Ácido 3-fosfoglicérico

(Redirección desde «3-fosfoglicerato»)

O ácido 3-fosfoglicérico (3PG) ou ácido 3-fosfo-D-glicérico [1] é unha molécula moi importante no metabolismo, xa que intervén (en forma ionizada) na glicólise e no ciclo de Calvin da fotosíntese. Trátase dun ácido carboxílico de tres carbonos, cun grupo OH no carbono 2 e un grupo fosfato esterificado no carbono 3 [2]. Pola posición do OH é unha forma D. Pola súa estrutura química pode considerarse un derivado do ácido glicérico.

Ácido 3-fosfoglicérico
Fórmula esquelética
Modelo de esferas e paus
Identificadores
Número CAS 820-11-1
PubChem 439183
ChemSpider 388326
ChEBI CHEBI:17794
ChEMBL CHEMBL1160563
Imaxes 3D Jmol Image 1
Propiedades
Fórmula molecular C3H7O7P
Masa molar 186,06 g mol−1

Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.

A forma desprotonada (COO-) do ácido denomínase 3-fosfoglicerato, que é a forma na que está a pH celular e na que intervén no metabolismo.

Glicólise e gliconeoxénese

editar

Na glicólise o 3-fosfoglicerato é un dos intermediarios da ruta. A molécula da glicólise de 3 carbonos 1,3-difosfoglicerato orixina encimaticamente 3-fosfoglicerato en reacción catalizada pola fosfoglicerato quinase. Nesta reacción prodúcese formación de ATP a partir do ADP e dun dos fosfatos do 1,3-difosfoglicerato, polo que se trata dunha fosforilación a nivel de substrato. Por tanto, é un dos puntos onde se produce ATP na glicólise [3].

Despois o 3-fosfoglicerato transfórmase en 2-fosfoglicerato pola acción da fosfoglicerato mutase.

  ADP   ATP
 
Fosfoglicerato
quinase
 
1,3-difosfoglicerato
+ ADP
  3-fosfoglicerato
+ ATP
 

O 3-fosfoglicerato intervén tamén na gliconeoxénese, ruta na que realiza as reaccións inversas ás que realiza na glicólise.

Ciclo de Calvin

editar

No ciclo de Calvin da fase escura da fotosíntese o 3-fosfoglicerato é unha molécula chave. Cando se incorpora (fixa) unha molécula de CO2 á ribulosa 1,5-bifosfato esta xera unha molécula inestable de 6 carbonos, que axiña rompe orixinando dúas moléculas de 3-fosfoglicerato. Este 3-fosfoglicerato é a primeira molécula estable que incorpora carbono na fotosíntese C3, que se chama C3 porque o 3-fosfoglicerato ten 3 carbonos. Despois o 3-fosfoglicerato redúcese a gliceraldehido 3-fosfato, previa formación de 1,3-difosfoglicerato, continuando as reaccións do ciclo de Calvin [3].

Cando na planta se produce fotorrespiración, despois da fixación do CO2 só se forma unha molécula de 3-fosfoglicerato (en vez de dúas), xunto con outra de fosfoglicolato. Esta última inicia as reaccións da fotorrespiración.

Síntese de aminoácidos

editar

O 3-fosfoglicerato é tamén un precursor da serina. O 3-fosfoglicerato inicia a ruta de síntese, transformándose por deshidroxenación encimática en 3-fosfohidroxipiruvato, e este por transaminación co glutamato orixina fosfoserina, que dá lugar á serina libre ao hidrolizarse o seu fosfato. A partir da serina tamén se poden formar glicina e cisteína (polo ciclo da homocisteína).[3]

  1. PubChem compound 3-phosphoglyceric acid
  2. ChemSpider
  3. 3,0 3,1 3,2 A. Lehninger. Principios de Bioquímica. Omega. (1988). Páxinas 408-411, 620, 663-665. ISBN 84-282-0738-0

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar