Célula caliciforme
As células caliciformes son células de epitelios glandulares columnares simples, que segregan mucina, que se disolve en auga formando mucus, que ten función protectora, humidificante e lubricante. Están presentes sobre todo nos epitelios intestinal e das vías aéreas.
O seu nome de caliciformes débese a que teñen forma de cálice. A porción apical ten forma de copa, xa que se distende debido aos abundantes gránulos de mucinóxeno; a súa porción basal é máis estreita pola ausencia de gránulos. Hai outras células que segregan mucina (como no estómago), que non se chaman caliciformes porque non teñen esta feitura característica.[1]
Características
editarCélulas con forma de copa coa rexión apical, chamada teca, dilatada e a basal, chamada talo, estreita. A parte superior está chea de gránulos de mucíxeno. Na parte basal está o núcleo aplanado e un citoplasma moi basófilo, con cisternas do retículo endoplasmático paralelas á base e laterais da célula, e un voluminoso aparato de Golgi entre o núcleo e os gránulos de mucíxeno, e mitocondrias. A superficie libre pode ter algúns microvilli, pero o resto da membrana é case liso. Os gránulos de mucíxeno orixínanse no aparato de Golgi, están rodeados de membrana e poden fusionarse con outros e coa membrana plasmática.[2] Utilizan tanto os modos de secreción apócrina coma a merócrina.
Localización
editarAtópanse espalladas nos revestimentos epiteliais de diversos órganos, como o tracto intestinal e o respiratorio. Están presentes no epitelio da traquea, bronquios, e bronquíolos maiores, e no intestino delgado, e colon. Tamén aparecen na conxuntiva na pálpebra superior do ollo.
Poden ser un indicativo de metaplasia, como ocorre no esófago de Barrett.
Secreción
editarAs células caliciformes son un exemplo de glándula exócrina unicelular.
Presentan un nivel de secreción basal ou normal de mucus. Esta secreción lévase a cabo polo movemento dos gránulos secretores axudada por elementos do citoesqueleto.
Teñen tamén unha secreción estimulada polo po, fume e outros irritantes. Outros estímulos son virus, bacterias, e outros patóxenos.
O moco que segregan é unha glicoproteína de elevado peso molecular, que contén ácidos siálicos e ésteres sulfatados, e que se tingue con PAS (ácido periódico-Schiff). A síntese da proteína realízase no retículo endoplasmático rugoso da célula, e a do polisacárido que leva unido e a sulfatación ten lugar no aparato de Golgi.
Notas
editar- ↑ BUHistology|11303loa - Digestive System: Alimentary Canal: fundic stomach, gastric glands, lumen"
- ↑ D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 651-653. ISBN 84-7605-361-4
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- KansasHistology|epithel|epith08 [1]Arquivado 01 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine. "Slide 8: Trachea"
- Goblet Cells at cvmbs.colostate.edu
- Diagram at uwlax.edu