A familia de Pascual Duarte
A familia de Pascual Duarte é unha novela de Camilo José Cela, escrita en lingua castelá co título de La familia de Pascual Duarte e publicada en 1942 por Aldecoa. A obra foi traducida ao galego por Vicente Risco[1], e publicada en 1962 con prólogo de Ramón Otero Pedrayo e ilustracións de Rafael Zabaleta[2]. A obra foi reeditada en galego en 1982 por Edicións Xerais.[3]
A familia de Pascual Duarte | |
---|---|
Título orixinal | La familia de Pascual Duarte |
Autor/a | Camilo José Cela |
Orixe | España |
Lingua | Castelán |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | Aldecoa |
Data de pub. | 1942 1962 |
Tradución | Vicente Risco |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Trala primeira edición de 1942 volveuse editar ao ano seguinte, mais prohibiuse a súa distribución. En 1945 foi editada en Buenos Aires por Emecé, e en 1946 apareceu en Barcelona da man de Ediciones del Zodiaco.
A novela está considerada como creadora do xénero do tremendismo, que bebe da tradición realista española: a picaresca, o naturalismo do século XIX e a novela social da década de 1930. A obra nace no contexto da posguerra, enmarcada entre o existencialismo e o extremo realismo. Pascual Duarte é un home da Estremadura rural, que carece de toda habilidade social e que só coñece a violencia como único recurso para solucionar os problemas aos que debe facer fronte. A novela ten varios narradores, o principal deles o propio protagonista, Pascual Duarte, quen conta a historia da súa vida cunha linguaxe que evoca a fala rural, e que recorre decote a comparacións coa natureza e frecuentemente ao uso do refraneiro castelán.
O protagonista é da vila de Torremejía, e vive entre 1882 e 1937, anos de inestabilidade socio-política en España. Pascual Duarte vese influenciado, condicionado e impregnado polo clima social do momento. Os personaxes viven nun ambiente de marxinación, sumidos na incultura, a dor e a angustia; isto fai que as historias xiren arredor do grotesco ou repulsivo, buscando así a reacción da persoa lectora.
Trama
editarA trama iníciase cunha descrición da súa infancia na vila da provincia de Badaxoz, nunha casa modesta do rural. A irmá máis nova acaba prostituíndose, e un irmán máis novo con discapacidade psíquica, maltratado pola nai e pola parella desta, falece nun accidente. Logo de casar con Lola cando esta está embarazada, ao regreso da lúa de mel en Madrid Pascual vese inmiscuído nunha pelexa tabernaria. Esa mesma noite Lola aborta por un accidente coa egua na que ía montada. Ao cabo dun tempo Lola queda embarazada de novo e o fillo fai feliz á parella, mais o pequeno morre aos once meses. Pascual Duarte escapa da aldea logo de matar un home, e pasa un tempo traballando na Coruña.
Ao regreso á casa sabe que Lola está embarazada do que fora parella da súa irmá Rosario. Lola morre -non se explica como- e Pascual mata ao home, polo cal pasa tres anos no cárcere. No segundo regreso á vila, casa cunha amiga da súa irmá, Esperanza. Pascual, que comezara a odiar á súa nai trala morte do seu irmán, acaba matándoa e regresa ao cárcere, onde á fin se sente libre.
Narración
editarEstrutura
editarO libro conta con varias entregas de escritos de diferentes autores:
- Nota do transcritor: informa sobre o achado do manuscrito de Pascual Duarte a mediados de 1939, cun papel de simple depositario do autor. Xustifica a publicación do relato para mostrar en Pascual un modelo de comportamento a evitar.
- Carta anunciando o envío do orixinal: o 15 de febreiro de 1937, desde a súa cela de condenado a morte e como "pública confesión" da súa vida, Pascual envía o manuscrito ao Sr. Barrera, por ser este o único amigo de Jesús González de la Riva cuxo enderezo coñece Pascual, asasino convicto e confeso de Jesús. Na carta Pascual indica que non o fai con intención de se desculpar, senón que intenta calmar a súa conciencia.
