Calendario chinés

O calendario chinés (chinés tradicional: 農曆; chinés simplificado: 农历; pinyin: Nónglì) é un calendario lunisolar, a diferenza do calendario gregoriano occidental que emprega un calendario solar.

O calendario chinés divídese en seis meses de 29 días e seis meses de 30 días, o que resulta en anos de 354 días. De aí que o calendario chinés non coincida co calendario occidental que, en xeral, ten 365 días. Cada mes lunar iníciase na lúa nova e o Aninovo Chinés está determinado pola segunda lúa nova despois do solsticio do 21 de decembro (ou solsticio de inverno), que ocorre entre finais de xaneiro e mediados de febreiro segundo o calendario gregoriano.

Para axustar o ciclo lunar de 354 días ó ciclo solar de 365 débese intercalar un mes cada dous ou tres anos, á diferenza do calendario gregoriano solar que engade un día cada catro anos.

A súa orixe asóciase ao emperador Huang Ti, ó redor do ano 2637 aC, cando introduciu 5 ciclos de doce anos rexidos por animais distintivos: rata, boi, tigre, coello, dragón, cobra, cabalo, ovella, mono, galo, can e porco. As casas lunares ou shǔ son cada unha das 28 constelacións do zodíaco lunar. Dependendo da data e hora de nacemento da persoa, a lúa estará nalgunha das casas lunares, determinando así o signo da persoa.

O calendario chinés tradicional[1] é tan antigo que non se coñecen ben as súas orixes. Di a lenda que as súas primeiras bases se remontan ós xia, que habitaron aquelas terras sobre o 2205 a.C., mentres que outra tradición o atribúe directamente ó mítico Huang ti, unificador e primeiro emperador da China, que viviu alá polo século III a.C. Os historiadores sitúan as orixes cara á metade da dinastía Shang (1300 a.C.), data da primeira constancia documental da utilización das contas cíclicas para os días.

O problema para os sabios astrónomos chineses foi o mesmo que para o resto dos pobos antigos: tentar combinar os movementos da lúa e do sol, ciclos sempre difíciles de conxeniar. O calendario chinés tradicional era lunar, pero iso causaba graves problemas ós agricultores porque non había forma de fixar as estacións nel. Como para o resto de culturas, a procura dun calendario que reflectise correctamente as estacións era fundamental para o agro, polo que os pobos buscaron maneiras de observar o movemento dos astros (tomando a terra como referente) e reflectilo nun sistema cronolóxico de días completos.

Pasaron os séculos e cara ao ano 104 a.C., por medio de sistemas de observación e de medición das sombras proxectadas por un pau vertical (gnomon), os antigos astrónomos chineses chegaron a estimar a duración do ano en 365,2502 días, unha aproximación excelente para a época. Xa sobre o ano 480 da nosa era, o gran sabio Ju Chongzchi estableceuno en 365,2428 días, cun exceso de tan só 52 segundos sobre o valor vixente (365,2422). Ata a reforma gregoriana (proclamada en 1582), o noso calendario acumulaba erros de 11 minutos e 14 segundos por ano (674 segundos). Ju Chongzchi foi trece veces máis preciso once séculos antes.

Principios do calendario chinés

editar

O calendario chinés é lunisola[1]. O ano chinés ordinario consta de 12 lunacións (doce meses lunares) o que supón entre 353 e 355 días. Cada certo tempo (máis ou menos, cada tres anos) intercálase un ano embolismal (un ano con 13 meses lunares) de entre 383 e 385 días.

Como coñecían con grande exactitude a duración dos ciclos lunares e solares, chegaron á mesma conclusión matemática que outras moitas culturas, descubrindo o ciclo de 19 anos (ciclo metónico) e considerando anos embolismais o anos 3º, 6º, 9º, 11º, 17º e 19º do ciclo, pois a norma básica é que o solsticio de inverno debe suceder sempre no 11º mes do ano.

Os chineses medían o ano polo retorno do solsticio de inverno, e para iso valíanse do gnomon, co que calibraban a lonxitude das sombras a mediodía. Considérase un ciclo de 60 anos, dividido noutro menor de 12 anos. Tamén hai un ciclo mensual meteorolóxico, con 24 puntos sinalados.

Dende a introdución do budismo na China cada ano, ademais do seu número, ten o nome dun signo do zodíaco. Os signos do zodíaco chinés son: Shu (rata), Niu (búfalo), Hu (tigre), Mao (coello), Long (dragón), She (serpe), Ma (cabalo), Xan (cabra), Hou (mono), Ji (galo), Gou (can) e Zhu (Porco). O ano comeza cando o sol entra en pisces, coa primeira lúa nova.

Cada mes o sol entra nunha constelación do zodíaco diferente. Se nun mes o sol non entra nunha constelación, ese acaba sendo o mes a intercalar. Chámase co nome do mes anterior antecedido do prefixo "shun-". Os meses agrúpanse en tres grupos: meng (primeiro), zhong (medio) e ki (último); e en catro estacións, chun (primavera), xia (verán), qiu (outono) e dong (inverno). O nome dos meses fórmanse combinado ámbolos dous conceptos, por exemplo "ki-tsin" é o último mes do outono. Os meses tamén se poden denominar como os anos.

Os meses chineses están compostos por tres semanas de 10 días cada unha. O grupo dos primeiros 10 días do mes recibe o nome de tschu. Os días do mes cóntanse polos seus ordinais. O día comeza a media noite e divídese en 12 schis. Cada schi consta de dúas horas, a primeira hora chámase schi-kjao e a segunda schi-tssching. Cada schi divídese en oito ko (cuartos de hora), o ko ten 15 feus, polo que un feu equivale a un minuto. Unha hora chámase tschuco, un jiko é un cuarto de hora.

Axustes

editar

Para axustar o ciclo lunar de 354 días ó ciclo solar de 365 débese intercalar un mes cada 2 ou 3 anos, a diferenza do calendario gregoriano solar que engade un día cada catro anos.