Nutrición autótrofa

tipo de nutrición dos seres vivos capaces de sintetizaren substancias esenciais para o seu metabolismo partindo de substancias inorgánicas
(Redirección desde «Autotrofia»)

A nutrición autótrofa (de autos, "por si mesmo", e trofo, "que se alimenta") é o tipo de nutrición característica dos denominados individuos autótrofos ou produtores, é dicir, aqueles capaces de sintetizaren substancias esenciais para o seu metabolismo partindo de substancias inorgánicas. Os autótrofos obteñen o seu carbono do CO2. Existen dous tipos de procesos autótrofos:

  • A fotosíntese dos seres fotolitoautrótofos (característico de plantas e outros organismos) que é o proceso no que se elabora materia orgánica, como os azucres, a partir de materia inorgánica, como a auga, dióxido de carbono e sales minerais. Para realizar esta reacción química requírese a enerxía bioquímica que a clorofila produce a partir da enerxía solar.
A alga Volvox é un ser con nutrición autótrofa.
A fotosíntese presenta unha fase luminosa, na que a enerxía procedente do Sol é transformada en enerxía bioquímica, e unha fase escura, na que, utilizando esta enerxía bioquímica, se obteñen azucres.
  • A quimiosíntese dos organismos quimiolitótrófos realizada por bacterias mediante a oxidación de compostos inorgánicos (anhídrido sulfuroso ou compostos ferrosos) para produciren enerxía.

Tipos de organismos autótrofos

editar

Os fotosintéticos

editar

A fotosíntese é un dos procesos metabólicos máis importantes desenvolvidos na natureza, xa que a materia orgánica se sintetiza durante este proceso. Realízase nos cloroplastos das células vexetais, onde se localizan os pigmentos fotosintéticos capaces de absorberen e captaren a enerxía luminosa procedente do sol. Estes pigmentos son a clorofila (verde), as xantófilas (amarelas) e os carotenoides (alaranxados).

Fases da fotosíntese

editar
Artigo principal: Fotosíntese.
 
Diagrama dun cloroplasto onde se realiza a fotosíntese.
  • Paso de membrana: proceso no que as moléculas inorgánicas sinxelas (auga, sales minerais e dióxido de carbono) atravesan a membrana celular da propia célula por absorción directa, sen gasto enerxético.
  • Metabolismo: é o conxunto de reaccións químicas que acontecen no citoplasma celular, e que teñen por resultado a obtención de enerxía bioquímica utilizable pola célula e a fabricación da súa propia materia celular.

Á súa vez este proceso presenta tres fases:

  • A fotosíntese en si: onde se parte de materia inorgánica para a dar lugar a materia orgánica, principalmente de azucres (na fase escura), coa axuda da enerxía bioquímica que produce a clorofila a partir da enerxía solar (fase luminosa). A principal fonte é o dióxido de carbono do aire. Acontece nos cloroplastos e a súa ecuación xeral é a seguinte:
Luz solar + CO2 + H2O + Sales minerais --> Materia orgánica + O2
  • Excreción: é a eliminación, a través da membrana celular, dos produtos de refugallo procedentes do metabolismo. O osíxeno libérase pois como produto residual e logo é utilizado pola meirande parte dos organismos para a súa respiración celular.

Os quimiosintéticos

editar

Son seres que non precisan da luz do sol para obteren enerxía para a construción da súa propia materia orgánica. Estes seres conseguen a enerxía mediante a oxidación dalgunhas moléculas inorgánicas (basicamente algúns compostos de ferro, nitróxeno e xofre). Todos os seres que realizan este tipo de procesos pertencen ao reino das moneras, onde se atopa o grupo das bacterias.

Seres autótrofos na cadea trófica

editar

Como membros da cadea trófica, os organismos produtores son unha parte esencial, xa que absorben a enerxía solar e aproveitan as fontes inorgánicas transfórmandoas en produtos orgánicos. Finalmente estas substancias serán empregadas nas funcións biolóxicas da propia célula e tamén por outros seres vivos (os heterótrofos) que se alimenten delas. Para os heterótrofos, a obtención de enerxía débese á rotura dos enlaces das moléculas inxeridas e na posterior elaboración das propias substancias.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar