Abel

personaxe bíblico, fillo de Adán e Eva
Este artigo trata sobre o personaxe bíblico, para o nome véxase:Abel (nome).

Abel é, segundo a Biblia, o segundo fillo de Adán e Eva.  O seu nome significa "O que está con Deus". Foi asasinado polo seu irmán Caín, quen envexaba a satisfacción divina coas ofrendas de Abel; de acordo ao relato, a súa foi a primeira morte dun ser humano.

A morte de Abel, gravado de Gustave Doré, (1832-1883).

Historia

editar

A historia, relatada na Xénese, afirma que Abel dedicábase a pastorear ovellas e o seu irmán máis vello dedicábase á agricultura.[1] As ofrendas de Caín non foron do agrado de Deus, non pola súa acción ou polas ofrendas en si, senón pola súa vontade de ofrendar. Con todo aceptou as do seu irmán máis novo. A razón do favor divino segundo a tradición talmúdica fai fincapé no matiz de xenerosidade con que Abel ofrece a Deus as máis selectas ovellas do seu rabaño para destacar que a ofrenda de Caín, nacida da obriga e non da xenerosidade, non era desexábel.

A razón pola que Deus só aprobou a ofrenda de Abel explícase en escritos posteriores. A epístola aos hebreos cita a Abel como o primeiro home de fe, e mostra que esta fe resultou en que o seu sacrificio fóra de “maior valor” que a ofrenda de Caín.[2]

Ireneo de Lión, seguindo o texto da Septuaxinta, afirmou que:

"Deus puxo os ollos sobre as puras oblacións de Abel, porque as ofrecía con sinxeleza e xustiza; en troques, non mirou o sacrificio de Caín, porque o seu corazón estaba dividido polos celos e malas intencións contra seu irmán, segundo o mesmo Deus lle dixera ao reprendelo polo que ocultaba: «Acaso non pecas aínda que ofrezas o teu sacrificio rectamente, se non compartes con xustiza? Tranquilízate.» Porque non se aplaca a Deus co sacrificio. Por iso, se alguén tratara de ofrece-lo seu sacrificio de xeito que parecera puro, recto e lexítimo, mentres na súa alma non compartira con rectitude no trato co seu irmán ni tivera temor de Deus, non por ter ofrecido un sacrificio externamente correcto seduciría a Deus: por dentro estaría cheo de pecado e a súa oblación non lle serviría de nada se non cesa de face-lo mal que concibira interiormente, pois ao simular unha obra, o pecado mesmo converte en homicida a esa persoa ... Non son os sacrificios os que purifican o ser human, pois Deus non os precisa; senón a conciencia pura de quen o ofrece é o que santifica o sacrificio."

[3]

Varios intérpretes ven aquí unha aplicación retroactiva da soterioloxía sacrificial cristiá, exposta en Hebreos 9:22. Para redimir os pecados Deus esixía o sacrificio de animais e non de froitos da terra, "sen derrama de sangue non hai remisión". Esta visión retrospectiva interpreta que cando Adán e Eva pecaron foron sacrificados animais, pois foi así coma Deus proveu as peles para facer a roupa para os cubrir (Xénese 3:21). Abel cumpriu cos desexos de Deus, pero Caín soamente ofreceu froitos.[4][5]

 
Representación de Caín conducindo a Abel á morte, por James Tissot.

De acordo á tradición oral, as ofrendas de Abel foron consumidas polo lume enviado por Deus. Caín, non satisfeito do favor deste, e a pesar da advertencia divina de que era a xustiza das súas obras o que decidiría que a súa ofrenda se aceptase ou non, matou o seu irmán. Segundo Xerome de Estridón, que recolle unha antiga tradición, o lugar dos feitos é a localización da actual Damasco; outros haxiógrafos fíxano xunto a Hebrón, aínda que non hai tradicións locais que avalen ningunha das lendas.

Pola morte de Abel, Caín foi expulsado "da presenza de Xahveh", e marchou a morar á terra de Nod, "ao leste do Edén". A tradición xudía di que Abel foi soterrado polos seus pais, seguindo as indicacións dun corvo enviado por Deus para ese propósito; o Corán, pola contra, sostén que foi Caín quen foi instruído por un corvo para o soterrar.[6] No capítulo 22 do libro de Enoc, que forma parte do canon da Igrexa ortodoxa etíope, faise mención ao espírito de Abel; indicándose que este estaría no lugar onde os espíritos de todos os seres humanos esperan o gran xuízo no fin dos tempos. Naquel lugar Abel realizaría a súa acusación e denunciaría ao seu irmán Caín até que a semente do seu irmán desapareza da face da terra; e fágase xustiza.

O Novo Testamento menciona con frecuencia a Abel como prototipo de xusto. Xesús canonízao en Mateo como o primeiro dos mortos en nome da xustiza, e o seu exemplo serve aos apóstolos como analoxía e premonición do de Xesús.[7] Os pais da Igrexa cóntano entre os mártires. No Corán o pacifismo de Abel, que se nega a responder á violencia de Caín, é a virtude que o salva; é o principal exemplo de humildade e mansedume para os musulmáns.

As interpretacións críticas do texto bíblico viron na historia unha versión estilizada dos conflitos entre pobos agricultores e os hebreos, fundamentalmente pastorís; o filólogo Thomas Kelly Cheyne sostén que se trata dunha antiga lenda israelita, indubidabelmente anterior á compilación da Xénese, aproveitada polo xahvista polo seu valor moral. Notouse tamén a similitude entre o termo, de dubidosa etimoloxía, e o árabe jibil, "camelo". É posíbel que Caín sexa un epónimo dos ceneos, nese caso Abel sería probabelmente un heroe mítico de Xudea.

Outra explicación é ver no relato unha das interaccións humanas máis habituais. Na tradición posterior, Abel pasou como o prototipo do home xusto.

  1. Genesis 4:1-16
  2. Hebreos "11:4". BibleGateway (en castelán). 
  3. Ireneo de Lyon (189) El Nuevo Testamento cumple el AntiguoExposición y refutación de la falsa gnosis (Contra los Herejes). Biblioteca Católica Digital
  4. «¿Por qué Dios requería de sacrificios de animales en el Antiguo Testamento?»; GotQuestions (en castelán).
  5. Caín ou Abel?; Aguas Vivas.
  6. Corán, sura 5, versículo 31
  7. "Mateo 23:34-35". Arquivado dende o orixinal o 19 de xaneiro de 2016. Consultado o 25 de xuño de 2016. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Cheyne, T. K. e Black, J. S. (1899-1903). Cheyne, T. K. and Black, J. S. (1899-1903). Encyclopædia Bíblica. London: Adam and Charles Black, e New York: The Macmillan Company. 
  • Meyer, E. (1967). Meyer, E. (1967). Die Israeliten und ihre Nachbarstämme. Darmstadt: Wissenschaftliche Buchgesellschaft. 
  • Winckler, H. (1895). Winckler, H. (1895). Geschichte Israels in Einzeldarstellungen. Leipzig. 

Outros artigos

editar