- Cláusula do testamento: o 11 de maio (data de nacemento de Cela) de 1937 o señor Barrera deixa estipulado no seu testamento que debe ser queimado sen ser lido, mais que se ao cabo de dezaoito meses non ardeu, quen o atope pode usalo a vontade.
- Memorias de Pascual Duarte: dispostas en dezanove capítulos. Pascual dedica o seu escrito á memoria do "insigne patricio" don Jesús González de la Riva, Conde de Torremejía, quen, ao ir rematalo, le llamó Pascualillo y sonreía.
- Nota do transcritor: nela explica que Pascual debeu estar recluído na prisión de Chinchilla de Monte-Aragón até 1935 ou 1936, e que posiblemente saíu de presidio antes de comezar a guerra. Di que non puido saber nada dos acontecementos sucedidos na vila durante os quince días desde o Alzamento Nacional até a chegada das tropas golpistas, polo que debeu ser entón cando Pascual Duarte matou Jesús.
- Cartas: nelas relátase de forma distinta a morte de Pascual Duarte. Na primeira o capelán do cárcere de Badaxoz di que a conduta do protagonista foi valente e cristiá. Na segunda un garda civil explica que o protagonista comezou enfrontando o seu destino con xactancia, mais que finalmente se mostrou covarde.
Personaxes
editarPascual Duarte: narrador-protagonista. Home rancoroso e impulsivo, o que o leva a asasinar en arrebatos.
- Rosario: irmá de Pascual, é quen de exercer o control sobre o seu pai, que diante dela non pega á nai nin arma bulla. Marcha da casa e regresa humillada polo seu rufián, coñecido como Estirao. A súa relación con Pascual é boa.
- Esteban Duarte: pai de Pascual. De orixe portuguesa, foi contrabandista, polo cal estivo no cárcere. Violento coa súa muller e con Pascual. Morre por mor da mordedura dun can rabioso.
- Lola: primeira esposa de Pascual. Perdeu os seus dous fillos -un nun aborto accidental e outro doente. Tras a marcha de Pascual á Coruña, queda embarazada do Estirao, e morre tras llo contar a Pascual.
- Mario: medio irmán de Pascual por parte de nai, xa que non era fillo de Esteban, senón de Rafael. É diminuído psíquico e físico, e é mudo. Un porco comeulle as orellas, e morre aos once anos afogado nunha talla de aceite.
- Rafael: amante da nai de Pascual, malvado co seu fillo Mario.
- Nai de Pascual: perversa, cruel, alcohólica e violenta. Morre a mans de Pascual.
- Engracia: curandeira da vila. Está presente nos partos e nas doenzas da familia.
- Estirao: proxeneta. Pascual ódiao profundamente. Primeiro vive a costa de Rosario, e logo deixa embarazada a Lola.
- Don Manuel: sacerdote da vila. Pascual fai amizade con el tras o enterro de seu pai, e vai velo antes de casar.
- Lurueña: sacerdote da prisión. Lévase ben con Pascual, e confésao por vontade propia.
- Esperanza: segunda muller de Pascual, sobriña de Engracia.
- Don Conrado: director do cárcere de Chinchilla. Axuda a Pascual cando sae da prisión por vez primeira.
Notas
editar- ↑ Vázquez-Monxardín Fernández, A. (2003): "A traducción galega de A familia de Pascual Duarte", en Boletín Galego de Literatura nº 29, páx. 167-220.
- ↑ A familia de Pascual Duarte Arquivado 20 de maio de 2018 en Wayback Machine., edición de 1962, en BiTraGa.
- ↑ A familia de Pascual Duarte Arquivado 20 de maio de 2018 en Wayback Machine., edición de 1982, en BiTraGa.
Véxase tamén
editarA Galicitas posúe citas sobre: La familia de Pascual Duarte na súa lingua orixinal |
Bibliografía
editar- Cela, Camilo José (2014): La familia de Pascual Duarte. Edición de Darío Villanueva. Madrid, Ed. Vicens Vives. ISBN 978-84-682-1349-1