Algas douradas
Algas douradas | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Dinobryon sp. da lagoa de Shishitsuka (Xapón) | |||||||||
Clasificación científica | |||||||||
| |||||||||
Ordes | |||||||||
Chromulinales |
As algas douradas, clasificadas dependendo das clasificacións como Chrysophyta (crisófitas) ou Chrysophyceae (crisofíceas), son un gran grupo de algas, principalmente de auga doce.[1]
Membros do grupo
editarA clasificación das algas heterocontas non chegou a un consenso e é cambiante. As Chrysophyceae teñen categoría de clase, mentres que o termo Chrysophyta ten un rango taxonómico superior (división, reino), pero os detalles varían segundo as clasificacións. Na táboa da dereita están tratadas como clase. Antes o grupo incluía todas as formas heterocontas excepto as diatomeas e as algas pardas multicelulares, pero despois foron divididas en varios grupos baseados na pigmentación e estrutura celular. Actualmente o grupo está xeralmente restrinxido a un conxunto máis pequeno de formas moi relacionadas, que se distinguen principalmente pola estrutura do flaxelo das súas células móbiles, tamén tratado como a orde Chromulinales. Seguramente a clasificación será revisada consonte se vaian estudando en detalle máis especies.
Características e clasificación
editarPresentan diversos tipos morfolóxicos (flaxelados, ameboides e inmóbiles), que orixinalmente foron tratados como diferentes ordes ou familias.
- A maioría dos membros son unicelulares flaxelados, con dous flaxelos visibles, como en Ochromonas, ou con só un, como en Chromulina. As Chromulinales tal como as describiu inicialmente Pascher en 1910, incluían só o último tipo, monoflaxelado, e as outras eran consideraras como a orde Ochromonadales. Porén, diversos estudos estruturais revelaron que as Chromulinales tiñan sempre un segundo flaxelo moi curto ou polo menos un segundo corpo basal, polo que isto xa non se considera unha distinción válida. A maioría dos membros non teñen cuberta celular. Algúns teñen loricas ou cunchas, como é o caso de Dinobryon, que é sésil e crece en colonias ramificadas. A maioría das formas con escamas silíceas son hoxe consideradas un grupo separado, os sinúridos, pero uns poucos pertencen ás Chromulinales, como Paraphysomonas.
- Algúns membros son xeralmente ameboides, con longas extensións celulares ramificadas, aínda que tamén pasan por estadios flaxelados. Chrysamoeba e Rhizochrysis son exemplos típicos. Hai tamén unha especie, Myxochrysis paradoxa, que ten un complexo ciclo de vida que implica estadios plasmodiais multinucleados, similares aos atopados nos micetozoos. Estes foron tratados orixinalmente como pertencentes á orde Chrysamoebales. O xénero superficialmente similar Rhizochromulina era antes incluído aquí, pero agora se lle deu a súa propia orde baseándose nas diferenzas na estrutura do estadio flaxelado.
- Outros membros non son móbiles. As súas células poden ser espidas e rodeadas de mucilaxe, como Chrysosaccus, ou cocoides e con parede celular, como en Chrysosphaera. Unhas poucas presentan unha organización filamentosas ou mesmo parenquimatosa, como Phaeoplaca. Estas antes estaban incluídas en varias antigas ordes, pero a maioría dos seus membros están agora incluídos en grupos separados. Hydrurus e outras formas similares, son xéneros de augas doces que forman filamentos ramificados xelatinosos, que son a miúdo situados separadamente na orde Hydrurales, pero que tamén poden pertencer a este grupo.
Evolución
editarAs crisófitas conteñen o pigmento fucoxantina. A causa disto foron algunha vez consideradas unha forma especializada de cianobacterias. Como moitos destes organismos teñen unha cápsula de sílice, teñen un rexistro fósil relativamente completo, o que permitiu aos modernos biólogos confirmar que, de feito, non derivan das cianobacterias, senón máis ben dun antepasado que non posuía a capacidade de fotosintetizar. Moitos dos fósiles precursores das crisófitas carecen totalmente de calquera tipo de pigmento co que poidan facer a fotosíntese. A maioría dos biólogos cre que as crisófitas adquiriron a súa capacidade de fotosintetizar a partir das súas relacións endosimbióticas con cianobacterias que contiñan fucoxantina.
Notas
editar- ↑ "Introduction to the Chrysophyta". Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2012. Consultado o 21 agosto 2012.
- ↑ Enciclopedia Galega Universal. Tomo 6. Ir Indo. ISBN 84-7680-294-3 (do tomo)
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Sina M. Adl, Alastair G. B. Simpson, Mark A. Farmer, Robert A. Andersen, O. Roger Anderson, John A. Barta, Samual S. Bowser, Guy Bragerolle, Robert A. Fensome, Suzanne Fredericq, Timothy Y. James, Sergei Karpov, Paul Kugrens, John Krug, Christopher E. Lane, Louise A. Lewis, Jean Lodge, Denis H. Lynn, David G. Mann, Richard M. McCourt, Leonel Mendoza, Øjvind Moestrup, Sharon E. Mozley-Standridge, Thomas A. Nerad, Carol A. Shearer, Alexey V. Smirnov, Frederick W. Spiegel, Max F. J. R. Taylor: The New Higher Level Classification of Eukaryotes with Emphasis on the Taxonomy of Protists. The Journal of Eukaryotic Microbiology 52 (5), 2005; Seiten 399-451 [1]
- Strassburger, E. Tratado de Botánica. 7ª edición. Omega, Barcelona, Páxinas 603-608. ISBN 84-7102-990-1