalicia (ed.). "Festas de interese turístico nacional de Galicia no Entroido". Arquivado dende o orixinal (html) o 19/05/2011. Consultado o 26/01/2011.
- ↑ Álvarez Pousa, Concepción (2023). A lingua de Viana do Bolo: descrición e textos. Universidade de Vigo. Servizo de Publicacións. p. 164. ISBN 978-84-8158-948-1.
A celebración que ten lugar antes da Coresma, consistente en desfile de folións, comparsas e foliadas, recibe o nome das formas tradicionais de Entrudio e Intrudio, que se substitúen habitualmente na xente nova por Carnaval como solución maioritaria fronte a Entroido do galego común.
- ↑ "Entroido, antroido, entroiro, antroiro, entruido, entrudio". ILG vía twitter.
- ↑ Santamarina, Antón. Antroido ou Entroido. Portal das Palabras (vídeo). 00:41 No minuto.
- ↑ Dicionário Houaiss
- ↑ Segundo o Dicionario da RAE, do it. carnevale, haploloxía do ant. 'carnelevare', de 'carne', carne, e 'levare', quitar, e este calco do gr. ἀπόκρεως; e no Houaiss: latín medieval 'carneleváre' ou 'carnileária' (s. XI-XII) 'véspera do Xoves de Cinza, día en que se inicia a abstinencia de carne esixida na Coresma', do latín clásico 'carnem leváre'(...); ocorre en varios dialectos de Italia, provén do milanés 'carnelevale' (1130), fíxase no it. 'carnevale' (séc. XIV) e de aí no fr. 'carneval' (1552) 'carnaval' (1680), pasando ás demais linguas europeas aínda no séc. XVII.
- ↑ Houaiss: "Parecen sen fundamento histórico hipóteses que derivan a palabra da locución latina carrus navalis ('carro naval'), por asociación coa carreta en forma de barco usada en festas populares romanas, ou que lle atribúen ao 2º elemento do vocábulo orixinal no latín vale (adeus) ou no francés aval (abaixo).
- ↑ Sande reivindica sus 'bonitas' de Entroido (en castelán)
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Entroido |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de entroido |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de carnaval |
Bibliografía
editar- Cocho, Federico (2008). O carnaval en Galicia. Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9782-698-3.
- Tenorio Cerero, Nicolás (1914). La aldea gallega. Cádiz: Imprenta de Manuel Álvarez.
Outros artigos
editar- Museo Galego do Entroido
- En Galicia: Entroido de Laza, Entroido de Xinzo de Limia, Entroido de Ribadeo, Entroido Ribeirao, Entroido de Meira, Entroido de Salcedo, Entroido de verán de Redondela
- Entroido de Cádiz, Entroido de Santa Cruz de Tenerife
- Fóra de España: Entroido de Río de Xaneiro, Entroido de Negros e Brancos
- Carnes tollendas
Ligazóns externas
editar- Entroido de Santiago de Compostela en santiagodecompostela.org
- O entroido, Asociación cultural Andarela
- Álbum fotográfico do desfile do domingo de entroido de 2009 en Viana do Bolo en Flickr (en castelán)