Brian Eno
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2014.) |
Brian Peter George St. John le Baptiste de la Salle Eno, nado en Woodbridge (Suffolk) o 15 de maio de 1948, comunmente coñecido como Brian Eno, é un músico, compositor, produtor, cantante e artista visual inglés, famoso por ser un dos principais innovadores na música ambiente.
Traxectoria
editarEno estudou na escola de arte Colchester Institute en Essex, inspirándose na pintura minimalista. Durante ese tempo na escola de arte gañou experiencia compoñendo, tocando e tomando clases na escola de música que había ao lado do Colchester Institute.
Uniuse á banda Roxy Music como teclista a principios dos 70 e o éxito da banda na escena glam rock chegou rapidamente. Pero Eno cansouse pronto dos confitos co vocalista Bryan Ferry e de saír de xira, e deixou o grupo despois da edición de For Your Pleasure (1973), comezando a súa carreira en solitario cos álbums de art rock Here Come the Warm Jets (1973) e Taking Tiger Mountain (By Strategy) (1974).
Eno abriuse cara a estilos de música máis experimentais con (No Pussyfooting) (1973) e Evening Star (1975), ámbolos dous colaborando con Robert Fripp, The Lamb Lies Down on Broadway (1974) con Genesis, onde o seu traballo aparece acreditado co nome "Enossification", e os seus influentes traballos en solitario Another Green World (1975) e Discreet Music (1975). Os seus esforzos pioneiros co son ambient comezaron a consumir o seu tempo con Ambient 1: Music for Airports (1978) e posteriormente con Apollo: Atmospheres and Soundtracks (1983), que foi composto para o filme documental For All Mankind. Porén, Eno seguiu cantando nalgúns dos seus discos, indo de Before and After Science (1977) a Wrong Way Up (1990) con John Cale, ata chegar os seus máis recentes Another Day on Earth (2005) e Drums Between the Bells (2011).
O traballo de Eno en solitario ten sido extremadamente influente, sendo pioneiro nas músicas ambiente e xenerativa, innovando técnicas de produción, e enfatizando "a teoría sobre a práctica". Tamén intruduciu o concepto de música aleatoria a audiencias máis xerais, particularmente a través de colaboracións con outros músicos. Cara finais dos 70, Eno traballou con David Bowie na súa "Berlin Trilogy", axudou a popularizar á banda punk rock estadounidense Devo e o xénero No Wave, e tamén realizou traballos frecuentemente con Harold Budd, John Cale, Cluster, Robert Fripp e David Byrne, co cal produciu o influente My Life in the Bush of Ghosts (1981). Produciu e tocou en tres álbums de Talking Heads, entre eles Remain in Light (1980); foi produtor de sete discos de U2, e traballou en álbums de James, Laurie Anderson, Coldplay, Depeche Mode, Paul Simon, Grace Jones e Slowdive, entre outros.
Eno realiza traballos multimedia á parte da súa carreira musical, onde se inclúen instalacións de arte, unha columna no xornal The Observer e outra columna sobre sociedade e innovacións na revista Prospect. Eno continua colaborando con outros artistas, producindo discos, editando a súa propia música e escribindo.
Discografía
editar- Álbums de estudio en solitario
Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Here Come the Warm Jets | 1974 | Island Records |
Taking Tiger Mountain | 1974 | Island Records |
Another Green World | 1975 | Island Records |
Discreet Music | 1975 | Obscure Records |
Before and After Science | 1977 | Polydor Records |
Ambient 1: Music for Airports | 1978 | Polydor Records |
Music for Films | 1978 | Polydor Records |
Ambient 4: On Land | 1982 | E.G. Records |
Apollo: Atmospheres and Soundtracks | 1983 | E.G. Records |
More Music for Films | 1983 | E.G. Records |
Thursday Afternoon | 1985 | E.G. Records |
Nerve Net | 1992 | Opal, All Saints Records |
The Shutov Assembly | 1992 | Opal, All Saints Records |
Neroli | 1993 | All Saints Records |
Headcandy | 1994 | BMG |
The Drop | 1997 | All Saints Records |
Another Day on Earth | 2005 | Hannibal Records |
Lux | 2012 | Warp Records |
The Ship | 2016 | Warp Records |
Reflection | 2017 | Warp Records |